A PLATAFORMA EN DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA DA GUARDA, chama a participar na Concentración que se realizará o próximo mércores 21 de abril ás 8 da tarde na Praza Avelino Vicente da Guarda.

Nesta ocasión as distintas plataformas de Galiza integradas en SOS sanidade pública convocamos mobilizacións en varias vilas e cidades galegas para esixir da Xunta de Galiza a recuperación do sistema sanitario público galego trala pandemia da COVID-19.

A pandemia chegou a unha atención primaria debilitada polos gobernos do PP, sen suficientes recursos humanos, materiais e organizativos que limitou a súa capacidade para poder asumir a enfermidade e ao mesmo tempo atender adecuadamente as outras patoloxías. Un bo exemplo desta situación vivímola na Guarda que durante unha boa parte da pandemia contou en algúns momentos coa metade do persoal médico que lle corresponde.

As barreiras de acceso aos Centros de Saúde e ás especialidades hospitalarias, que suspenderon consultas, probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas afecta a saúde da poboación e está xerando un gran malestar tanto do persoal sanitario como a a nível social.

A dificultade de comunicarse cos Centros de Saúde e de recibir asistencia presencial e outros dos problemas serios que estamos vivindo e para o que esiximos solucións inmediatas. Por todo esto desde a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda chamamos a todo o pobo da Guarda a participar nesta concentración.