A partir do mes de outubro, a Biblioteca-Centro de Documentación do MARCO reinicia as actividades do seu Club de Lectura, con tres novos grupos (dous presenciais e un virtual), cada un limitado a 14 participantes. As sesións terán lugar unha vez ao mes, cumprindo co protocolo anti-covide e todas as normas de hixiene e seguridade.

Lugar: sala de lectura. Biblioteca–Centro de documentación do MARCO (1º andar)

GRUPO 3 [virtual] = 2º xoves de cada mes

Presentación - 1ª sesión GRUPO 3: xoves 7 de outubro

O Club #BiblioMARCO é unha actividade gratuíta, concibida como espazo de encontro e intercambio de experiencias para persoas interesadas nas artes en xeral. Os eixes argumentais das novelas están relacionados coa arte nas súas distintas manifestacións, e cada sesión está acompañada con material de apoio e catálogos que, máis alá da lectura en si, establecen relacións con obras e movementos artísticos, música e cinema, o que converte o club #BiblioMARCO nunha experiencia diferente que axuda a afondar nos contidos da creación contemporánea.

O obxectivo é constituír un espazo de debate e pensamento crítico en torno aos múltiples temas que aparecen nos libros e achegar, por esta vía, a arte contemporánea a novos públicos.

A iniciativa xorde na tempada 2019-2020, con tres grupos presenciais, e 22 persoas por grupo. En 2020-2021 créanse catro grupos para compensar a redución de aforo debida á crise da Covid: tres presenciais de 9 participantes, e outro virtual, a través da plataforma ZOOM, con 15 participantes.

A organización deste grupo telemático, derivado das restricións sanitarias, revelouse ao mesmo tempo como unha oportunidade que abría novas vías de participación e accesibilidade. Así pois, nesta nova tempada decidiuse manter a modalidade virtual, que permite sumar persoas interesadas dende lugares máis afastados, e superar limitacións físicas, mellorando así as oportunidades de acceso á cultura.

En ocasións, as sesións están acompañadas de actividades paralelas, como a reflexión en torno á creación da man do artista Eduardo Gruber e a súa exposición no MARCO, o encontro artístico-literario entre Celeste Garrido e Arantza Portabales, ou a proxección do documental "Las Sinsombrero", de Tània Balló, en colaboración con RTVE.

Todo iso contribúe a unha sensación de comunidade que fai de #BiblioMARCO un espazo de intercambio e achegamento intelectual e tamén afectivo.