Proxección de "A grande ilusión" [Jean Renoir, 1937, Francia, 114 min., VOSE], organizada polo Cineclube Pontevedra.

Lingua orixinal: francés, alemán, inglés, ruso.

Primeira Guerra Mundial (1914-1918). O avión en que viaxan o capitán Boëldieu e mailo alférez Maréchal é derrubado polos alemáns e ámbolos son encarcerados. No barracón do campo de Hallsbach onde están recluídos, deben convivir cun variopinto grupo de compatriotas que, máis aló das diferenzas de clase que existen entre eles, únense para escavar un túnel que posibilite a súa fuxida.

Drama bélico cun marcado carácter antibelicista, A grande ilusión foi recibida con entusiasmo polo público mais prohibida nos países onde se instauraran reximes fascistas. Foi presentado no Festival de Venecia e censurado por Mussolini e por Goebbels, quen calificou a Renoir coma inimigo cinematográfico número 1.

O Cineclube Pontevedra comeza o 2021 cun pequeno ciclo dedicado ao francés Jean Renoir (1894-1979), actor, guionista e director fundamental para a Historia do Cinema, e un dos referentes básicos para o posterior desenvolvemento da Nouvelle Vague. Proxectaranse tres das súas obras mestras incontestables dos anos 30, época que tende a enmarcarse no que se deu en chamar naturalismo poético e que está fondamente atravesada pola convulsa situación que viven Francia e Europa antes do estalido da II Guerra Mundial.

As proxeccións regresarán ao seu horario habitual (20:30) e a billeteira do Teatro estará aberta unha hora antes (19:30) para que se poidan adquirir as entradas de maneira ordenada. O aforo actual está establecido en 98 persoas con posibilidade de agrupar conviventes de dous en dous.

As sesións de cineclube son de balde para as socias anuais e trimestrais, e teñen un custe de tres euros para as demais.

Irémonos anunciando con antelación calquera modificación derivada da situación sanitaria. A cultura é segura. Cultura ou barbarie.