#camiños é un espectáculo de ButacaZero, en coproducción co Centro Dramático Galego. Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira son os creadores da peza, que conta coa propia Carrodeguas en escena, acompañada de Noelia Blanco, Celina Fernández, Pía Nicoletti e Noa Covelo. A obra aborda o tema da identidade galega desde unha perspectiva millennial, mesturando o teatro físico co bufón, as coreografías co teatro textual e o playback coa pasarela de moda nun aluvión escénico que pretende non deixar a ninguén indiferente.

Durante a obra, o público poderá gozar en directo da música d'As Churrascas, que precisamente fan parte da escenificación. O videoclip do seu primeiro hit, Adios Ríos Adiós Fontes, que versiona con música electrónica o famoso poema de Rosalía de Castro, xa ten 4.000 visitas en YouTube.

#camiños é unha reflexión, en clave irónica, arredor de cuestións como 'quen somos os galegos e as galegas do século XXI?', 'Como nos colocamos no mundo nós, que levamos sempre o móbil pegado á man e vivimos nun mundo globalizado?', ou 'Que queda dos e das nosas devanceiras dentro da nosa sociedade?'. Trátase dunha peza que nos leva de camiño a nós mesmos, ao que somos e ao que desexamos ser, ao que fomos un día e, ao que un día, podemos chegar a ser.

Para tecer este mapa, ButacaZero botou man de todos os rexistros escénicos necesarios: coreografías, teatro físico, bufón, música, playback, pasarela, audiovisuais. #camiños é unha peza imbuída por un espírito millennial, que, ao igual que as redes sociais nas que adoitamos pasar o noso tempo, é un collage ecléctico que tenta explicar o noso mundo. Un aluvión escénico que pretende non deixar a ninguén indiferente. Unha festa teatral na que celebrármonos pero tamén, reflexionármonos.

Sobre #camiños

Carolina viaxa de cara aos EEUU. Daiana, neta dunha emigrada galega, volve da Arxentina. Comparten asento no aeroporto. E entre elas, debúxanse milleiros e milleiros de #camiños. Camiños que unen as aldeas coa cidades, os poemas de Rosalía coa música electrónica, o spinning co churrasco, e as fotos viradas sepia coas que acabamos de colgar en Instagram… Camiños que unen o que fomos e o que desexamos ser.

Sobre a compañía

ButacaZero é a plataforma creativa posta en marcha por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira. Con propostas como #camiños ou 32m2, o tándem sitúase como referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego pola súa capacidade á hora de dialogar co mundo actual. A investigación e a reflexión dende un ollar crítico e irónico son as claves que definen as súas propostas que se concretan en dramaturxias feitas á medida, nas que a tradición teatral se mestura coas posibilidades que ofrece o audiovisual en escena.