As xornadas 'As mulleres que opinan son perigosas', que naceron hai tres anos en Pontevedra da man das xornalistas Susana Pedreira e Diana López Varela, en resposta á ausencia de mulleres columnistas invitadas nun debate en León, regresarán os días 5 e 6 de marzo como a mellor antesala ás celebracións do 8M con sete horas de debate e un total de doce relatorios "para tomar a palabra nas redes", con voces tan recoñecidas como Esther Palomera, Almudena Ariza ou Mar Cabra.

As mulleres xornalistas tomarán a palabra na primeira fin de semana de marzo para ser antesala dun 8M que tampouco este ano vai poder ocupar as rúas e prazas con manifestacións feministas. A falta de manifestacións multitudinarias, alzaremos a voz na rede.

A deste 2021 volve ser unha edición especial e diferente que se desenvolverá a través de Internet á espera de volver reunirnos físicamente en 2022.

Relatoras

A xornalista Susana Pedreira, unha das promotoras do Foro, este ano incorpóranse novos temas e, deste xeito por exemplo estarán presentes a divulgación científica, "que ten máis forza que nunca", así como o humor, o fotoxornalismo, "porque os e as fotoxornalistas durante o confinamento foron os nosos ollos"; a memoria e os podcasts. Pedreira referiuse tamén ao feito de que a celebración destas xornadas en liña está a permitir a creación dunha "biblioteca de contido on line na que as mulleres, a perspectiva de xénero e no noso caso o xornalismo son os protagonistas". Deste xeito nesta cuarta edición enriquecerá ese fondo con outras sete horas de contido "que a xente vai poder ver en directo desde calquera lugar do mundo e que quedará almacenado na rede nas canles de Youtube tanto da Deputación como do Concello". Engadiu que ata agora, as tres edicións anteriores superaron as 10.500 visualizacións das conferencias, que se sumaron á repercusión que tivo a cita nos días de celebración e durante as emisións en directo. "A biblioteca que estamos a crear é como encher 24 veces o Teatro Principal; parécenos interesante seguir agrandando ese contido".

Pola súa banda, Diana López Varela, que interveu telematicamente trala súa recente maternidade, destacou a presencia entre as relatoras de dúas premios Pulitzer, como son Mar Cabra, xornalista de investigación recoñecida polo seu traballo nos papeis de Panamá, e que vai falar do "tecnoestrés xornalístico", así como de Susana Vera, primeira fotoxornalista española en acadar o citado galardón.

O foro ten tamén entre as súas participantes a dúas das máis prestixiosas mulleres do xornalismo en España: Almudena Ariza, correspondente con vinte anos de traxectoria, e Esther Palomera, especializada na análise política. Así mesmo, terán voz xornalistas especializadas no mundo musulmán, como Ebbaba Hameida e participarán tres directoras de medios: María Obelleiro (Nós); María Yáñez (Vinte) e Silvia Carregal (As Nosas). Estarán tamén as responsables da sección de Economía dos principais xornais galegos, Mercedes Mora (Voz de Galicia) e Lara Graña (Faro de Vigo). Pola súa banda, Pampa García Molina falará de ciencia, e o mundo do humor estará representado por Henar Álvarez, mentres que a primeira correspondente de xénero do diario El País, Pilar Álvarez, falará das novas responsabilidades con perspectiva de xénero e María Jesús Espinosa de los Monteros do mundo dos podcasts. Do eido local, as xornalistas Belén López e Montse Fajardo abordarán o tema da cultura e a memoria neste ámbito.

O debate poderá seguirse polas canles do Concello e a Deputación de Pontevedra pero tamén está aberta a inscrición para velo por Zoom a través das webs de ambas administracións (ata o 4 de marzo), no caso de querer intervir e facer preguntas ao remate dos relatorios.

FORMULARIO DE INSCRICIÓN

https://www.depo.gal/es/escola-de-igualdade-maria-vinyals/foro-as-mulleres-que-opinan-son-perigosas/2021#formulario