Con esta nova produción teatral, a décimo quinta da compañía, Redrum Teatro

procurará achegarse á mocidade cos obxectivos de concienciar, educar en igualdade e

inculcar valores que preveñan a violencia de xénero a través do teatro. Ademais,

#2Pilgrims dedícalles unha especial atención aos múltiples efectos que as redes sociais

levan anos exercendo na forma de relacionarse das novas xeracións e de establecer

relacións socioafectivas, achegando ao tempo un cuestionamento crítico ao respecto do

mal chamado amor romántico. Con todas estas metas e empregando a autoficción e a

comedia como principais recursos, #2Pilgrims tomará como punto de partida o Camiño

de Santiago e o fenómeno Xacobeo para trazar un itinerario escénico pola reflexión, a

sensibilización e a igualdade.

Redrum Teatro

A compañía Redrum Teatro funciona como unha empresa cultural dedicada á produción

e distribución de espectáculos e á edición de libros dende o ano 2009. Dende a súa

fundación, a compañía levou a escena obras para o público familiar (Moito Conto,

Roedores, A nena que quería navegar ou Contos do Recreo) e diversos espectáculos

para adultos, entre os que cómpre destacar Currículum vitae, Noiteboa, A canción do

Elefante, Idiota, O mozo da última fila ou Invisibles, montaxe esta última galardoada

cos Premios María Casares á dirección, á iluminación e o texto adaptado en 2019.