Actos O Cineclub Cangas recupera as súas proxeccións con “Adam”.

O Cineclub Cangas retoma desde o venres as súas proxeccións e atendendo aos novos criterios das restricións sanitarias. Manterá a programación tal como estaba prevista inicialmente e as películas que non se puideron proxectar nas últimas semanas quedan aprazadas. Así, o regreso do Cineclub Cangas será coa cinta marroquí “Adam”, unha historia que foi premiada no ano 2019 nas seccións oficiais do Festival de Cannes e na Semana del Cine de Valladolid (Seminci). A protagonista é unha muller que rexenta unha pastelería na súa propia vivenda en Casabranca, onde vive coa súa filla de 8 anos. A súa rutinavese interrompida cando unha moza embarazada chama á súa porta en busca de emprego e teito. A película está dirixida por Maryam Touzani.

O venres 26, ás 19.30 horas no Auditorio de Cangas.

A unidade de doazón acude dous días a Bueu.

A unidade móbil de doazón de sangue estará o venres e o sábado en Bueu. O venres, de 10.00 a 12.00 horas, estará diante do IES Johan Carballeira. Logo desprazarase ata o aparcamento da antiga Casa do Mar para estar de 12.30 a 14.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas. O sábado voltará á antiga Casa do Mar de 10.00 a 15.00 horas.

Venres e sábado en Bueu.

Música en streaming polo Día de Rosalía en Moaña.

O Concello de Moaña organiza varias actividades este mércores 24 polo Día de Rosalía. Máis aló dos eventos para estudantes, dende ás 20.00 horas a través do Facebook do Concello poderán seguir actuacións como a do cantautor Tino Baz ou a dos rapeiros Sebastian Black e It´s Soul. Tamén se emitirá a plantación en Domaio dunha figueira da Casa-Museo de Rosalía de Castro.

O mércores 24 de febreiro no Facebook do Concello de Moaña a partires das 20.00 horas.