«Morra o conto» enfronta Sanxenxo e Mera polo título de perla do turismo

Ambas localidades compiten esta noite (TVG, 22.30 horas), da man dos presentadores, por ser consideradas as referencias vacacionais galegas

Alba Mancebo e David Vilares, nun dos seus pulsos.

Alba Mancebo e David Vilares, nun dos seus pulsos. / CRTVG

REDACCIÓN

Vigo

Hoxe,. domingo, o programa «Morra o conto» (TVG, 22.30 horas), trae unha divertida e refrescante «batalla» entre dúas das localidades máis turísticas de Galicia: Sanxenxo e Mera, en Oleiros. Ambas compiten, da man dos nosos dous presentadores, por ser consideradas a verdadeira perla do turismo costeiro galego.

Dende o Monte do Gozo, Alba Mancebo será a encargada de defender Sanxenxo, un concello que medrou con forza co paso das décadas ata converterse nun destino vacacional de referencia, como presumen moitos dos veciños: “É a Marbella galega”. Por iso, Mancebo, embarcarase con José Antonio e cociñará con Carmen, entre moitas outras sorpresas.

Pola súa parte, David Vilares apostará por Mera, un encantador lugar que combina o turismo de calidade coa tranquilidade, sendo o sitio ideal para aqueles que buscan relaxarse sen renunciar á beleza natural. Ninguén sabe mellor disto que Olga e José, os dous veciños da localidade que guiarán ao noso presentador a través das súas rúas.

Neste debate, non faltarán as anécdotas, os contrastes e, sobre todo, moita diversión. O obxectivo é pasalo ben, coñecer mellor estas dúas fermosas localidades galegas e desfrutar do mellor do humor de «Morra o conto».

«Morra o conto» é un programa de entretemento que enfronta de forma divertida dúas localidades de Galicia arredor dun tópico ou rivalidade que as define, como marisco ou cocido, banda ou orquestra, ou mesmo o eterno Celta-Dépor. A través de reportaxes e entrevistas nunha gala en directo, os presentadores Alba Mancebo e David Vilares descubren historias entrañables, personaxes únicos e momentos de grande emoción, celebrando as diferenzas que enriquecen a identidade galega mentres o público decide se «morre o conto» ou non.

«Morra o conto» tamén está dispoñible en agalega.gal.

Tracking Pixel Contents