‘Morra o Conto’, o programa que celebra as nosas diferenzas

Alba Mancebo e David Vilares presentan o novo programa da TVG que combina humor, emoción e moito “pique”

David Vilares e Alba Mancebo , presentadores de «Morra o conto».

David Vilares e Alba Mancebo , presentadores de «Morra o conto».

Redacción

Os galegos somos máis de marisco ou de cocido? De orquestras ou de bandas de música? A Televisión de Galicia estrea na noite de mañá (22.45 horas) “Morra o Conto”, o programa onde se enfrontan dous lugares de Galicia a partir dun tópico que os separa para ver se hai entendemento. Os presentadores Alba Mancebo e David Vilares coñecerán protagonistas inesquecibles, historias emocionantes e debates apaixonados neste novo formato cheo de humor onde o público ten a última palabra.

En que consiste “Morra o Conto”?

Alba Mancebo (A.M.): É un programa no que enfrontamos tópicos que adoitan dividir a sociedade galega. Que nos identifica máis, o marisco ou o cocido? O Celta ou o Dépor? A Rianxeira ou a muiñeira de Chantada? Confrontamos as dúas localidades que mellor representan os dous bandos e celebramos unha gala nun concello neutral onde abrimos o debate e coñecemos os argumentos mediante reportaxes e entrevistas. Sempre buscamos o “pique” dun xeito saudable! (risas).

David Vilares (D.V.): Ao final sempre facemos ao público a pregunta de se “morre o conto ou non” para ver se chegamos a entendemento, pero non sempre hai sorte! (risas). É unha escusa para celebrar a diversidade de Galicia.

Morra O Conto: Os galegos prefiren marisco ou carne?

FDV

Que pode esperar a audiencia?

D.V.: Un programa entretido cheo de contrastes. Pasas dun momento cheo de risas a historias persoais que espertan emocións a enfrontamentos de tensión palpable, é algo moi novo. A xente vaise ver reflectida e mesmo tomará partido por un dos dous «bandos», estou seguro.

A.M.: Ademais, ofrece a oportunidade de descubrir lugares marabillosos de Galicia dun xeito pouco habitual, que é a través da paixón coa que os veciños defenden o seu con orgullo.

O público intervén durante o programa, non?

A.M.: Moitísimo! Ao final, estamos presentando unha gala en directo diante do público de cada vila. As reaccións son imprevisibles, desde risas ata momentos de tensión. Estamos constantemente interactuando con eles, mesmo interactúan entre bancadas!

D.V.: As reaccións da veciñanza ao verse na pantalla son únicas: risas, vergoña, tensión... E cando collen o micro sempre é unha sorpresa! Créase unha conexión moi especial co público, para min, é un dos puntos fortes do programa.

A emoción xoga un papel importante.

A.M.: Hai momentos moi emotivos. É un programa moi auténtico no que acabas empatizando moito e descubrindo historias que conmoven e remexen por dentro. Eu de feito emociónome tanto que case sempre acabo chorando (risas).

D.V.: Créase un clima moi familiar, coñecemos a xente de preto e acaban compartindo cousas que é difícil que saian noutros espazos. En cada episodio facemos dúas homenaxes sorpresa, unha persoa por cada lugar, e sempre é moi bonito ver o amor dos veciños.

O primeiro episodio, que enfronta o marisco do Grove e o cocido de Lalín, estrearase mañá ás 22.45 horas

Que destacades do programa deste sábado?

D.V.: Este primeiro episodio enfronta o marisco do Grove co cocido de Lalín. Foi un episodio divertidísimo de gravar con momentos que gustarán moito.

A.M.: A veciñanza implicouse de cheo e defendeu con paixón cadansúa comida e retratouse con moito cariño e humor a importancia da tradición gandeira e mariscadora das vilas.

D.V.: Por suposto, eu defendín o marisco e arrasou! (risas)

A.M.: A carne cociñada en Lalín é imbatible…

Que significa para vós este proxecto? 

D.V.: Para min é un reto e unha grande oportunidade. É a miña primeira vez como presentador e estou encantado co equipo e coa conexión que temos Alba e máis eu. 

A.M.: É un proxecto único, porque combinamos tres roles: presentadores, reporteiros e anfitrións dunha gala en directo. Esa interacción co público, coas súas reaccións espontáneas, fai que sexa unha experiencia auténtica e moi enriquecedora. 

Tracking Pixel Contents