Tras un percorrido de éxito por varios festivais, hoxe chega aos cines “Amigos ata a morte”, a película que adapta a obra de teatro do actor galego Javier Veiga, que a leva agora á pantalla estreándose na faceta de director de longametraxes. O filme, unha coprodución hispano-mexicana na que participa a Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG, tamén conta con Veiga como protagonista e con Marta Hazas e o mexicano Mauricio Ochmann como parte do elenco. Xoel López pón a música.
“Amigos ata a morte”, rodada no 2022 na zona vella de Ourense, é unha comedia desenfada que conta unha historia baseada en valores como a amizade, a xenerosidade ou as segundas oportunidades. Parte dun triángulo amoroso, con María, Nacho e Suso achegándose á corentena. Neste punto vailles tocar enfrontarse a algo inesperado que porá a proba a súa amizade e as súas prioridades, xa que dous membros do trío van compartir o segredo de que o outro se achega ao final da vida.
Amazon Prime
A produción de “Amigos ata a morte” tamén contou co apoio da Deputación de Ourense e o Hub Audiovisual da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e vai da man de Amazon Prime Video para a súa estrea nesta plataforma.
Veiga calificaba de “traxicomedia urbana” a historia nunha entrevista concedida a este xornal xunto con Marta Hazas,a súa parella na vida real e tamén na película, coa que coproduce ademais a cinta. O artista galego lembraba a longa vida da obra de teatro que lle de orixe á longametraxe. Fíxose en España con dous repartos distintos, unha produción galega, outra en euskera, e en países de Latinoamérica.
O cómico Xosé Antonio Touriñan participa na cinta, como fixera xa na versión teatral da historia. Veiga e máis el son xa socios habituais e con Marta Hazas fixo o programa de viaxes “Rutas bizarras” en La 2.