Corina Mañá é unha moza viguesa cega de nacemento do Calvario, de 29 anos, que vén de converterse na protagonista da nova serie documental da TVG “Coa luz no corazón”, de Producións Celta de Prensa Ibérica, editora do FARO. Cada sábado, esta promotora de braille que traballa na ONCE amósanos o seu universo particular a partir das oito da tarde ao tempo que nos revela os seus retos vitais, auténticas aventuras na que está acompañada por X. H. Rivadulla Corcón e o seu equipo. Na primeira entrega, acompañámola a un voo en avioneta, pero os seguintes non quedarán atrás.

–A súa cegueira é total ou pode ver algo?

–É total. Vexo un pouco de luz pero por exemplo a que teño agora mesmo no despacho mentres falo contigo xa me custa vela. Axúdome moito da calor do sol. Cando a sinto interpreto que hai luz pero na casa teño que acender e apagar o interruptor da luz para saber se está acesa ou apagada.

–O seu currículo abraia.

–Eu estudei Psicoloxía en Arxentina porque miña nai estivera alí e cando naceron os meus irmáns quixo presentalos á familia e eu acompañeina. Alí estiven moi cómoda. Despois convalidei aquí os estudos e arranquei a estudiar Arte Dramática que era o meu sono. Aos 18 anos non o fixen porque me dixeran, non na propia Escola senón fóra, que unha persoa cega non podía. Teño o meu propio grupo de teatro, “Puntos de vista”, e colaboro na representación da Arribada todos os anos. Agora levo un ano de promotora de braille, ensinándoo a xente adulta que é cega ou que se está quedando cega.

–Pero tamén fai esgrima.

–Si e equitación. Fago doma adaptada na que teño moitas ganas de competir. En esgrima adaptada estiven nun torneo nacional en Ciudad Real e en 2021 en Marín quedei de primeira na competición estatal. A pena é que esta non está recoñecida en España aínda pero si en moitos outros países. É a nosa loita que se recoñeza en España.

–Como xurdiu o programa?

–A min, chamáronme da ONCE explicando que estaban buscando xente para un programa: unha persoa aventureira, con ganas de probar cousas novas. Tivemos unha entrevista moi chula e encaixeilles e comezamos a traballar xuntos. A súa idea pareceume desde o principio interesante. Querían mostrar como ve a persoa que non ve. Iso axuda a falar con naturalidade da discapacidade visual. Por exemplo, cando subimos á avioneta, por un lado está o que experimenta a persoa que ve e o que experimento eu. Eu non son unha superheroína, simplemente son unha persoa que quería voar. Os límites poñémolos nós a nós mesmos. Iso é o que buscamos transmitir ao espectador. Xurdiu con ese afán de superación.Non por ser cega non podo facer cousas.

–Iso ten unha dobre mensaxe porque anima tamén ás persoas invidentes.

–Xusto. Se eu digo que non podo non vou poder. Sempre hai que intentalo. Que temos medo a coller o ascensor porque temos unha fobia? Vale, pois hai que pensalo doutra maneira. Vou saír adiante cambiando o chip. Non só é para as persoas cegas senón para calquera persona que por exemplo estea triste, que pensa que non pode saír do fochanca. No programa, con diferentes cousiñas imos vendo esa superación. Eu non sabía facer nada do que se vai vendo nos programas. O programa é tal o que ves. O que digo que non fixen, nunca o fixen. Por iso é interesante. Vemos como unha persoa que non ve utiliza os sentidos para aprender e vemos tamén como os demais se relacionan con esta persoa desde un lugar natural, de igual a igual.

–O de voar era unha arela desde pequena...

–O primeiro avión comercial ao que me subín eu tiña oito anos. Fun a un campionato de atletismo. Pero realmente o meu soño é conducir un coche.

–Nos programas, está todo atado dende o principio?

–Nas entrevistas finais, tocamos temas moi persoais con Corcón e creouse un traballo entre nós moi preto. Tiñan unha complicidade comigo moi alta e chegou a haber sorpresas. A veces non me daban o guion e eu non entendía por que. Despois descubrín que era porque me tiñan preparadas cousas, pequenas aventuras que pensei que non podería facer.

–Que nos espera ver de vostede nos próximos programas?

–Por exemplo, eu toco o piano pero no programa imos ver como aprendo a tocar un instrumento que non tocara nunca. Despois no mar vou facer unha actividade especial no medio do mar. A idea é ir alternando aventuras con cousas cotidiás. Por exemplo, veremos como coso unha camisa.

–Vostede amosa moito a superación, pero cales son os principais atrancos?

–A accesibilidade no día a día é moi importante para nós. Por exemplo, chegas a un hospital e preguntas pola cita e dinche que mires a pantalla. Ou vas aun hipermercado con moito persoal e dinche que non teñen a ninguén para axudarche. Sen embargo, cando vou ao Froiz ao lado da casa, unha persoa axúdame. Gustaríame que houbera máis coñecemento sobre a discapacidade visual.