Grazas á vida é un programa de unha hora de duración onde os protagonistas son homes e mulleres que xa pasan da idade de xubilación. Emítese na TVG2 e esta semana achégase a persoas xubiladas que residen no rural, a outras que agradecen ter traballado no seu lugar de orixe ou que se teñen adicado á cultura.

Mañá, o programa de Producións Celta chega a súa quinta emisión (TVG2, 17.25 horas). Neste capítulo falan con Noa García, a presentadora, Paz Lamas, mestra toda a súa vida, e Isidro Pardo, creador do museo das abellas “O enredo do abelleiro”. Paz e Isidro fixeron moitas máis cousas, por iso moitas paixóns viaxan dos seus cerebros aos seus corazón e ao revés. Son das persoas que saben vivir a vida. Non todo o mundo domina esta arte, pero eles son expertos. Paz e Isidro conseguen algo máxico: espertar en nós as ganas de vivir con intensidade.

Grazas á vida acompaña aos seus protagonistas por lugares que marcaron a súa vida. Asi, Paz escolle a parroquia de Brocos, en Agolada, onde viviu cos seus avós, e Vila de Cruces, onde agora reside co seu marido, ao que coñeceu nas festas da Piedade. Tamén en Vila de Cruces foi directora da súa escola.

Pola súa banda Isidro Pardo escolle lugares como a parroquia de Viñós onde naceu e a central hidroeléctrica de Portodemouros, onde traballou dende que se montou o encoro ata a súa xubilación hai 20 anos, no 2001.

No seguinte capítulo, o mércores 18, Grazas á vida vai ata a Mariña lucense para coñecer a Carlos Peinó, que descubriu a súa vocación de mestre no exercicio da propia profesión; e Fina Yañez, muller da terra e memoria viva da historia recente de Burela, porque foi das persoas que puxeron en marcha o Hospital da Costa.

O xoves o programa da “Grazas á cultura” cos testemuños de Lola Viamonte, que deu forma a moitas das pezas de cerámica de Sargadelos que levan sendo parte da identidade do país; e Francisco Piñeiro, mestre na vangarda do ensino en Galicia, narrador, poeta e autor teatral. Finalmente o venres o equipo achégase a Arousa onde falará cos xubilados Genito Otero e Julián García.