No conxunto das industrias culturais a audiovisual é unha das que ten maior demanda da cidadanía, como unha das formas de entremento máis recorrida, pero tamén como importante forma de crecemento cultural. O programa da TVG2 A porta aberta, encargado a Producións Celta e dirixido por X.H. Rivadulla Corcón, achégase na emisión de hoxe (21.30 horas) ao sector a través da Academia Galega do Audiovisual. Contan a historia e actualidade deste colectivo Pepe Coira, vicepresidente da Academia, guionista e produtor; Saamira Ganay secretaria da Academia e actriz; Carmen Méndez, tesoureira da Academia e actriz; e mais Miguel Mariño, director da Academia.

A situación de Galicia dentro da industria audiovisual está a nivel das do resto da península, ao que contribúe unha emerxente cinematografía galega e a canle da Televisión de Galicia. Os diferentes profesionais deste sector teñen como punto de encontro a Academia Galega do Audiovisual.

Un sector industrial e cultural precisa para progresar o entendemento de todos aqueles con participación no mesmo. Poden existir intereses distintos pero ten que construírse unha confluencia de obxectivos. No audiovisual galego este fin xestiónao a Academia Galega do Audiovisual, creada no seu día polas diferentes asociacións profesionais do sector, precisamente para xogar o papel de casa común onde atoparse e convivir todos.

O audiovisual galego ten unha clara razón de ser. Existe un corpus cultural que no seu día deu orixe á produción cinematográfica e televisiva en Galicia. Este corpus constitúeo a cultura galega que da sentido a un tipo de cine e televisión enraizado na realidade do noso país, e que nos representa como galegos e galegas, exportando a nosa imaxe ao resto do mundo.

O cine e a televisión que se fai en Galicia contribúen a crear unha imaxe positiva da nosa realidade e proxéctannos no mundo como unha sociedade moderna, que sabe reflexionar sobre si mesma. A cultura galega no seu aspecto audiovisual está nun momento óptimo, construído polos profesionais que traballan nel, e que fan parte da Academia Galega do Audiovisual.