A Gala aRi[t]mar de música e poesía galego-portuguesas reúne este xoves 15 de decembro no Teatro Principal de Santiago a parte dos galardoados nesta edición 2022.

A iniciativa, na que colabora a Xunta de Galicia pero que impulsa a Escola Oficial de Idiomas de Santiago, premia este ano as poetas Lúa Mosquetera e Wilma Vieira por teren producido o mellor da poesía en Galicia e Portugal durante este ano polas súas pezas “Anorak de pel de Caribú” e “E se eu fosse eu?”, respectivamente.

Pola súa parte, a fadista Ana Moura e o cantante vigués Xisco Feijóo, son os gañadores no apartado musical polos temas e discos “Andorinhas” e “Peixe”.

O proxecto cultural Ponte... nas ondas! –que recibiu da Unesco en Rabat a súa inclusión no Rexistro de boas prácticas do patrimonio inmaterial da Unesco– ademais recibirá o premio especial do xurado á Embaixada da amizade galego-lusófona polo seu quefacer a prol do achegamento entre as culturas das dúas beiras do Miño. A gala estará conducida por Fran Rei e Isabel Risco.