O emprego das vídeocartas no cinema ten referentes en Kawase-Lacuesta, Erice-Kiarostami o José Luis Guerín-Jonas Mekas. A través delas, coñecemos un pouco máis o seu universo persoal ou creativo. O cinema galego, no 2020, atendeu o encontro de correspondencia audiovisual de Heidi Hassan e Patricia Pérez: dúas amigas cubanas na diáspora que unha, dende Galicia, e a outra dende Suiza se intercambiaron cartas audiovisuais tras anos de silencio na amizade. Agora, o director de cine de Meaño Eloy Domínguez Serén engade unha película máis a este formato. Trátase de “Al otro lado del mar”.

Foto no Ártico. | // DOMÍNGUEZ SERÉN

O filme ten a súa estrea mundial a vindeira semana na sección oficial do prestixioso Festival de Cine de Gijón. “É unha longametraxe documental con forma de correspondencia filmada, con cartas que ao longo de tres anos nos fomos intercambiando Samuel Moreno Álvarez, cineasta colombiano, e eu”, explica Serén (“Hamada”, “No cow on the ice”, “Os corpos” ou “Rompente”). “Que algo tan pequeno feito sen recursos estea aí é unha satisfacción inmensa”, engade Eloy.

As imaxes cobren tres anos da vida destes cineastas –coa pandemia e confinamento polo medio– nun “proxecto pequeno autoproducido por nós mesmos” e no que lle sorprendeu a Eloy “o nivel de intimidade ao que chegamos a ter na comunicación”.

Lembra o director de cine galego que coñeceu a Samuel Moreno en Bos Aires no 2019 “Gustoume o seu cinema. Lembroume ás miñas primeiras películas que eran como diarios filmados, dalgún xeito autobiográficas. Propúxenlle facer este proxecto”.

Este destaca especialmente polo contraste entre a realidade galega e a colombiana, as paisaxes, culturas, idiomas, situación vital (Moreno convértese en pai e Domínguez, de momento, non), resalta o propio cineasta.

As familias e amizades de ambos os dous tamén aparecen na metraxe. “Hai –explica Eloy– unha parte moi bonita na que fala da súa relación coa súa nai xa que seu pai morreu. No meu caso, hai unha carta rodada no confinamento que pasei cos meus pais”.

Este creador defende que “é un filme que pode conectar e emocionar aos espectadores e espectadoras”.

O intercambio de cartas audiovisuais iniciouse cun pacto inicial que “ningún dos dous cumpriu. Démonos seis semanas entre carta e carta. A verdade é que dende o inicio supuxemos que ía ser difícil cumprilo. Nun caso incluso pasou un ano entre misiva e misiva Foi moi bonito, como cando te chega un agasallo de Nadal”, destaca Eloy Domínguez Serén.

As entregas facíanse vía wetransfer por onde remitían as cartas de diferente duración. “As máis longas –detalla– teñen 17 minutos e outras menos de dez. Era fermoso e abrir o teu correo e ver a carta de Samuel porque era algo el filmaba para min e que me contaba a min. No meu caso, igual, cada vez que gravaba era para el”.

Pero onde recae a beleza da que fala Domínguez? “Era fermoso ver que todo iso tiña un destinatario concreto porque cando fas películas, pensas que é para un posible espectador ou público pero neste caso sabías que era para el”, responde.

Fotograma del documental. Eloy Domínguez Serén

Ese gravar para outra persoa alén do mar e fóra das coordenadas paisaxísticas e culturais do emisor galego, condicionou a Domínguez á hora de “mirar o meu entorno no Salnés, Barbanza ou Monterrei, Ourense, sabendo que eses lugares llos ía amosar a alguén de Colombia”.

Ademais das imaxes de Galicia, Serén remitiu unhas moi especiais ao seu colega colombiano: secuencias de cando el estivo no Ártico. Eu tiña material de cando vivín alí unha tempada. Houbo un momento no que o sol desaparece durante dous meses as 24 horas de cada día. É espectacular. El dixérame que nunca vira a neve e eu tiña nos meus discos duros moitas gravacións amosándoa. É unha carta que empeza co inverno galego cunha pequena reflexión da animadversión que a miña avoa máis eu temos pola choiva. Isto lévame á neve e ser consciente que el nunca a viu para compartir con el imaxes dela a xeito de agasallo”.