A TVG estrea este domingo novo programa a las 23.15 horas. Trátase de “Incombustibles” no que estará como presentadora Teté Delgado quen defende o formato: “É entretido, informativo e divertido que trata de loitar contra o edadismo, a discriminación pola idade. Reivindicamos a palabra vello porque a outra opción é peor. É un dos nosos lemas”.

A actriz –que presenta no plató xunto a Manolo Botana e Luisa Veira– explica que “o que queremos é favorecer a interxeracionalidade e intentar que non nos homoxeneicen á xente maior. Ben, eu estou entrado, teño 57 anos, aínda me queda pero estou en camiño. Como di Xaime Fandiño hai vellos de Resurrection e de París de Noia. Cada un quere o que quere como a xente nova”.

En tódolos programas levan un convidado de certa idade –unha das fichaxes é Benedicta Sánchez– para demostrar que “se poder ser vello e estar activo”, engade a actriz e presentadora que engade: “Este tipo de programa non se fai en ningún sitio do mundo. É unha innovación grande e esperamos que o público responda”.

O programa está dirixido por Rocío Regueira e conta na realización con Miguel Martínez. Regueira explica que “o que pretendemos é chegar cunha temática que cremos que debería empezar a ter bastante peso na sociedade de hoxe. Todos se preocupan dos nenos e adolescentes pero que pasa cando cumprimos 65 anos? Como preparamos a vida de aí en diante?”.

A directora do programa lembra que agora mesmo é a etapa máis longa da vida, se se vive con saúde. “Moita xente desa idade pensa que está a esperar, a facerse máis vello e morrer, que non serven para nada; pero hai outra que empeza a facer cousas. Nós queremos dar alternativas, axudarlle a pensar que non está maior para facer determinadas cousas”, engade Martínez.

Un dos puntos no que traballa o programa –que conta coa reporteira Carlota Mosquera, a máis nova entre as caras que presentan nesta emisión– é ofrecer outro punto de vista. Por exemplo, “estamos –sinala a directora– moi identificados co noso traballo. Cando nos xubilamos e deixamos de exercelo parece que perdemos a nosa identidade. O que queremos é ensinarlle á xente a facer máis cousas”.

Un caso do programa é un enxeñeiro de Camiños de Beariz que tras retirarse comezou a criar porco celta durante dez anos. Tras ese tempo, volveu á facultade para estudar literatura e escribir. “Tamén temos outro exemplo dunha persoa que levou toda a vida no mar e se retira das longas mareas para meterse nun ximnasio e nun grupo”, agrega para engadir: “Daremos todas as alternativas desde todos os puntos de vista con casos que fomos atopando por Galicia adiante”.

Todo iso poderano atopar en “Incombustibles”, un programa de innovación social creado por Xaime Fandiño que forma parte da Cátedra de Edadismo AFAGA/ATENDO da Universidade de Vigo.