Unha mostra da música máis innovadora do panorama actual regresa co Sinsal Outono a Vigo. Será no Museo de Arte Contemporánea (MARCO) os vindeiros días 16 e 17. Desta volta, a organización elixiu a Dullmea, El Hijo, Luís Fernandes e Otro para o cartel. As entradas xa se poden adquirir na web do certame así como na plataforma Enterticket ao prezo de dez euros. Para os menores de nove anos, gratis.

Otro.

A primeira cita será o 16 de setembro a partir das 20.30 horas con El Hijo e Luís Fernandes. Sobre o primeiro, Sinsal –que conta co apoio do Concello de Vigo e a colaboración do Instituto Camoes– sinala que El Hijo é o proxecto musical de Abel Hernández. Tras viaxar a través da canción de autor con sonoridades acústicas e poesía surreal, pasar despois ao rock, pon agora o pé na electrónica contemporánea. “Ben sexa a través do uso do autotune ou de recursos sonoros imposibles, desafía os límites da produción dixital no panorama estatal”, apunta o festival nunha nota informativa.

A segunda figura do día, Luís Fernandes tamén actuará o día 16 de setembro. Fontes do Sinsal destacan que “foi fundador da banda peixe:aviao e membro do colectivo La La La Ressonance, ten colaborado con artistas como Lloyd Cole, Rodrigo Leao ou Black Bombain. No seu novo disco, ‘A guide to gettin lost’, explora as posibilidades da electrónica como punto de partida para múltiples composicións”.

Tras esta primeira xornada do Sinsal Outono, Vigo descubrirá o día 17 Otro e Dullmea. Esta última procede de Portugal. A través da música electrónica explora múltiples posibilidades da súa voz.

Violinista, Dullmea, é dicir, Sofia Fernandes, propón nos seus espectáculos sumergirse en su universo sonoro, especialmente, no seu último traballo discográfico, “Orduak”. Cos anteriores ten feito xiras por Alemania, Reino Unido, Holanda ou Dinamarca.

A outra proposta vén da man de Otro. O músico e produtor valenciano presenta un proxecto musical cun grande abano de estilos e sons nos que a experimentación ten un lugar protagonista. Desde Sinsal, resaltan que é unha “das figuras a ter en conta na escena emerxente da música electrónica. As súas incursións no rap e no pop, así como o deseño de son comercial, abren espazos para xerar unha tensión espontaneamente desenfreada que se converten no sinal de identidade de Otro”.