Dúas horas de concerto e case trinta cancións. Marisa Monte ofreceu o domingo á noite en Vigo un deses convites que quedan no corazón por anos. Non só será así pola mestría vocal súa (que foi mellorando a medida que avanzaba o directo), a súa posta en escena tan elegante e coidada, senón tamén por unha banda de intérpretes de altura que ademais son familia musical. Mais non hai actuación estelar sen conexión co público e o que acudiu ao Teatro Afundación, cheo, –con grande presenza de espectadores de acento brasileiro– foi de sobresaínte.

O directo encadrouse dentro do Ciclo Xacobeo Importa. | // XACOBEO I.

Monte comezou a cantar co pano botado sobre o escenario en total escuridade para interpretar unha vez levantado –entre aplausos de benvida– “Portas” , o tema que abre o seu último e homónimo disco. Apareceu como unha estrela con vestido brillante e prateado máis coroa incluída para reafirmar que ante nós tiñamos un astro da canción internacional.

Tras esta mensaxe atemporal con forte carga reflexiva en sons pop, a voz feminina dos Tribalistas tomou a guitarra para ofrecer outro tema do CD “Portas”: desta vez, “Quanto tempo”.

Tivo que agardar o público ao remate desta canción para oír as verbas de Marisa agradecendo a súa asistencia en castelán para despois pasarse ao portugués. “Estamos moi felices de estar aquí en Vigo por primeira vez e novamente na Galicia cantando para vostedes”, pronunciou.

No palco, estaba acompañada por selectos e agradables audiovisuais así como por oito músicos, entre eles, o baixo Dadi Carvalho, integrante dos míticos Novos Baianos, músico con Caetano Veloso, os propios Tribalistas e integrante de A Cor do Som (da que Monte destacou que “inaugurou o pop brasileiro”).

Tivo, como non, excelentes palabras posteriormente para o multiinstrumentista e fillo de Carlinhos Brown, Chico Brown, outra lenda viva pero máis nova da música brasileira actual que lle compuxo a Monte un tercio dos temas do seu último disco en xira.

Momentos especiais foron a interpretación das cancións de amor “Ainda bem” e “Ainda lembro”, esta última introducida por unhas palabras de Marisa Monte quen aclarou que levaba “anos” sen interpretala ao vivo e que esperaba que o público “inda a lembrara”. E vaites se a recordaba.

Unha segunda parte do concerto comezou acompañada dunha mudanza de vestuario para deixar o vestido brillante por outro branco de corte máis samba inda que ata os pés que introduciu temas de sons afrobrasileiros como “Preciso me encontrar” onde pediu ao amor liberdade para ser feliz lonxe da tristura ou “Dança da solidão”, esta moi querida e seguida polo público.

O percorrido por discos anteriores veu tamén adobado con temas do último, como “Calma” onde voltou cambiar de vestuario, por unha saia negra maxestuosa.

Pouco a pouco foron chegando cancións de ritmo máis rápido que pronto foron respondidas por unha pequena parte do público que correu cara o lateral dereito do palco para danzar. Tamén se puido ver a destreza bailarina de Monte, totalmente liberada.

As palmas fóronse facendo cada vez máis fortes a medida que avanzaban os temas e se vía a unha Marisa Monte máis entregada ao baile, ao disfrute, cunha audiencia tamén máis feliz en conexión total.

Houbo tamén espazo para temas dos Tribalistas como “Velha Infância”, un auténtico agasallo; así como para a homenaxe á escola de somba Portela nunha parte do concerto no que xa unha parte importante do público deixou a cadeira para bailar.

Cara o final, Marisa Monte despediuse do público agradecida, louvando a beleza do teatro e a entrega dun público que se negou a ese primer adeus e pediu con palmas, en pé todo o mundo e ao ritmo de Marisa, Marisa que a deusa da canción voltase. Retornou con catro temas máis, entre eles o ansiado “Já sei namorar” para despedirse soa no palco sen os seus músicos e a capella con “Bem que se quis” na que foi acompañada polo público. Este seguiu a cantar o tema incluso con Marisa Monte fóra das táboas sen a súa voz ata que o encendido das luces deu por rematado un concerto histórico na cidade de Vigo.