Na comuna francesa de Alloue, a actriz María Casares creou a súa Galicia particular en forma de caserón envolto en hedra. Se algún día tivo unha patria, atopouna nesta localidade onde fica enterrada xunto co seu marido. Nacida en A Coruña pero exiliada en París desde novembro de 1936, sempre tivo esa conciencia de refuxiada ata o punto de titular as súas memorias como Residente privilexiada. E por iso cobran máis forza os Premios de Teatro María Casares, que celebran a súa XXVI edición este xoves (20.45 horas) no Teatro Rosalía de Castro (A Coruña): porque coinciden co centenario do nacemento desta actriz, e porque serán entregados en tempos convulsos.

Como indicou este martes o director da gala, o escenógrafo Carlos Álvarez-Ossorio, “falamos do teatro como patria ao igual que dicía María Casares, do teatro como refuxio e fogar para dar voz aos que non a teñen”. A entrega de premios regresa ademáis á presencialidade pura e dura sen máscaras, despois dos dous anos de pandemia. Isto é motivo de celebración, recorda a secretaria-tesoreira da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Arantxa Villar: “A gala ten unha carga emotiva enorme, porque foron dous anos moi convulsos despois de meses cos teatros pechados ou a suspensión de funcións por contaxios”.

Tamén hai outra guerra en Europa, que volve a levar ata o periplo de María Casares nunha entrega monográfica sobre a súa figura. “Usaremos a súa vida para falar de desprazados, refuxiados, a guerra... xa que ela viviu a Guerra Civil e a II Guerra Mundial... vivimos sempre rodeados de exilios e conflitos bélicos”.

Para estes galardóns, son finalistas 14 espectáculos dentro de 14 categorías. As obras con máis candidaturas son Cigarreiras e Othello con oito cada unha. Cigarreiras de Contraproducións/Teatre Romea opta a Mellor Dirección con Cándido Pazó, Mellor Espectáculo, Mellor Actriz Protagonista con Susana Dans e Tamara Canosa, Mellor Adaptación, Mellor Escenografía, Mellor Vestiario e Mellor Maquillaxe. Othello de Voadora opta a Mellor Dirección con Marta Pazos, Mellor Actor Secundario, Mellor Adaptación, Mellor Música, Mellor Iluminación, Mellor Escenografía, Mellor Vestiario e Mellor Maquillaxe. Na tanda de directores tamén está Tito Asorey por A lúa vai cuberta; na de Actriz Protagonista Belén Constenla por Terceiro Acto; e na de Actor Protagonista Davide González por A lúa vai encuberta, Eduardo R. Cunha Tatán e Roberto Leal (os dous últimos por Terceiro Acto).

A representación deste xoves en torno a María Casares cobrará vida grazas a un elenco só integrado por mulleres: Marián Bañobre, Nerea Brey, Sheyla Fariña, Rosa Puga Davila, Marta Pérez e Mónica de Nut. Segundo o director Carlos Álvarez-Ossorio, “xogarán cos textos de María Casares, unha muller que se sentía estranxeira e de ningures, ata que no teatro se atopa a si mesma”.

A edición deste ano terá ademáis moi presente a Lino Braxe, director e actor de Mugardos falecido o 25 de decembro de 2020. Recibirá unha homenaxe a través do Premio de Honra Marisa Soto. Recorda Juan Ignacio Borrego, primeiro teniente de alcalde de A Coruña, que “Lino Braxe desde o principio contactou con María Casares para pedirlle permiso para poñer o seu nome a estes premios”. Arantxa Villar engadiu que “a figura de Lino tivo moitísima importancia, mesmo conseguiu o compromiso da actriz para que estivese na primeira edición pero ela morreu en novembro de 1996 e os primeiros María Casares entregáronse en marzo de 1997.

O director da Axencia Galega das Industriais Culturais incidiu en que 12 dos 14 espectáculos finalistas teñen subvencións da Xunta. E o deputado provincial Xosé Lois Penas reclamou que se dedique “un espazo importante nesta cidade a María Casares”. Os premios recuperarán o vindeiro ano a súa data habitual en torno ao 27 de marzo (Día Mundial do Teatro).