A Televisión de Galicia emite o capítulo número 19 de Caderno de Bitácora, programa sobre os traballos do mar que dirixe e presenta X. H. Rivadulla Corcón, hoxe ás 10.55 horas. O episodio, de 30 minutos de duración, leva por título “Antonio Caridad, no centro mariñeiro da Coruña” e afonda na historia do Muro, nome popular que se dá na cidade herculina á lonxa.

O Muro da Coruña é o símbolo central da alma mariñeira da Coruña, e alí traballou 53 anos Antonio Caridad, polo que é a persoa que mellor coñece a súa evolución. É sen dúbida é o traballador máis representativo, por isto fáiselle unha homenaxe, coa súa familia, representada por Fernando Caridad, o seu curmán, e polos seus amigos aos que representa Luís Blanco. A homenaxe vai ser no barrio de Monte Alto onde naceu Antonio, e xusto ao pé da Torre de Hércules.

A historia das ultimas seis décadas do Muro da Coruña están na memoria de Antonio Caridad, e tamén a historia coruñesa desas décadas. Cabaleiro coruñés, que ama a esencia mariñeira desta cidade, coa axuda de amigos e familiares “Caderno de Bitácora” agradécelle ser parte dunha historia fermosa de traballo e coruñesismo.

A vida despois do naufraxio

Mañá domingo será o turno de Náufragos, outro programa da TVG encargado a Producións Celta tamén escrita e dirixida por X. H. Rivadulla Corcón. O programa número 38 desta serie que trata de como segue a vida despois dun naufraxio, emitiráse a partir das 11.50 horas.

Desta volta o presentador achéganos a “Percebeiras converténdose en mar”. O equipo trasládase á Confraría de Camelle, que agrupa aos portos de Santa Mariña, Arou e o propio Camelle, na provincia da Coruña. Trátase dunha zona onde o mar bate moi forte porque é unha costa de mar aberto, moi golpeada polos ventos e con moitos baixos e cons. Isto facilita a cría de percebe que chega a tamaños moi considerables e cun sabor moi especial, pero tamén aumenta a probabilidade de accidentes.

“Son percebeiras, mulleres dun mar bravo, que as fai bravas a elas, senón non poderían traballar nestas rochas. E optaron por un oficio onde ter accidentes acaba sendo demasiado habitual, non é posible atopar un percebeiro ou percebeira que nunca tivera un golpe, máis ou menos forte. Pero traballan este mar por unha cuestión xenética. Imos escoitar ás mulleres percebeiras, falan dos seus accidentes pero tamén do orgullo de ser percebeiras nesta costa tan violenta”, conta Rivadulla Corcón.

A emisión semanal inclúe relatos como o de Digna Romar, percebeira de Camelle: “A percebeira xa ten que estar, como dicimos, ollo no prato e ollo no gato. Ollo no que estás facendo e ollo no golpe de mar que che pode vir”.