Non hai dúas sen tres. Por fin, a terceira compoñente de Tanxugueiras está a piques de unirse ao resto, tras unha expedición desde Galicia que se repartiu en varias xornadas ao longo desta semana, por mor dos positivos COVID das cantareiras. A cousa foi por quendas, e nesta última, a xemelga que faltaba para que o trío poida poñer os seus aturuxos sobre o esceario do Benidorm Fest, tranquilizou a todos os seus siareiros cunha foto que subiu ás 'stories' do perfil da banda galega en Instagram, dende o avión no que xa viaxa Olaia Maneiro. "Compañeiriña leal, esta noite hai foliada!", comenta a pandereteira galega na súa 'storie', mentres amosa o sinal de triunfo coa sua man.

Olaia Maneiro amosa o sinal de triunfo dende o avión que lle leva a Benidorm. Instagram Tanxugueiras

Na cidade alacantina esperan xa Aida e Sabela e o resto do equipo onde xa fixeron as primeiras probas para a actuación. Todos agardan o directo de "Terra" con ansiedade, xa que pola forza que ten este tema, se lle presupone unha posta en escena espectacular. Neste senso, a escenografía correspóndelle á viguesa Laura Iturralde, quen o ano pasado conseguiu o premio da Asociación de Directores de Escena na categoría de mellor iluminación na obra teatral “Fariña”. Tanxugueiras estarán acompañadas por varios artistas galegos e galegas como Iago Pico, coautor de “Terra”, que tamén actuará na percusión electrónica.

FARO únese ao colectivo 'tanxufan'

Os apoios para Aida, Sabela e Olaia chegan dende todos os países do mundo, nun fenómeno tanxufan ao que tamén quere unirse o persoal do diario decano da prensa nacional. Así, desde a azotea da súas instalacións situadas na parroquia de Chapela (Redondela), coa ría de Vigo de fondo e baixo unha pancarta de alento, membros de Faro de Vigo amosamos, cun vídeo, todo o noso apoio a Tanxugueiras para que "Terra" dea o seu primeiro paso esta noite no Benidorm Fest, nese camiño cara Eurovisión.

Para FARO tampouco hai fronteiras!

Para FARO tampouco hai fronteiras! FDV

Como votar polo grupo?

Quen queira apoiar a Tanxugueiras mércores e sábado –de pasaren á final– deben seguir o programa televisivo que RTVE ofrecerá hoxe, a partir das 22.40 horas. Unha vez toquen todos os artistas participantes (o grupo galego actuará en quinto lugar), os presentadores da gala, Alaska, Máximo Huerta e Inés Hernanz, anunciarán a apertura das liñas para que os espectadores (o voto do público supón o 25% dos puntos que determinarán o gañador) elixan mediante chamada telefónica e SMS. Darán entre 15 e 20 minutos para a votación. Unha vez se pechen as liñas, iniciarán o reconto dos votos.