Loreto Tojo non pensara nunca en adicarse á venda directa de peixe a pesares de criarse nunha familia de traballadoras da conserva. Inicialmente seguira outro camiño na vida, pero casou co fillo dunha peixeira e entón obrou o milagre. Ela é a protagonista do capítulo 23 do programa “O Clan das Mariñeiras”, que a TVG emite mañá domingo ás 12.00.

O espazo, dirixido por X. H. Rivadulla Corcón e realizado por Producións Celta para a cadea autonómica, viaxa a Ribadeo para contar “O Soño de Loreto Tojo, peixeira navegando entre a tradición e o futuro”. O título do episodio dá pistas sobre a realidade desta peixeira, que compaxina a súa actividade profesional co coidado de dous pequenos que leva a escola sobre rodas: eles van en bicicleta e ela en patinete.

A faceta profesional desta muller comeza cada día nada máis deixalos no colexio para dirixirse ao seu posto na praza ribadense, onde a espera o seu home, José Balsa, que xa foi buscar a mercancía á lonxa de Burela. Xuntos rexentan o negocio que herdaron da nai del, Dina, unha figura determinante para Loreto. Non só lle transmitiu o oficio, senón que é un gran apoio en xeral, case coma a nai que perdeu con só 9 anos, ademais de axudar cos pequenos. O oficio de peixeira ocupa moitas horas e para a supervivencia do traballo é importante o reparto a domicilio, un servizo cada vez máis demandado. Ata moitas vilas da contorna, mesmo por Asturias, se despraza para levárllelos pedidos aos seus clientes.

Este é o clan de Loreto, un clan peixeiro e familiar. Dúas realidades moi importantes na vida de Loreto e de todos os que o compoñen. O peixe é a vida desta familia desde moitos anos atrás, e seguirá séndoo, pero o sentido da unidade é a verdadeira materia que os une, o que lle dá sentido á súa realidade.

Antes de coñecer a Loreto e á súa familia, os espectadores da Galega terán a oportunidade de achegarse tamén ao oficio das mariscadoras da man de Lolita García en Carril. Iso será hoxe, na emisión número catro do programa “Caderno de bitácora” , tamén dirixido por X.H. Rivadulla e creado por Producións Celta, que chegará ás pantallas ás 11.00.

Esta carrilexa amosará a súa paixón polo mar e pola vida mentres cultiva as súas ameixas. Para falar de Lolita, o programa entrevistará o seu fillo, Cristian Brea, que aprendeu con ela a traballar na praia, e tamén a Nellys Polo, unha compañeira e amiga que a coñece moi ben.

O episodio dará conta da singular forma de traballar a ameixa en Carril, exclusiva hoxe en día neste porto. Lolita ten parque desde hai 25 anos, pero a súa relación co mar empezou antes traballando nas bateas que tiñan seus pais.

Ela tivo moitos camiños posibles, pero nunca colleou o máis cómodo, senón o que supoñía un reto maior. O traballo do seu marido levouno fóra da casa moito temo e criou os tres fillos case soa, pero nunca perdeu esa relación de amor co mar que lles transmitiu aos tres.