Ugia Pedreira volta aos escenarios, e non como acompañamento doutro grupo ou solista, senón para presentar o seu novo proxecto: Segmento cantábrico, un disco onde poesía e música danzan. A estrea ten lugar hoxe en Vigo, no Museo do Mar, a partir das sete da tarde. Para conseguir a entrada, simplemente, hai que solicitar a reserva previa ao museo na páxina http://museodomar.xunta.gal/novas/2048/concerto-de-a-pedreira-segmento-cantabrico-venres-3-de-decembro-as-1900.

“Esta é unha primeira aproximación ao meu novo álbum. Vai un poemario pequeno, chamado Atalaia norte. Imos contar como foi o proceso de facer o proxecto enteiro ao abeiro do Xacobeo 21 e que inclúe álbum e videoclips”, explica a artista nunha entrevista concedida a FARO, na que recoñece sentir “vertixe” ante a presentación do que será o seu primeiro disco en solitario tras unha fértil carreira.

No escenario do Museo do Mar, estará acompañada polo bretón Pierre-Yves Rougier, o coprodutor. “Será como un concerto contado. Despois de Vigo, as presentacións máis completas irán chegando nos vindeiros meses” con creación artística plástica y escénica en directo, aclara.

Ugia Pedreira detalla que “o disco –no que colaboraron Alberto Lamas e Iván Laxe– amasa a declamación poética, canción e o spoken word como inicio do rap. É un álbum de folc progresivo onde hai unha bipolaridade entre o máis orgánico, as percusións tradicionais, a miña guitarra e a música electrónica”.

A maiores, a sonoridade inclúe inspiración na música barroca, metal, tecno, cantos tibetanos, folc, así como estampas sonoras da zona onde vive Pedreira, xunto ao río Eo. “É un lugar de transición, de límite, e hai sons de motores de barco, dos paxaros da reserva da biosfera, dos pés na lama da ría. Botamos man deste mundo no que xa estamos e que é un collage da arte e da música”, apunta.

Para esta artista que tanto nos namorou durante anos no proxecto Marful, “agora todo está inventado. O interesante é a entropía de como colocamos as cousas para convertirse en canción”.

Preguntada polo que lle animou a sacar este disco tras tantos anos de silencio discográfico, respondeu que “tras Marful, pasei sete anos fóra dos palcos tradicionais. O meu cotiá é compoñer. Eu síntome máis compositora que cantora. Levo estes sete anos axudando a outros autores a compoñer e ao pór en escena os temas como foi o caso do disco Costuras, de Guadi Galego, que vistes o outro día en Vigo. Estiven na parte de atrás durante todo e decidín soltar este mundo que me interesa entre a poesía, a canción e a declamación”.

“Marful, recoñeceu, estirámolo ata onde puidemos. Se non cambias de etapa, tampouco te reconstrúes outra vez. Parte do desenvolvemento das persoas inclúe ir cambiando de etapas vitais”, sinala.

Respecto aos temas, recoñece que “están inspirados no espazo no que vivimos. Creo que o espazo determina a maneira de vivir das persoas. Hai unha clara intención de honrar os pobos bañados polo Cantábrico, dende Ortegal á Bretaña e que é o meu eixo de vida”.

De aí que aparezan “reminiscencias”, explica, da música popular asturiana, bretona, de versos inspirados na vida no País Vasco.

En canto ao momento que estamos a vivir para a música en galego ou feita en Galicia co til nas melodías tradicionais, opinou que “a min, o que me interesa é a autoría, compoñer, volver ao estado do trobador. Aí é onde me sinto identificada coa xente que compón no mundo. A escrita é un templo onde me podo perder durante moito tempo”, explicou para despois aclarar que non só hai composicións poéticas súas para as letras, así como do pintor vigués Enrique Gavilanes que vive en Londres e que agora fai poesía; de Xela Arias e Carvalho Calero, entre outros.

En canto as datas da xira, confirmou que irán saíndo pouco a pouco “porque as nosas circunstancias son vivir coa dependencia xa que as nosas necesidades son especiais e diferentes” derivadas do coidado da súa filla, que naceu con parálise cerebral. “Ela marcou moito este disco, a maneira de gravalo e incluso os sons. Moitos dos sons do disco son os que a ela lle interesan”, explicou.