A TVG emite hoxe, ás 10.50 horas, o capítulo “Cancioneiro das traballadoras das conservas” de “O son da ribeira”. Nesta ocasión, o programa visita localidades como Bueu, Canido, O Vicedo ou Vilaxoán para coñecer o cantar potente das mulleres empleadas nas fábricas de conservas, uns temas nos que reflexaban a súa vida alí. Realizado por Producións Celta e baixo a dirección de X.H. Rivadulla Corcón, tamén fala con varias das mulleres que pasaron a súa vida laboral nestas empresas.

O seu cantar soou por todas as ribeiras e segue vivo porque hai grupos que as cantan e tamén porque a moitas das mulleres que as cantaban nas fábricas gústalles lembralas. O Coro Boghino de Caión, dirixido por Xurxo Souto e que é o primeiro en intervir no programa, naceu precisamente coa única intención de recuperar o cancioneiro das traballadoras das conservas e fan fantásticas reunións tabernarias onde as cantan.

O primeiro testemuño é o de Lidia García, que traballou nunha fábrica de Canido en Vigo, na década dos anos sesenta. O seu relato está cargado de ironía e amosa como as traballadoras convertían unha dura xornada laboral en algo próximo a diversión grazas ao seu enxeño.

Os temas reflexaban a vida das mulleres empleadas nestas fábricas en Galicia

Rivadulla Corcón tamén fala con Fita Malvido, que estivo na fábrica Massó de Bueu, unha das empresas que empregou a máis mulleres en toda Galicia. Neste punto intervén a Coral Polifónica de Bueu. O programa trasládase á sala adicada á conserva do Museo Massó de Bueu. Emprazada onde estivo a propia fábrica, garda a memoria material daquela época, pero tamén unha memoria sentimental. Nese lugar, Mucha Leal, que traballou en Massó, conta os seus recordos tras ver uns obxectos que lle son familiares.

A seguinte en falar é Susana Riveira, que traballou nunha fábrica no Vicedo e que explica o aspecto social das fábricas de conserva. Así, aborda o que significou o traballo nas conserveiras para as mulleres, permitíndolles ter unha ocupación fóra da casa, gañar un diñeiro por elas mesmas e ter unha conexión social con outras mulleres, un avance importante na súa posición na sociedade.

“O son da ribeira” conversa tamén con Purita Bemposta e Carmiña Couso, que traballaron nunha fábrica en Vilaxoán. O relato de Purita e Carmiña está cheo de humor e simpatía, o que amosa que a pesar de todo foi unha época feliz, probablemente porque tamén era a súa xuventude. Purita e Carmiña cantan unha canción, “a capela”, pero con sentimento e humor.

Elena Longueira, á dereita, con Ari e Vicky na lonxa. Producións Celta

“O clan das mariñeiras”

Por outra banda, Producións Celta elaborou o capítulo número 16 de “O clan das mariñeiras” que, titulado “O soño de Elena Longueira. Peixeira entre dous mares míticos”, emite mañá ás 12.00 horas a canle autonómica. Dirixido por Rivadulla Corcón, o programa quere render homenaxe a Elena Longueira, unha peixeira con forte paixón polo seu oficio e sen antecedentes familiares que lle fixeran pensar que ía acabar traballando neste oficio. Sen esperalo, a vida levouna por este camiño e séntese afortunada.

Tras chegar da lonxa da Coruña, prepara o peixe para os clientes. Nunca limpara un ata que o seu home, Chicho Papín, lle propuxo facerse peixeira. E emprendeu a aventura dun oficio do que non sabía nada, do que tiña que aprendelo todo, dende comprar na lonxa, cortar e limpar o peixe e atender á clientela. Asimesmo, creando unha fraternidade de peixeiras no Muro da Coruña con Tania, Ari e Vicky, buscou a forma de aprender, e contar co apoio doutras peixeiras ás que ela tamén ofreceu o seu respaldo. Agora o programa réndelle homenaxe polo seu esforzo.