María Mera (Boqueixón, 1986) aparca o personaxe da tenente Rosa Vargas / Eva Mayo de “O sabor das margaridas” para facer de profesora –e non só de cerimonias– en “Os mellores da clase”, o novo programa que se estrea mañá o TVG en horario de máxima audiencia e que descubrirá a faceta máis descoñecida de rostros tan coñecidos como Alberto Comesaña, Diana Nogueira, Fernando Romay, Xosé Ramón Gayoso, Pili Pampín, Teo Cardalda e Roi Méndez, entre outros. Mera someterá aos seus alumnos a unha serie de probas nas que terán que demostrar o seu coñecemento da cultura xeral. Pero facer sumas e restas pode ser bastante complicado se hai que facelos suspendidos dun arnés. Eva Iglesias e Alberto Comesaña serán os dous experimentados estudantes que abrirán este novo programa. Aprobarán as distintas materias e o exame final de cultura xeral?

–En que consiste “Os mellores da clase”?

–É un espazo para divertirse, pero no que tamén se poden aprender moitas cousas e coñecer un pouco máis esas caras coñecidas que tanto nos gustan. En cada programa están convidados dous famosos que terán que superar probas de galego, matemáticas, ciencias... axudados polo seu equipo, composto por vellos compañeiros de escola, o que tamén suporá un bonito reencontro.

–Que lle gustou máis de facer este espazo?

–A incerteza de cada programa porque eu presento e poño as probas, pero, ao final, os que dan a esencia a cada programa son os convidados, porque cada un ten a súa personalidade. Entre os convidados hai unha química especial ou non se coñecían pero de súpeto no plató funcionan moi ben. Eu tiña o guión na cabeza, pero logo foi moita improvisación porque cada un ten un xeito diferente de responder os retos.

–Se atrevería a ser estudante e a facer operacións matemáticas colgada dun arnés, por exemplo ?

–Hai que dicir que os convidados foron sen saber as probas que ían facer. Pero si, iría de convidada porque é xenial. É moi divertido e te r. É un programa para esquecer todo o que estamos a experimentar e gozar. E, ademais, sempre aprenderás cousas nouvas o que esqueciches.

–Entón, é posible aprender divertíndose?

–Sen dúbida. Ese é o obxectivo e debería existir en tódolos coles e tódolos profesores: aprender divertíndose, non estar alí chapando sen motivo.

–Que proyectos teñe?

–No outono teño pendente a rodaxe dunha película. Será un pequeno papel, pero estarei alí, e para o comezo do vindeiro ano tamén hai un proxecto para unha serie, pero por agora non podo falar moito. “Os primeiros da clase” gravámolo en xullo e esperamos que guste e haxa unha segunda tempada.

–Vive moi ao tanto dos datos de audiencia?

–Agora non me importa tanto a cota de pantalla, senón que á xente que a vexa, sexa moita ou pouca, gústelle e goce del. Agora vou ao simple, ao humilde, que é o que creo que o espectador busca cando ve a televisión. Se conseguimos que quen vexa o programa ría, eu xa estou feliz..

–¿Como se leva un éxito como “O sabor das margaridas”?

–Foi un bombazo e algo espectacular para toda Galicia e o seu audiovisual porque, ao final, foi a primeira serie en galego que se fixo para unha plataforma como Netflis. Nunca pensamos que podería ter a repercusión internacional que tivo e aínda hoxe seguimos recibindo mensaxes de persoas de outros países que din que queren aprender galego. Eu sempre digo que as boas historias, se se contan ben, acaban por verse.