O vigués Xisco Feijoo –profesor na Escola Municipal de Vigo de Música Folk e tradicional (ETRAD)– vén de publicar o seu novo disco Peixe que presentará en directo hoxe na Igrexa de San Estevo en Beade dende as 21.00 horas. O álbum no seu contido e na súa presentación supón unha sorpresa. Para coller o cedé e escoitalo, primeiro, hai que abrir unha lata redonda en cuxa portada aparece a imaxe dunha peceira coa auga fóra. “Case todas as persoas, explica o artista, compartimos o que podemos poñer en común para nos relacionar. Vivimos dentro dunha peceira cando o máis atractivo de nós son as características que non son como as dos demais. É dicir, a auga está sempre fóra da peceira e o peixe debería nadar sempre no exterior”.

Imaxe do disco enlatado. M. M.

Despois deste convite á diversidade para fuxir da uniformización, Xisco –protagonista e bailarín no vídeo “Midas” das Tanxugueiras; el é o recuberto de líquido dourado na bañeira– presenta o proxecto sonoro: “O disco fala da modernidade, de cousas do século XXI pero atendendo a aspectos da música tradicional e de recuperación. Que máis tradición que as empresas de conservas? O álbum tamén fai referencia a esas cousas enlatadas que non morren”.

Peixe foi gravado no estudo de Bermés, na casa do produtor Carlos Quintá, durante a pandemia. Nel, colaborou xente como Rodrigo Romaní, Aida Tarrío das Tanxugueiras, Pepe Vaamonde, Alba Faro (SonDeSeu), o escocés Alasdair Fraser –violinista nas bandas sonoras de O último mohicano ou Titanic– ou a californiana e profesora en Berkeley Natalie Haas, que se sumaron aos músicos da banda: Xose Liz, Artur Puga, Xan Pérez, María Jorge, Figuel Fraile, Iago Ramilo e José Díaz que tocaron tixolas, acordeón diatónico, saxofón, violín, guitarra, viola, cunchas ou pandeiro, ademais de tuba e arpa, entre outros.

Recollida musical

O traballo de todos eles axudou a compór un disco que ten a base nos anos de recollida musical de Xisco por Galicia. “Eu dediqueime e dedícome a ir recuperar música tradicional polas aldeas. Fun director de O Afiadeiro e faciamos ese traballo para conseguir repertorio para o grupo –posúe centos de cintas xa dixitalizadas– pero tamén pola paixón de recuperar e que non se perdese. Do meu arquivo persoal, saen moitas desas melodías e letras. Logo, eu fixen un proceso de recomposición para engadir fragmentos musicais. Coas letras fixen o mesmo, a partir dunha cantiga tradicional modifiquei e recompuxen outras para que o tema colla un sentido”, explica.

O álbum dálle absoluto protagonismo á voz. “É o principal instrumento da nosa tradición. Se lle preguntas á xente, di a gaita, pero non estou tan de acordo, penso que é a voz. Eran as mulleres encargadas de facer os bailes de diario de todo o inverno. Falamos de bailes todos os días con dúas mulleres e pandeireta. A ver quen pagaba todos os días un gaiteiro!”, defende o artista.

"Eu non quero xubilarme, quero disfrutar da vida con calma. É algo que quero agora pero non fixen ao seu momento. Todo era correr sen saborear"

Xisco Feijoo

Á hora de debullar o álbum, preguntamos a Xisco pola historia do tema "Animal”, unha muiñeira con moita forza. “Para este tema, recollín melodías de tres aldeas: Carcacía (Padrón), Magán (A Estrada) e A Casiña (Cuntis), pertencen a tres concellos que viviron a dureza e a explotación do wolframio. Escollinnos pola súa forza e diferenza. Un é máis antigo e recio; outro trae paz e a conclusión queda clara. Este tema fala da ansiedade que temos da mellora social, da mellora económica. Escoitas á xente dicir: ‘Cando eu me xubile’. Eu non quero xubilarme, quero disfrutar da vida con calma. É algo que quero agora pero non fixen ao seu momento. Todo era correr sen saborear. O tema fala diso e de como chega un momento no que hai persoas ao teu redor que te están a salvar a vida”, reflexiona este músico que tocará o xoves en Pontevedra na Praza da Ferrería; e o 31 de xullo no Intercéltico do Morrazo en Moaña.