O tradi galego, a música de raíz, está a entender que o século XXI pode ser seu e dende as coordenadas da pista de baile. Se os pioneiros foron Mercedes Peón co seu Isué do 2000 e o grupo Spirito 986 do moañés Anxo Lorenzo, Pedro González e Carlos Mariño no 2001, agora os máximos expoñentes son Baiuca e Tanxugueiras.

Baiuca leva dous anos a rodar os seus sons tradicionais e electrónicos por festivais e locais mesmo chegando á mítica Sala Apolo de Barcelona en directo. Dende hai uns meses, as Tanxugueiras van revelando singles nos que é evidente o seu latexo electro-tradi (e-tradi).

“Nós somos rapazas que escoitamos todo tipo de música, desde tradicional a Lola Índigo, Rosalía, Naty Peluso... Sonaban xa hai seis anos cando comezabamos o grupo e sabiamos que queriamos esa sonoridade dende o minuto un no que fomos conscientes de que queriamos ser máis profesionais e non só tocar nos seráns”, explica Aida Tarrío, unha das Tanxugueiras.

Evolución

Pero esa claridade de ideas non foi doada de levar á práctica. “Todo ten o seu camiño, todo ten o seu proceso evolutivo e quixemos pasar por el ata que nos sentiramos con forzas e coa valentía suficiente - para plasmar o que tiñamos na cabeza en temas como ‘Midas’ ou ‘Figa’”, engade a artista galega.

A axuda de Iago Pico na produción dos dous hits e das vindeiras cancións da nova fornada que cheguen, foi chave. As tres rapazas tiñan “claro que tiña que ser el” quen as acompañase nesta “viaxe”.

Tanxugueiras, no clip de "Midas". tanxugueiras.com

O periplo escomezou co lanzamento do tema e do vídeo “Midas” hai cinco meses nun xesto valente que trastocou a moitas e moitos, e no que puidemos ver as Tanxugueiras vestidas con traxe rexional, outfits contemporáneos e mesmo con metralleta.

Ao mesmo tempo os bailaríns Xisco Feijoo (quen vén de publicar o seu disco Peixe), Fran Sieira e Artur Puga poñíanse a bailar para demostrar que os pasos tradicionais ben se poden aproveitar para as melodías electrónicas.

Conexión coa pista

Se ese vídeo foi unha badalada contundente, nos últimos días “Figa” amosa de xeito máis evidente a conexión coa pista. As bailarinas de Feeling Formación convidan a danzar con coreografía de Daniel Rodríguez e coordinación de baile de Diana Ballesteros.

Na historia, moito lume e xente que busca queimar as Tanxugueiras na fogueira. Para rodalo, escolleron o aparcadoiro do Parque Etnoarqueólóxico das Cabanas de Outeiro en Salceda, o Pazo de Señoráns en Meis e a nave Global Setup en Caldas.

Tralo visionado xorde a pregunta: Tiñan medo as Tanxugueiras das críticas dos puristas por virar cara o electrónico?

Aida Tarrío responde que non: “Nós somos unhas mulleres que dende o primeiro momento fixemos o que nos deu a gana. Nunca tiramos polo lado purista polo tanto os puristas que xa non nos querían non nos van querer agora. Ademais estamos chegando a xente á que nunca chegariamos tocando só a pandeireta. Iso é algo que hai que aceptar. Para que te escoite a xente nova, hai que evolucionar e hai que meterse no seu terreo”.

"O tradi mola"

Non obstante, reflexiona: “Na música tradicional en Galicia xa somos poucos. O máis importante é remar todos para o mesmo sitio. Se Tanxugueiras abre unha porta, iso vai servir para que moita xente poida entrar por ela. O que fagan Xabier Díaz ou Mercedes Peón vai abrir portas para que nós vaiamos detrás. Non podemos poñernos trabas uns a outros. Hai que lanzar a mensaxe ás novas xeracións de que o tradi mola e que podemos facer vídeos xeniais á altura de calquera artista, hai que dicir que se pode chegar co tradicional e o galego”.

De momento, o grupo ten como obxectivo ir sacando sinxelos. “Así, nunca acabas de desconectar co público mentras que cando fas un disco podes estar varios meses sen contacto co público. O single é moi guai para que a xente poida seguir o teu traballo pouco a pouco”, opina Aida Tarrío. Non obstante, recoñece que haberá novo disco con todo este material .

En canto ás actuacións neste verán, –esta semana estiveron en La Mar de Músicas en Cartagena– Tarrío expresa que con estes novos temas están a dar “un paso máis alá” para conectar e darse a coñecer tanto en Galicia como fóra. “Ao final, as tradicións están superconectadas e a música de agora tamén polo que hai que fiar todo”, engade a integrante de Tanxugueiras, que recentemente tocaron nun festival en Bélxica. “Tiñamos máis datas para tocar fóra pero polo tema COVID tivemos que aprazalas”, agrega a artista galega.

"Dende o minuto un fomos conscientes de que queriamos ser máis profesionais e non só tocar nos seráns”

Aida Tarrío - Tanxugueiras

O paso que están a dar Tanxugueiras e Baiuca é tamén unha ponte que xa cruzaron grupos como os ucraínos Go-A que quedaron quintos no último festival de Eurovisión con “Shum”, unha revisión de cancións folk de seu país cantadas no ritual homónimo que se celebra na primavera na honra dos bosques.

Co exemplo de Go-A por diante, no YouTube houbo fans das Tanxugueiras que se presentaban por que España non podería enviar un tema como “Figa” ao certame europeo.

“Sería moi importante participar nun concurso así para ensinar que na península hai algo máis que flamenco. Temos moitísima tradición todavía por estoupar que vai vendo a luz pouco a pouco”, conclúe Aida Tarrío.