A Xunta festexará o Día da Música a tarde do sábado 26 de xuño coa celebración de cinco concertos de artistas internacionais nos espazos exteriores Cidade da Cultura de Galicia, vencellados cada un deles ás cinco rutas do Camiño de Santiago.

As actuacións, que se encadran na programación do Xacobeo 21-22, comezarán as 18.00 horas coa cantaora andaluza Rosario la Tremendita, á que lle seguirá o fadista pop portugués André Henriques; o grupo vasco-francés Kalakan, que chegou a ser teloneiro de Madonna; e o oscarizado compositor compostelán Nico Casal. Ás 22.00 horas porán o peche a este pequeno festival Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre cun repaso ao seu repertorio conxunto de música de raíz. A entrada será de balde, a través de convites para cada un dos concertos, que se poderán retirar a principios da semana que vén no portal web de ataquilla.com e tamén a través da cidadedacultura.gal.

A celebración do Día da Música é unha actividade consolidada na axenda da Cidade da Cultura e marca o inicio da programación cultural do verán no Gaiás. Nesta 2021 dáselle un pulo especial con cinco concertos, tanto pola liña de reactivación e dinamización do sector cultura coas que está comprometida activamente a Xunta como por encadrase nas accións do Ano Santo que se está a festexar.

Por este motivo, a celebración do Día da Música 2021 no Gaiás leva por título Peregrinación musical, xa que se propón coa programación destas cinco actuacións unha especie de percorrido musical polos espazos exteriores da Cidade da Cultura recollendo en cada concerto os sons propios que calquera camiñante pode escoitar e gozar nas localidades que atravesan as cinco rutas xacobeas. Como exemplo, a actuación do Xardín do Teatro, ás 18.00 horas, estará vencellada coa Vía da Prata e cos sons do sur da renovadora cantaora Rosario la Tremendita. A actuación das 19.00 horas será nos exteriores das Torres Hejduk, onde o público poderá escoitar o fado e a canción portuguesa con aires pop de André Henriques para evocar o Camiño Portugués.