TVG emite esta tarde, ás 18.50 horas, o capítulo 11 de “O Clan das Mariñeiras” que, baixo o título “O soño de Montse Muñoz. Peixeira elegante como as ondas do mar”, viaxa ata a localidade coruñesa de Sada para coñecer a esta muller, especialista no corte e limpeza do peixe. O programa, dirixido por X.H. Rivadulla Corcón e realizado por Producións Celta para a cadena autonómica, achegarase a unha muller que traballa xunto coas súas compañeiras Viki e Paloma, e o seu home, José Fernández.

Montse chega á peixería cando xa están os tres tras deixar á súa filla Noa no instituto. No local hai bo peixe que José comprou no muro da Coruña, está colocado con mestría para resultar atractivo para as clientas, e as tres peixeiras coñecen ben o seu oficio. O programa servirá para coñecer que unha das partes máis complicadas do seu oficio é limpar o produto e cortalo.

Deste xeito, os espectadores poderán ver como Montse Muñoz construíu a súa vida arredor de algo que non soñara, o oficio de peixeira, pero que converteu no seu soño, porque é peixeira con paixón. Nada sabía do traballo, pero aprendeu ata chegar a unha sabedoría profunda. Agora ser peixeira non é só un oficio é para ela unha sinal de identidade. Ademáis, quere que a súa filla Noa consiga materializar un soño, algo que ela soñe ou algo que no devir da vida cumpra a función dun soño e que a moza aínda está a buscar. Por este motivo, “O Clan das Mariñeiras” réndelle homenaxe a Monste con algo que representa o seu soño e que a súa propia filla vaille entregar.

O presentador X.H. Rivadulla Corcón entrevista a Manolo Vázquez en Portosín Producións Celta

Ó remate desde programa empeza “Caderno de Bitácora”, tamén de Producións Celta para a TVG e coa dirección de Rivadulla Corcón. Baixo o título “Manolo Vázquez. Cando o ritmo das ondas é o ritmo da vida”, a produtora achégase ata Portosín para coñecer a Manolo Vázquez, patrón de cerco, mariñeiro e aventureiro. Para achegarse máis á súa vida, o programa fala co seu amigo Jorge Rodríguez, e coa súa filla Inés, que é redeira e cose para o barco da casa, “O Titán”.

Manolo Vázquez foi neno mariñeiro e empezou a traballar limpando a bodega das tarrafas de Portosín, e de mariñeiro propiamente empezou co seu pai. Comprou “O Titán” no porto de Ribeira con só 32 anos. E di que este barco constitúe a base da súa vida e da súa familia. Tamén foi patrón maior de Portosín, en diferentes etapas, nas que se lograron importantes melloras para o sector. Xa retirado segue a ser un referente para o sector.