“Os poemas de Xela son poemas moi contemporáneos, falaba de inxustizas e falaba do persoal”, defende Xiana Lastra, a voz de A banda da loba que recentemente publicaba o seu disco dedicado totalmente á autora homenaxeada no Día das Letras Galegas deste ano.

Patricia Iglesias e Álex Balbuena son Acordeireta. | // FDV

“Nós xa musicaramos a Xela no traballo anterior, ‘Fábrica de luz’. Fixemos a canción ‘Tigres como cabalos’ que non era exactamente un poema dela senón que estaba inspirado no poemario en xeral”, lembra.

Esa primeira incursión no universo Xela fixo pensar ao grupo na posibilidade algún día de facer un disco enteiro sobre os seus poemas. A idea estivo a voar no aire ata que a Real Academia Galega deu o paso e decidiu que este ano das Letras sería para a autora viguesa. “Unha vez se anunciou que lle adican as Letras Galegas decidimos facer agora o disco e non máis tarde”, explica a banda a este diario.

Unha das decisións que se tomou foi regravar “Tigres como cabalos” coa voz de Xacobe Varela para ofrecer algo diferente. No caso do tema“Intempériome” , escolleron varios poemas do libro para conformar a canción. O mesmo fixeron con “Darío a diario” e con “Denuncia do equilibio”.

Recoñece Xiana que “é moito máis difícil musicar poesía contemporánea ca os clásicos porque esta última ten unha métrica máis medida e é máis doado convertilo en canción. Non diría que tivemos unha especial dificultade inda que si houbo algún verso en concreto ou palabra que houbo que cambiar”.

En canto á sonoridade, A banda da loba valeuse máis ca nunca do seu estilo “caleidoscópico”, é dicir variado no misturar. Por un lado, atopamos “Darío a diario” como unha canción de berce que lembra tamén a unha canción máis pop, con reminiscencias indie.

Pola súa parte,“Intempériome” foi máis rockeira xa que a mensaxe é máis intempestiva nos poemas dese libro. “Como eran poemas de autorrecoñecemento e recuperación, pedíanos unha canción máis cañeira”, engade.

“Cando fixemos ‘Tigres como cabalos’ que é o máis sensual dos poemarios, pensamos que o bolero dáballe á música ese toque en consonancia coa escrita”, lembra Xiana Lastra.

Para este disco, a capa é especialmente acaída. Realizada por Raquel Senra, propulsora do proxecto Árbore Azul, presenta un collage a partir dunha das imaxes icónicas da escritora captadas polo fotógrafo Xulio Gil, que fora a súa parella.

Outra aportación musical recente conectada coa obra de Xela Arias é o single que liberaron o mesmo Día das Letras Galegas o dúo vigués Acordeireta: Patricia Iglesias e Alejandro Balbuena.

Acordeonista e pandereiteira puxeron os seus sons ao servizo do poema “Monólogo adicto III”, cun sinxelo vídeo que se pode ver no YouTube. A escolla non foi ao chou. Confesa Patricia Iglesias –que ademais de música é deseñadora da marca de roupa innovadora con fusión no tradicional Obradoiro de Costura Saiáns, en Vigo– que elixiron esa composición porque nela a autora convida a falar en galego, a dar o paso.

“A xente fala cada vez menos galego, mesmo a xente que está no mundo tradi. Dame tristura, por iso hai que facer unha reivindicación”, defende a pandereiteira viguesa.

Tendo en conta o tema, engade que “tivemos claro que tiña que ser unha tradicional”, prosegue unha persoa que recoñece que “musicar a Xela Arias é moi difícil pero tiñamos claro que tiña que ser unha peza tradicional –unha xota–. Por que non bailar unha xota ou muiñeira con poesía de aquí e contemporánea?”.

Para Iglesias, hoxe en día gran parte do repertorio tradicional galego non conecta temáticamente co público porque non fala dos problemas de agora. “As cancións sobre as muiñadas están ben, pero quen vai hoxe ao muíño? Cada vez están menos vixentes estes temas pero os temas de Xela si que o están”, remata a música de Acordeireta, grupo que recén sacou novo disco: “Loitar cantando”, en honor a un verso de Luz Fandiño que tamén musican.