A rosca é unha das antigas gaitas de Galicia que, a excepción dalgúns músicos que a recuperaron, quedou case no esquecemento. A grupo emerxente Ailá (formado por creadores de distintos puntos de Galicia) recupéraa para un dos temas do seu álbum homónimo de presentación. A canción na que se presenta o peculiar timbre deste instrumento é “Muiñeira de frades” e de seguro que sonará mañá venres en Cangas do Morrazo onde Ailá actuará no Auditoro Municipal coas entradas a sete euros.

“É unha gaita galega menos coñecida que presenta un timbre máis búlgaro, máis do leste. A sonoridade que ten evoca os sons, en principio, doutros lugares pero que tradicionalmente tamén eran de aquí”, explica Xan Pampín, acordeón e bombo do grupo Ailá, banda que introduciu no álbum moitos instrumentos singulares tradicionais galegos como as tarrañolas (instrumento de percusión que sona ó bater dúas láminas de madeira).

Ademais de Pampín, complementan a banda Manuele Pardo (voz,percusión e gaita), Ángela Carou (voz e percusión) e Abel Gañete (fliscorno e trompeta) se ben no disco contaron coa axuda doutros músicos galegos como Pedro Lamas (gaita rosca), Manuel Amigo coas cunchas e tarrañolas; Andrés Vilán á caixa, Fernando Saavedra na lata e a tixola ou María Prado López na trompeta, entre outros.

Para quen aínda non escoitara Ailá, unha aclaración: é música do país que convida a bailar –inda que no concerto haberá que estar sentadiñ@s– con aires que a moitos lle sonarán ós Balcáns ou ó leste de Europa pero con raíz de seu no pasado musical de Galicia.

“O son da trompeta, do acordeón, os cambios de ritmo, de tempo de lento a rápido... tamén están na música tradicional galega”, defende Pampín quen sinala que a banda busca anima-los seráns pero tamén “volver a poñer en circulación as cantigas do pobo”.

“Nós –engade sobre o disco– traballamos con arquivos sonoros de Galicia. Non facemos traballo de campo para recuperar cancións pero acudimos ó Museo do Pobo Galego e outros arquivos”, explica Pampín. Este músico aclara que a música tradicional galega está composta por temas e as súas variantes. É dicir, podemos atopar unha canción interpretada dun xeito nun lugar que varía en letra ou nalgunha sonoridade noutra vila.

Dende Ailá, respectan “a singularidade do swing da música tradicional” a pesar dos arranxos que introducen nos temas.

Cada tema do disco “Ailá” ten unha historia especial que se pode atopar moi resumida no YouTube do agrupación. “’Xitana’ saqueino do libro da Central Folque sobre o traballo de recompilación que fixera o antropólogo danés Gustav Henningsen en Galicia e que foi cedido ó Museo do Pobo Galego. Nos anos 60 do pasado século, non existían gravacións da dimensión etnográfica que fixo el. Veu á Virxe do Corpiño, onde quedou alucinado e fixo migas cun panadeiro de Ordes que lle fixo de guía. El dáse conta de que a tradición oral, que xa non atopaba no seu país, seguía viva aquí en Galicia. Por iso fixo un traballo do máis digno posible” con gravacións”, explica o acordeonista de Ailá.