A primeira temporada da serie ‘Auga Seca’, un drama policial situado no tráfico de armas e producida por Portocabo e SP-i para RTP, TVG e HBO, vén de converterse na primeira serie en galego preseleccionada nos VIII Premios Platino do Cine Iberoamericano pasando unha primeira fase entre máis de 600 producións de 23 países iberoamericanos. As categorías nas que destaca esta ficción son a de Mellor interpretación feminina en miniserie ou teleserie (Victoria Guerra) e a de Mellor interpretación masculina de reparto en miniserie ou teleserie (Adriano Luz).

Os Premios Platino - organizados pola Entidade de Xestión dos Dereitos Audiovisuais (EGEDA) e a Federación Iberoamericana de Produtores Cinematográficos e Audiovisuais (FIPCA) en colaboración coas Academias e Institutos de Cine- recoñecen cada ano as mellores series de produción iberoamericana e aos profesionais que participaron nelas. As obras finalistas coñeceranse a finais do mes de xuño e os premios entregaranse en outubro de forma presencial.

Na súa segunda tempada, que se estreará proximamente, ‘Auga Seca’ afondará nas orixes dos negocios da familia Galdón e os seus conflitos coa familia de Teresa, a protagonista interpretada pola actriz portuguesa Victoria Guerra. No elenco repiten actores galegos e lusos coma Monti Castiñeiras (Mauro Galdón), Sergio Pazos (inspector Viñas), Eva Fernández (Irene), Belén Constenla (Dulce) ou Adriano Luz (Lázaro), xunto a novas incorporacións como Pêpê Rapazote, Luana Piovani e Gonçalo Waddington.

Comedia ‘Cuñados’ en cines

Por outra banda, a comedia galega ‘Cuñados’, dirixida por Toño López, continúa a manterse como o filme máis visto en Galicia dende que se estreou en cines o pasado 9 de abril. Producida por Alfonso Blanco de Portocabo, ‘Cuñados’ é unha comedia de enredo sobre as peripecias delictivas de tres cuñados unidos polo azar e embarcados nun plan disparatado. A película, protagonizada por Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira, Federico Pérez Rey, Eva Fernández, Iolanda Muíños e María Vázquez comezará a partir de hoxe a súa sexta semana en salas.