A Mesa pola Normalización Lingüística presentou onte no Parlamento autonómico 33.008 firmas de apoio da Proposición Non de Lei de Iniciativa Popular para “instar o Goberno galego a tomar medidas precisas para que a CRTVG aumente a oferta en galego destinada á infancia e á mocidade” cunha canle específica dedicada ao ‘Xabarín’.

“O galego está excluído do tempo lúdico, dos xogos e xoguetes, do ensino, e tamén da televisión”, criticou o presidente da organización, Marcos Maceira, que destacou ademais a “presenza insignificante” do idioma propio de Galicia na televisión, onde só a TVG “garante uns mínimos, cun 4,6% de programación infantil e xuvenil durante a semana e un 2,7% en fin de semana”.

“Así é moi difícil salvagardar o futuro do galego”, lamentou Maceira que, con todo, mostrouse satisfeito co apoio social á proposta. “Os galegos queren galego e estas sinaturas certifícano. O problema non está na demanda, está na oferta”, puntualizou o responsable da asociación.

“Pedimos o mesmo que teñen outras televisións autonómicas e mesmo a estatal, con ClanTV”, comentou Maceira, que remarcou a necesidade para a mocidade de gozar “dunha programación atractiva, actual e educativa en galego, dispoñible en todas as plataformas dixitais, así como nunha app que conte con programas e xogos”.

Con esta proposta, a Mesa pola Normalización quere “contribuír” a que esa oferta sexa, “como mínimo, igual á que gozan outras linguas no territorio”, para o que, segundo recalcou o presidente da Mesa, obtiveron “moito apoio de moitísimos e moi distintos sectores da sociedade”, con sinaturas de persoas anónimas, comercios e establecementos hostaleiros, actores e actrices, e asociacións de ensino.

Marcos Maceira subliñou tamén as mocións aprobadas por unanimidade por unha ducia de concellos galegos para apoiar esta iniciativa, algo que espera que reciba o apoio tamén do propio Parlamento galego.