“Gústame –explica Morris– a idea de Alfonso de que as películas máis que argumento transmitan sensacións e que ós personaxes lles pasen cousas por dentro. Esta película, “Ons”, provoca iso. Hai momentos bonitos, pero tamén abruptos, de agobio. Deixa preguntas sen responder porque non se trata dun thriller. Para min, a conclusión na que quedaría pensando como espectador é que me gustaría ver outra película para saber como lles vai a estes personaxes”.

Sobre os puntos de conexión de Morris con Vicente, o actor vigués –que poderemos ver nun capítulo da vindeira tempada da serie “Hierro”– recoñece que “é un personaxe bastante cercano a min, non na forma de pensar nin nas cousas que lle pasan; pero non tiven que facer ningún debuxo externo para dar unha apariencia concreta para el”.

Os silencios van fiando a historia na que “as sensacións e os momentos atravesan os personaxes”, opina o intérprete que recolleu grande éxito co seu papel en “Fariña”.

Recoñece Morris que a rodaxe “foi moi agradable inda que houbo momentos duros nos que gravabamos os temporais. Podían pasar tres días sen rodar, esperando o momento, porque cambiaban os planes continuamente”.

A rodaxe alberga unha anécdota que tanto Morris como Melania Cruz coinciden como a estrela da gravación. “Si e mesmo hai vídeo dela. Foi un día de rodaxe. Vicente (o personaxe de Morris) está feliz pescando na illa, coa cana longa no mar. Estivemos unha tarde enteira o equipo máis eu, co de Riscos Laborais da Xunta detrás, e non fun capaz de coller un peixe. Atontábaos contra as pedras, pegábanme na cabeza... parecía Benny Hill, non valeu para nada as tomas. Sentín o ridículo máis grande da miña vida. Quince persoas detrás unha tarde enteira e non valen as grabacións para nada. Un urbanita, un desastre...”, comenta entre risas.

Para este enorme actor galego, “Ons” supuxo o seu encontro primeiro coa illa buenense á que non fora anteriormente pero á que lle gustaría voltar, sen traballo, para disfrutar da compaña das xentes da illa: “ Volvería a Ons para convivir con eles porque é unha marabilla”.

Preguntado sobre se a incomunicación é unha doenza do tempo actua, responde que “hai un exceso de información pero non de comunicación.Estamos atascados con información pero a comunicación está cada vez máis complicada. Aínda que esta película non vai diso, é de dous personaxes moi íntimos. No caso de Mariña e Vicente é unha parella en declive, non tanto porque sexan dous personaxes que oculten, senón porque levan mochilas estrañas. Van reflexionar e intentar recuperarse. Nesa reflexión, falan dun episodio que pasou, dun accidente del no coche cando ía con alguén. É un punto de partida para que ocurra todo o que ocorre en Ons e saian dúas persoas distintas porque cambiaron os roles. Non hai solucións en Ons”.