A presentación do libro disco “Extra!” do músico Paco Nogueiras e do artista plástico Marc Taeger fai parada esta tarde en Vigo, na Libraría Libros para Soñar (Triunfo, 1, no Casco Vello). Trátase da nova obra publicada por Kalandraka na que as cancións terán como protagonista á prensa e ós xornais.

Nesta ocasión, non serán os cativos o público, senón docentes, mediadores ou persoal de bibliotecas. As persoas interesadas poden inscribirse no lps@kalandraka.com para poder participar nalgunha das dúas sesións previstas: ás 17.30 e ás 18.30 horas.

A medida que se vai escoitando o disco, as cancións van levando ós oíntes por novas das distintas seccións dun diario como actualidade nacional, internacional, sucesos, cultura ou deportes, entre outras.

Nogueiras quixo ofrecer temas con “ritmos modernos, pegadizos e bailables”; mentres que Marc plasmou a Paco cos seus característicos lentes nas ilustracións do libro con moita cor e moito dinamismo, destacan dende a editorial Kalandraka sobre este terceiro disco-libro de Paco Nogueiras.

O autor fora Premio Martín Códax da música na categoría ilnfantil co anterior traballo, “Brinca vai!”. Este seguiu ó primeiro que levara de título “Radio Bulebule”.

O proxecto global conta tamén cunha dimensión audiovisual a través da arte e creatividade do realizador José Miguel Sagüillo, encargado de elabora-los videoclips das cancións.