A Televisión de Galicia é a canle que máis medrou en audiencia no mes de outubro, que pechou cun 10,1% de cota no conxunto do día e un 10,9% no prime time, segundo un comunicado que onte remitiu a CRTG. A Galega incrementou a súa audiencia todos os días, agás os sábados, nun mes en que salientou a suba de público con idades entre 4 e 24 anos, que xa supoñen o 5,8% da audiencia da canle pública.

Na programación informativa, a Galega segue a manter o seu liderado na franxa do mediodía. E neste mes de outubro o espazo matinal ‘A Revista’ incrementou a súa audiencia en 1,5 puntos e tamén subiron os seguidores do ‘Telexornal Serán’, que acada rexistros históricos, ou do ‘Telexornal Mediodía Fin de Semana’. Ademais, a TVG seguiu gañando audiencia entre a cidadanía urbana, que supón o 25,4% da audiencia da canle.

Entre as televisións autonómicas, a TVG pechou outubro como segunda canle, só por detrás de TV3, e acadando valores superiores á media da FORTA, 1,4 puntos de cota máis no conxunto do día e 1,9 puntos no prime time.

Contidos dixitais

No eido dixital, onde a CRTVG ten 4 canles dedicadas 24 horas ao contido infantil (na App da CRTVG, na App do Xabarín, na canle Xabarín en crtvg.gal e Radio Picariña), o portal www.crtvg.gal incrementou nun 42,3% o número de páxinas vistas, e tivo tamén un incremento do 26,7% de sesións e dun 26,7% de usuarios respecto do mes anterior, destaca a nota de prensa.

E no que respecta ás redes sociais, consolídase a aposta informativa de g24.gal, cuxo perfil en Facebook incrementou nun 13% o número de impresións con respecto a setembro, con preto de 6M de impresións no mes outubro. É salientable tamén o incremento do 28% nos fans gañados respecto ao mes anterior, indica o comunicado.

En Instagram

O número de impresións no perfil en Instagram do servizo de información g24 creceu nun 23% con respecto a setembro, amosando 432.000 impresións no mes de outubro e cun crecemento do 15% de seguidores. E as stories desta rede social incrementaron nun 42% as impresións e nun 34% as interaccións, amosando 352.000 no mes de outubro. O alcance incrementouse, con respecto ao mes de setembro, nun 35%, amosando 404.000, segundo informa a CRTVG.