Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Praias

Areais sen bandeira e con ela (II)

O investigador Xerardo Dasairas conclúe con esta segunda achega a controversia ao redor das bandeiras azuis nas praias, cos seus supostos beneficios, a súa masificación e as repercusións negativas para os veciños da contorna, especialmente no Hío e Aldán.

Unha foto da praia de Nerga con Viñó e Barra ao fondo, na parroquia canguesa do Hío.

Unha foto da praia de Nerga con Viñó e Barra ao fondo, na parroquia canguesa do Hío. / Gonzalo Núñez 

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Xerardo Dasairas

Xerardo Dasairas

Cangas

Despois da inaudita e precoz protesta dos veciños de Vilanova, comezarían as «rebelións» institucionais de concellos e autonomías contra as normas que impuña a Adeac, rexeitando as suas servidumes importantes e famosas praias mediterráneas. En Galicia serían os concellos progresistas quen comezasen a cuestionar as bandeiras e as suas esixencias por criterios semellantes, optando pola autoxestión dos seus propios areais, sen que por iso diminuiran os turistas e usuarios.

No ano 2012, sería o Concello de Rianxo quen deixase de solicitar as bandeiras despois de dez anos, ao discrepar dos criterios de avaliación de Adeac e cinco anos despois, constataron o aumento de visitantes e bañistas. Non tiñan bandeiras azuis pero contaban con socorristas, baños, análises da auga, limpeza dos areais, conservación da contorna… e ningún usuario se fixou se había bandeira ou non. Nos anos seguintes tomarían esta mesma decisión concellos como Boiro, A Pobra do Caramiñal, Serra de Outes, Barreiros, Viveiro, O Grove, Nigrán… e mesmo a praia da Lanzada, sen bandeira, batería en 2016 o récord de visitantes. Ante isto, o presidente de Adeac comentaría que «son cuatro o seis alcaldes que sus motivos tendrán, quizás para promocionar sus propias banderas o para desacreditarnos porque han perdido la suya. Pero en conjunto, Galicia ha presentado más candidaturas este año que nunca, tan tontos los alcaldes no serán».

Neste mesmo ano, a Plataforma en Defensa do Sector Marítimo Pesqueiro de Galicia (Pladesemapesga) vai presentar unha denuncia na Fiscalía de Galicia contra «o entramado societario e económico» das Banderas Azules de Adeac por «presunta extorsión por todo o litoral español a través de convenios, cursos e contratas de fondos públicos en troques das bandeiras». Porén, a Fiscalía habería de desestimar esta denuncia, non porque houbese ausencia de delito senón porque sobrepasaba os límites da súa competencia (Galicia).

Texto cos motivos de rexeitamento ás Bandeiras Azuis por parte de varios municipios.

Texto cos motivos de rexeitamento ás Bandeiras Azuis por parte de varios municipios. / Arquivo do autor

En xuño de 2020, sendo rexidor do Concello Xosé Manuel Pazos, os areais de Cangas xa viñan sufrindo unha invasión de vehículos que colapsaban os accesos aos areais e lle causaba problemas aos veciños, ainda que outros optaron por beneficiarse, creando os chamados «leiraparking» que foron fiscalizados inmediatamente. Ante o dilema de como restrinxir os accesos, sen coartar dereitos, o Concello ve contraditoria esta medida pois considera que as sete bandeiras azuis contribuían en parte a esta masificación, ademais do seu custe, polo que o coherente sería eliminalas.

O falecemento do alcalde e a dilación na toma desta decisión por parte dos seus sucesores no goberno municipal, alongaría este asunto ata o ano 2024 xa cun Concello tripartito, rexido pola alcaldesa do BNG Araceli Gestido. Neste ano aínda se manteñen seis bandeiras en senllos areais, mais no mes de agosto os veciños do Hío non van aturar máis a invasión automobilística e os actos de incivismo que se producen ao cortaren os accesos ás vivendas, ocupar camiños de paso ou aparcar en lugares privados.

No ano seguinte, o Concello xa non presentaría ningunha candidatura ás bandeiras, recibindo fortes críticas polo PP e AV, partidos na oposición. O Concello sairía a defender a sua posición argumentando que as bandeiras non compensaban e que os areais cangueses non precisaban «venderse» con ese distintivo porque «teñen calidade e recoñecemento abondo», e o diñeiro para sustentalas empregarase nun mellor servizo global de limpeza a todos os areais, contando con socorristas, aseos, balizado… os de Rodeira, Areabrava, Liméns, Nerga e Menduiña e dúas lanchas de salvamento, unha en cada ría.

Asociacións privadas que outorgan bandeiras.

Asociacións privadas que outorgan bandeiras. / Arquivo do autor

O punto máis controvertido desta autonomía «praieira» foi o da eliminación das duchas, xustificado en base ao abuso que se fai delas e o alto consumo de auga que supón a sua utilización día e noite. Ademais, segundo criterios da Xunta, xa se vén restrinxindo o uso da auga da traída desde hai uns anos, implicando esta medida aos servizos públicos como as fontes ornamentais, regado de xardíns, limpeza de rúas e tamén ás duchas dos areais, o que de por si xa implicaría a retirada de bandeira, de habela.

Contodo, outros perigos, xa latentes hai uns anos, van sendo máis notorios cada tempada de verán, como os verquidos de augas residuais particulares, a presenza de numerosos excrementos de cans presentes nalgúns areais e paseos marítimos (Aldán e Vilanova, segundo denuncias) e a masificación de iates de recreo na ría de Aldán (efecto chamada Amancio Ortega?) que cos seus «sentinazos» enchen a auga de residuos fecais e doutro tipo. Neste sentido, resulta paradoxal que a Capitanía Marítima lle solicite ao Concello de Cangas o control destas embarcacións cando se supón que o ente municipal non tén control sobre a lámina de auga que si lles corresponde á Mariña ou á Garda Civil do Mar. Como se pode constatar, non só era a Adeac a das esixencias incomprensibles e cabe que o ano que vén a lancha de salvamento do Concello, tamén actúe como patrulleira na ría de Aldán.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents