Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Festas do Cristo de Cangas 2026 | Manu Nieto e David González Batería e guitarrista de Nékrora

«Cando tocas na casa sintes a simpatía da xente porque te coñecen»

Nékrora actuará este domingo nas festas de Cangas, a onde traen a súa proposta ligada ao seu entorno e ás inquedanzas da súa xeración

O grupo cangués Nékrora ao final dun concerto na antiga sala Salasón, en Cangas.

O grupo cangués Nékrora ao final dun concerto na antiga sala Salasón, en Cangas. / Cristina Padín

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Cangas

Manuel Nieto e David González, batería e guitarrista de Nékrora, reivindican o valor de facer música desde e para Galicia, con cancións que abordan diversos temas: de cuestións locais a inquedanzas compartidas pola súa xeración. O grupo trae este domingo esta proposta ás Festas do Cristo de Cangas, ás 23.15 horas en Ojea. Un escenario no que, aseguran, síntense especialmente cómodos por tocar diante dun público que xa os coñece.

-En «Jodechinchos» empregan a retranca para falar de temas máis serios, por que decidiron buscar un equilibrio entre humor e sátira para facer crítica?

-Forma parte da nosa identidade como galegos. Esa sátira e contrasentido é unha maneira de entrarlle máis á xente. A pesar de ser ao revés sentímolo máis directo. Á xente pode crearlle reflexión cando de verdade escoitan as letras e pode chamar máis a atención.

-Cales son os factores do seu entorno que lles seguen dando ganas de reconvertir en cancións?

-Pois evidentemente o tema da masificación do turismo. Ao final é unha cousa que altera as nosas vidas e as da xente do pobo. Pensamos que é necesario que alguén que teña voz para dicir según que cousas o faga, porque sempre haberá alguén que se poida identificar. Ademais, no noso caso todo sale un pouco da emoción, dos sentimentos que temos relacionados con diversos temas, como o que dixemos ou o mar.

-Falando de temas locais, buscan conscientemente convertir os elementos que lles rodean en letras?

-Flúe, non? Porque non é que planifiquemos rollo: «Si, imos falar disto, non, imos falar do outro”. Os temas que tratamos sempre saíron moi naturais porque ou ben son inquedanzas nosas ou ben temas recurrentes do día a día.

-Sinten que hai espazos e oportunidades suficientes para que as bandas medren sen ter que ir fóra?

-A escena actual é moi comercial e como grupo independente é moi complicado destacar ou ter oportunidade de tocar nun sitio para que te vexan como banda «emerxente». Hoxe en día se non vas con un selo... É moi complicado facelo todo de maneira autoxestionada.

-Agora hai máis grupos tocando en galego, considéranno unha tendencia pasaxeira?

-Non, vaise manter no tempo, pero sempre houbo algo aí ao longo da historia. Parecía que o galego era cousa só de vellos ou unha linguaxe máis da casa. Pero ao final sempre estivo presente na música de aquí, para reivindicar a cultura, o país ou a propia lingua, que tamén está ben. Pero é certo que agora o galego está por todas partes.

-Os seus directos descríbense como «espontáneos». Canto hai de preparado e canto de fluír no escenario?

-O preparamos.É dicir, hai moitísimos ensaios detrás, pero máis que unha actuación é como unha expresión. Ten que ter uns mínimos de duración nas cancións, pero non é unha obra de teatro con diferentes actos. Podemos saír do guión e deixar fluír, sempre hai que desencaixar un poquiño. Hai algún diálogo que non esperamos nin sequera os mesmos integrantes do grupo.

-Que significa para vostedes formar parte do programa das festas do seu pobo?

-Pois é moi guai. Desde o primeiro momento no que formamos a banda queríamos tocar aquí. Algunha vez que tocamos fóra, en Santiago por exemplo, íamos con esa sensación de pensar que haberá xente que nos escoite máis ou menos, porque igual non nos coñecen. A diferenza é que cando tocas na casa sintes a simpatía da xente, porque te coñecen a ti ou ao teu proxecto. Temos temas que son de aquí xustamente, dos nosos problemas a nivel local como dicíamos antes. A mensaxe cala mellor.

-Fai máis ilusión tocar ante a súa xente ou, pola contra, impón?

-Non, de feito ao revés. Sentímonos máis cómodos e con máis ganas. Parécenos máis sinxelo porque moita desa xente que está escoitando a túa música xa coñece as túas ideas. Os que veñen é porque lles gustamos e veñen a desfrutar do concerto porque lles gustamos. Iso fai que estemos máis tranquilos co que facemos.

-Como viven agora, desde o outro lado do escenario, as Festas do Cristo?

-Pois antes eran unhas festas máis de orquestras, de grupos grandes, mainstream, moi de moda... E tal vez este ano volveu un pouco a iso pero desde outra perspectiva, porque si que son grupos grandes, pero de Galicia. Estase apostando moito por grupos potentes da propia zona como poden ser Grande Amore ou Bala. E claro, é diferente porque son bandas galegas pero con proxección nacional ou internacional. Isto fai pensar que non fai falta que veñan grupos de fóra para que sexan unhas festas grandes.

-Ven este formato como positivo para o descubrimento musical do público?

-Claro, porque incluso xente doutra xeración pode ter unha idea equívoca do que son estes grupos, ou nós mesmos. Como se fose algo moi revolucionario ou ligado ao tema da política. En realidade, estamos seguros de que se escoitan os concertos coas súas familias pódenno pasar moi ben e desfrutar coma nenos. n

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents