Praias
Areais sen bandeira e con ela (I)
Aproveitando o debate xerado ao redor da decisión do Concello de Cangas de non optar ás coñecidas bandeiras azuis para as praias, o investigador Xerardo Dasairas fai un percorrido histórico sobre a evolución dos usos e costumes nestes espazos naturais e a chegado do turismo.

Unha imaxe da praia de Rodeira, en Cangas, na década de 1970. / Arquivo do autor

O título do famoso soneto de Luis de Camões «Mudam-se os tempos, mudam-se as vontades» ben pode sintetizar os intereses que sobre os areais marítimos houbo ao longo dos tempos. Foron zonas naturais de varada de barcos e de asteleiros de ribeira e tamén suministradores do argazo para estercar as terras, de aproveitamento das crebas que o mar deitaba neles e de recolleita de marisco miúdo para a alimentación e as conserveiras.

Mapa coa ubicación das praias do municipio de Cangas. / Arquivo do autor
Ata comezos do século XX non se xeralizaría o uso dos baños de mar, ao que se accedía polas praias, pero sempre cun carácter medicinal proviñente da auga salgada, da brisa e do iodo das algas. A exposición ao sol era mínima, cubríndose con pamelas ou sombrillas e porse «moreno» ou «bronceado» estaba mal visto nas elites pois isto asemellábase á cor que lucían obreiros e labregos. Así, comezarían a proliferaren as chamadas casas de baño, construcións de madeira, avanzadas no mar sobre esteos, con servizos destinados ao lecer dos veraneantes. Mentres Vigo contaba con varias, no Morrazo a única existente era o chamado Balneario dos Praceres ao que o empresario hosteleiro de Cangas Manuel Cabanelas quixo imitar, construíndo unha casa de baños en Rodeira cuxo permiso nunca lle foi concedido por desencontros políticos.
Hai que dicir que nestas datas e ata os anos trinta do século XX, o Areal de Rodeira era o único de Cangas que atraía “excursionistas”, a maioría colectivos sociais vigueses trasladados nos vapores, que paseaban e xantaban á sombra dos piñeiros ou no «Danubio Azul» en xornada dun día. Nestes anos, a maior agresión ás praias de Cangas proviña da masiva extracción de area por parte de galeóns que transportaban o seu produto para as obras do porto de Vigo, estragando os bancos marisqueiros.

Un grupo piragüistas en Rodeira no ano 1933 e faenas de pesca ao fondo. / Arquivo do autor
A apertura das estradas Cangas - Aldán e do Viso ao Hío nos anos corenta, posibilitaron a utilización paulatina dos outros areais ubicados en Darbo, Hío e Aldán pero sempre con escasa afluencia de xente a non ser veciños mariscando ou largando a rapeta e algúns mozos botando un partido de fútbol. Sería desde os anos sesenta cando o ministro de Turismo Fraga Iribarne comece a promover os areais mediterráneos como atractivo para os turistas extranxeiros na procura de royalties para a maltreita e illada economía española. Mais este «boom» mediterráneo aínda tardaría uns cantos anos en asentarse en Galicia, que a pesar de contar con quilómetros de costa e areais, non se vía favorecida polo tempo atmosférico e as frías augas do Atlántico. Mais isto non quere dicir que os oriundos e os veraneantes non se botasen xa ás praias urbanas desde finais dos anos sesenta.

Reflexións dun veraneante en Cangas no ano 1934. / Arquivo do autor
Desde mediados dos anos setenta e durante a Transición democrática, os areais cangueses van sufrir unha «invasión» da práctica do campismo libre, con furtivismo incluído, e da construción de vivendas prefabricadas con permiso municipal de «ghalpón de uso aghrícola». Xa que logo, a finais desta década vaise constituír o CIT (Centro de Iniciativas Turísticas) conformado por empresarios hostaleiros que tentan canalizar este fluxo cara a unha legalidade no uso e ocupación das terras e areais, presionando ao Concello a ditaminar normas sobre este tema. Así, aparecen os campings e promóvese a construcións de hoteis e hostais, ao tempo que se toma conciencia sobre o coidado e mellora dos areais cangueses. Con todo, a procedencia dos veraneantes en Cangas seguía sendo Ourense e Castela (Madrid sobre todo), aínda que os vigueses tamén comezaron a ser numerosos desde 1981 ao se abrir a Ponte de Rande.

Unha campaña promovida en 1993 polo CIT, co lema «Cangas, sol de Galicia» / Arquivo do autor
Durante esta década dos oitenta e primeiros anos dos noventa xa se tiñan multiplicado os «ghalpóns», evolucionando moitos en vivenda, sen respectar as normas urbanísticas polo que a partir de 1995, o novo concello cuatripartito de esquerdas, rexido por Euloxio López, emprende accións para recuperar a legalidade nestas construcións (Aplu), sucedéndose os desaloxos e a eliminación ou derrubo das instalación ilegais. Ante estas actuacións municipais, avaladas por Costas e a Xunta, vaise constituir o colectivo «Vigueses residentes» (o nome delata a súa procedencia), que inicia accións de protesta, algunas tan radicais como a queima do coche do concelleiro de Urbanismo López Freire.
Esta decisiva acción do Concello na reposición da legalidade urbanística e na atención e limpeza e servizos dos areais cangueses, serviría para poñer en foco o evidente potencial turístico das trinta e oito praias do ámbito municipal, que se promocionaron co eslogan: «Cangas, a mar de ben». Desde 1999, xa co Concello rexido polo PP, comeza a actuación nos areais de Menduiña e Areabrava de cara á obtención das xa famosas bandeiras azuis que outorgaba Adeac (Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor), como símbolo da excelencia dos areais que a ostentaban, mais suxeitos tamén a unha semiprivatización dos mesmos. Os mencionados areais xa van lucir esta bandeira no ano 2003, así como outros moitos de Galicia, cuxa entrega anual se convertería nun acto moi publicitado ao que adoitaba acudir o mesmo presidente da Xunta, Núñez Feijoo.

Mapa coa costa de Cangas en 1595, sinalando Cabo de Balea y Punta Rodeira. / Arquivo do autor
No ano 2005 vaise rematar a chamada Vía de penetración ao Morrazo ou Vía rápida coa xustificación oficial de comunicar os polígonos de Castiñeiras e da Portela coa autopista. Mais o seu efecto inmediato foi atraer máis bañistas ás praias de Cangas que acabarían colapsándoas nos meses de verán, dando unha media de 10.000 coches diarios ao ano, polo que a Xunta decidiría, anos despois, converter este corredor en autovía. Entanto, o concello popular cangués seguiría no seu obxectivo de lograr máis bandeiras azuis e no ano 2013 xa eran sete os galardóns que ondeaban en senllos areais, chegando a dez no ano seguinte. Con todo, non cremos que tantas bandeiras azuis provocasen o colapso, sobre todo nos areais de Aldán e O Hío, pois o turismo foráneo, aínda que se incrementou, non era significativo frente ao fluxo diario de vigueses que se desprazaban desde unha cidade de 300.000 habitantes, despois de iren descartando as xa colapsadas praias de Samil, Nigrán e Baiona.
Xa no ano 2008 a organización Ecologistas en Acción advertía que as bandeiras azuis xa non contaban co aval da Unión Europea desde o ano 2000 e a acumulación de fraudes e denuncias polos criterios de Adeac leva a que autonomías e concellos «comecen a abrir os ollos». Estanse a referir a Baleares ou Eukadi e a concellos emblemáticos do litoral mediterráneo que renuncian ás bandeiras e asumen a xestión propias dos seus areais.

O areal de Menduíña, en Aldán, ao servizo da fábrica de Bolívar. / Arquivo do autor
Unha réplica a esta política turística xa tería visibilidade a finais de abril de 2011 en Cangas, cando os veciños de Vilanova, mobilizados, lle piden ao Concello que non solicite a bandeira azul que ostentaba a praia de Areabrava pois esta sofre un dano ecolóxico importante e que xa están fartos de que a masificación destrúa as dunas con tanto paso de persoas e vehículos polas mesmas, lamentando que a Adeac e as institucións públicas, desde o Concello a Costas do Estado, non fagan nada por frear este deterioro medioambiental.

A evolución das bandeiras azuis en cangas desde 2003 ata 2025. / Arquivo do autor
Porén, este último aspecto, xa obviado pola Adeac e por ende polo Concello, non sería óbice para que Cangas estendese as bandeiras a sete areais no ano 2013. Nunha especie de competición absurda, no ano seguinte, Cangas vai alcanzar as dez bandeiras, Bueu sumaría outra máis (4) e Moaña ficaría sen ningunha, afectada precisamente polas súas condicións medioambientais pouco favorables.
Porén, a euforia particular do rexidor cangués Enrique Sotelo (PP) levaríao a afirmar que Cangas tiña como obxectivo ser o municipio de España con máis bandeiras azuis, superando a Sanxenxo. Tamén admite que, «a pesar da calidade natural das augas e areais, hai que afrontar os altos custes en medios humanos e materiais (uns 45.000 € ao ano) que implican as normas da Adeac e que a excelencia esixida debe ir acompañada cunha dotación hoteleira de media-alta cualidade».
Suscríbete para seguir leyendo
- La Guardia Civil investiga vertidos durante unos trabajos de reparación de un barco de pasaje en Bueu
- La Policía de Bueu denuncia a dos conductores que triplicaban y cudriplicaban la tasa de alcohol, uno de los cuales intentó huir con «desprecio a la vida de los demás»
- Gogue enseña idomas en su pregón en Darbo
- Darbo, con los Satélites y Fredy
- El bateeiro «Cruceiro de Hío» ofrece una ruta turística en Aldán
- Darbo bailó bajo la lluvia con una danza muy aplaudida y con vivas del público
- El Concello de Moaña, libre de pagar a una vecina que se cayó en el paseo de A Xunqueira
- González abandona la sala tras los reproches de miembros del gobierno