Educación
Autismo nas aulas: moita vontade e poucos recursos
A investigadora moañesa Ana R. Guimeráns acaba de defender na Universidade de Santiago de Compostela unha tese sobre a inclusión do alumnado con trastorno do espectro autista en Educación Infantil. O estudo conclúe que a falta de recursos, tempo e persoal de apoio dificulta unha atención verdadeiramente inclusiva nas aulas galegas

A investigadora moañesa Ana R. Guimeráns, segunda pola esquerda, trala presentación da tese. / Cedida
A inclusión do alumnado con trastorno do espectro autista (TEA) nas aulas galegas avanza grazas ao compromiso dos docentes, pero enfróntase a un sistema educativo cada vez máis tensionado pola falta de tempo, recursos e profesionais de apoio. Esa é unha das principais conclusións da tese doutoral que acaba de defender a investigadora moañesa Ana R. Guimeráns na Universidade de Santiago de Compostela (USC), «A percepción do profesorado de Educación Infantil sobre os Materiais Didácticos empregados en aulas con escolarización de alumnado con Trastorno do Espectro Autista». Un traballo desenvolto durante catro anos sobre a resposta educativa ao alumnado con TEA en Educación Infantil.
A investigación combina un cuestionario dirixido ao profesorado de Educación Infantil de Galicia, con entrevistas en profundidade a 16 docentes das catro provincias. O obxectivo era coñecer que materiais empregan, como organizan a atención ao alumnado con TEA e cales son as principais dificultades coas que se atopan nas aulas.

Ana R. Guimeráns, investigadora moañesa sobre alumnado con TEA / Cedida
As respostas debuxan un escenario común. «O profesorado vive a situación actual do sistema educativo como moi tensionada», explica Guimeráns, quen sinala que os docentes demandan máis tempo para planificar as clases, elaborar materiais adaptados e continuar formándose. Esa falta de recursos, provoca que a resposta educativa «dependa moito máis da vontade individual que dun dereito garantido», reducindo en moitos casos a atención ao alumnado con TEA ao uso de apoios visuais, pero sen poder traballar coa profundidade necesaria aspectos sociais ou emocionais.
Unha das mensaxes que a investigadora considera máis importantes é desmontar a idea de que existe un perfil único de estudante con autismo. «É un trastorno de espectro e a diversidade é inmensa», resume. Ao seu xuízo, o maior erro consiste en buscar materiais ou receitas universais para todo o alumnado con TEA, cando o realmente importante é coñecer as necesidades de cada neno ou nena por enriba da propia etiqueta diagnóstica. Cada estudante presenta intereses, fortalezas e dificultades diferentes, que poden converterse en ferramentas para favorecer a súa participación e inclusión no grupo.
A súa investigación tamén deixa espazo para o optimismo. Un dos achados que máis lle sorprendeu foi comprobar que cada vez existe unha maior colaboración entre os centros educativos e entidades externas, como asociacións de autismo ou profesionais especializados. Pese que esta práctica aínda non é maioritaria, considera que reflicte unha crecente vontade do profesorado por traballar en rede e apoiarse noutros especialistas para mellorar a atención do estudantado.
Outro dos resultados que máis chamou a súa atención ten que ver coa formación. Máis do 80% dos docentes participantes asegura formarse sobre TEA, pero esa preparación adoita chegar unha vez están incorporados ao exercicio profesional e non durante a súa etapa universitaria. Como consecuencia, moitos recoñecen non sentirse suficientemente preparados para afrontar estas situacións na aula. «A resposta chega tarde», resume a investigadora, que considera necesario reforzar a formación práctica desde os estudos universitarios.
A pesar das dificultades, Guimeráns insiste en recoñecer o esforzo que realiza o profesorado galego, xa que moitos docentes dedican horas fóra do seu horario laboral a formarse, preparar materiais ou buscar novas estratexias para responder ás necesidades do seu alumnado. «Se hoxe existe inclusión en Galicia é, en gran medida, grazas ao esforzo do profesorado», conclúe.
Suscríbete para seguir leyendo
- El Concello de Cangas achaca la contaminación en la playa de Menduíña a la acumulación de grasa en el bombeo y revisa las arquetas en busca de algún vertido ilegal
- El PP pide responsabilidades al gobierno local por los vertidos en las playas y el «caos en el balizamiento»
- Dispositivo de la Guardia Civil para intentar localizar a Jaime, un vecino de O Hío desaparecido
- El olímpico Carlos Pérez y un compañero del Club de Mar Ría de Aldán socorren a dos accidentados cuando iban a competir en Asturias
- Cangas multará de forma directa y sin actuar subsidiariamente a los propietarios de fincas sin limpiar que sean reincidentes
- Mas de 50 personas en la primera visita guiada al Pazo de Santa Cruz
- Un camión de 30.000 kilos destroza la acera de la calle Pérez Prado de Moaña
- Ney lleva seis años esperando una familia en la Protectora do Morrazo