Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas
Ocupar o sentido
Crítica de "Hoy tengo algo que hacer" de Teatro del Barrio
A obra combina o humor coa crítica social e a reflexión filosófica de ton existencial

Representación de "Hoy tengo algo que hacer" no Auditorio de Cangas. / Diego Seixo
Ana Abad de Larriva
Adoita ser tan permanente a sobrecarga mental de dúbidas, inquietudes, decisións e tarefas pendentes que temos, que cando, por un intre, conseguimos liberarnos dela, axiña xorde a preocupación, porque parece que nos falta algo, que ten que haber algo que facer ou sobre o que rumiar. Teatro del Barrio reflexiona arredor do que é ter unha ocupación que encha de sentido a existencia en Hoy tengo algo que hacer, da cal acolleu unha función a 43ª MITCFC. Trátase dun monólogo cómico escrito e dirixido por Pablo Rosal e interpretado por Luis Bermejo nun espazo escénico moi sinxelo, con dúas zonas diferenciadas. No centro do escenario un banco de madeira; á dereita, unha banqueta cun micro.
O lugar central quere levar a un parque ou praza pública e, ao tempo, semella ser un non-lugar, un espazo abstracto, un símbolo, que, sen mudar fisicamente, vai remitindo a outros espazos. Nel atopámonos cun home que desborda palabras e versos; que xoga coa súa sonoridade, mentres se pregunta que é iso de estar ocupado. Que nos percute cos seus vocábulos, que nos atrapa e nos arrastra con eles; que nos convida a degustalos dende como el os saborea. Tal lupanda é exposta a través dun código de actuación explosivo e a grande habelencia do actor para soster a calidade verbosa do texto, na traxectoria e enerxía que este require; para transitalo e facelo habitar un espazo case baleiro. O público vai entrando no código grazas á capacidade do intérprete para rachar dende o humor coa pomposidade que pode adquirir o seu parlamento.
O texto incorpora elementos que tamén contribúen a manter o ritmo, como numerosas repeticións con e sen variación e incrementos da intensidade. Ademais, para dinamizar o monólogo o actor esboza outros personaxes a partir de poucos elementos xestuais ou algún obxecto puntual. En todos eses cambios vertixinosos entre o parlamento do personaxe principal e os demais, os matices vocais e corporais destes, o lugar onde están exactamente situados e cara a onde miran dilúense. Priman a parodia, o mantemento dalgún trazo e a axilidade, fronte á precisión na técnica e convención xestual e nos cambios de voces.
A obra combina o humor coa crítica social e a reflexión filosófica de ton existencial. Nela atópase a xa mencionada crítica á sobrecarga patolóxica e á tiranía da produtividade, e fainos pensar arredor do que pasaría se soltásemos por un intre todo o que pensamos ou cremos que temos que facer e o redescubrísemos de novo, cada día, na maxia do cotián. Pon en valor tamén o coidado e a riqueza da palabra, nun momento no que parece que esta se foi perdendo da man da rapidez, da economía de caracteres e da sobresaturación de imaxes. Porén, o texto falado vaise facendo tan voluminoso que pode acabar xerando unha enchente mental e que a persoa espectadora vaia perdendo parte da conexión con el, polo mantemento do exceso, a pesar do ritmo no que é dito.
Hoy tengo algo que hacer transmite certa nostalxia polo pasado, cando sentar nos bancos públicos ou nunha banqueta á porta da casa para conversar coa xente do barrio, coa veciñanza, era algo natural. Por iso, pon en valor o teatro como punto de encontro comunitario e o labor dos actores e actrices, no que o sentido do que fan vén dado pola asistencia do outro e pola súa escoita e a súa mirada. En Cangas, o público aplaudiu a entrega e a enerxía do actor con intensidade, facendo que saíse saudar varias veces.
Suscríbete para seguir leyendo
- La Guardia Civil confirma que la mujer de A Portela, en Bueu, llevaba tres semanas muerta en su casa
- Detenido un conocido estafador venezolano por un intento de fraude a una empresa de Moaña
- Cangas comienza a instalar vallas en las carreteras en el entorno de las playas para impedir aparcar
- Cangas podrá negar los servicios públicos de agua y saneamiento a los campamentos turísticos
- Un velero de Portugal, encallado en la ría de Aldán
- Dos personas resultan ilesas del aparatoso vuelco de un coche en Moaña
- Los delegados sindicales del Concello de Cangas impugnan los nuevos carteles de «entrada a poblado» y consideran que las multas de la Policía en el entorno de las playas serían «nulas e ilegales»
- La acumulación de espuma del mar provoca una falsa alerta por contaminación en la playa de Rodeira