Mostra de Teatro de Cangas | Paula Carballeira Autora de «Ubasute»
«Cando cumprín 50 anos vin asomar por primeira vez a vellez e a sensación de abandono»
A peza teatral, que trata do abandono das persoas anciás, represéntase este xoves no marco da Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas
Recurre ó termo xaponés para reflexionar sobre este abandono e o apego en xeral as cousas por riba das persoas

Paula Carballeira. / FdV
Escritora, actriz e narradora oral profesional desde 1994, Paula Carballeira, nacida en Maniños (Fene, A Coruña), é unha das autoras destacadas do panorama teatral galego e membro como actriz da compañía Berrobambán, que este xoves pon en escena na Mostra de Teatro de Cangas (Auditorio Xosé Manuel Pazos Varela, 22.00 horas) a súa obra «Ubasute». Nela aborda o abandono das personas maiores.
Licenciouse en Filoloxía pola Universidade de Compostela e fixo un curso de Especialización en Arte Dramática (Teoría e Práctica da Interpretación) na mesma universidade. Como narradora oral, foi convidada aos principais festivais e eventos de narración oral nacionais e internacionais e como directora de teatro, levou adiante producións tanto para a súa compañía coma para outras, entre elas a proposta para público infantil «A cabana de Babaiagá» producida polo Centro Dramático Galego. Na súa faceta de dramaturga, ten unha colleita de premios como o Nacional de Literatura Dramática do ano 2023, Follas Novas na categoría de Teatro no ano 2023 e no 2025, o premio Laudamuco de Textos Teatrais no ano 2022, o Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil os anos 2006, 2011 e 2018 ou o Premio María Casares ao Texto Adaptado. Ten máis de corenta libros publicados (álbum ilustrado, narrativa, poesía, teatro, ensaio) moitos deles traducidos a varias linguas: inglés, italiano, coreano, turco, alemán, chinés, portugués, catalán, éuscaro... algúns deles premiados e a maioría pensados tamén para a infancia e a xuventude.
-Que a levou a recorrir ó nome xaponés de ubasute para a súa obra?
-Este termo xaponés significa, literalmente, abandono dunha persoa anciá, e pareceume unha palabra moi axeitada para condensar o significado da obra: o abandono das persoas cando consideramos, como sociedade, que xa cumpriron a súa función e mesmo que son un estorbo ou un lastre para as futuras xeracións.
-Desde que perspectiva concibiu a peza?
-Pretende ser unha reflexión sobre o abandono, en xeral. Preguntábame que é o que nos leva a abandonar a outras persoas, ou a nós mesmas, e, porén, nos impide abandonar determinados obxectos, espazos, pertenzas... Ese apego que lles temos en xeral ás cousas por riba das persoas. Aínda que é unha obra breve, o seu proceso de escrita pasou por varias etapas moi relevantes para centrar o tema. Por exemplo, cando cumprín cincuenta anos e por primeira vez vin asomar a vellez e esa sensación de abandono ou cando aconteceu a pandemia de coronavirus e sentimos a soidade e a impotencia ante a morte e o desleixo coas persoas máis fráxiles. Pero non quería incidir no dramatismo das situacións, por iso botei man da retranca, e o ton irónico coido que alixeira os diálogos e os adereza cun chisco de humor.
-Que xeneros abarca?
-Desde hai tempo penso que o teatro é un lugar de acollida e liberdade para calquera proposta literaria, por iso “Ubasute”, sendo unha peza teatral, inclúe moita poesía (unha das personaxes é poeta) e mesmo unha pequena mostra de narración oral, un conto breve que ilustra o propio título.
-É membro de Berrobambán desde 1996. Que é para vostede esta compañía?
-É sinónimo de liberdade creativa, da mesma maneira que o é a escrita dramática, pero tamén de complicidade coas persoas que forman os nosos equipos para cada proxecto da compañía, e de respecto e admiración polas capacidades artísticas de todas elas. Foi o meu compañeiro Chiqui Pereira quen me propuxo entrar na compañía precisamente escribindo un texto destinado a público infantil, que coido foi a miña primeira encarga profesional dun texto dramático, e iso demostroume unha confianza e unha aposta que penso fundamental para o discorrer da miña traxectoria. Desde aquela, intentamos que Berrobambán siga a ser un espazo para xogar, para arriscarnos, para ofrecer propostas que promovan a reflexión, a crítica social, o diálogo interxeracional, a inclusión de todo tipo de público e, por suposto, a sorpresa. Gústanos sorprender, romper as expectativas, que é o que cremos que devolve a ilusión se nalgún momento se despista.
-Cando se decantou na súa vida pola dramaturxia?
-Non hai un momento determinado no que conscientemente escollese a dramaturxia. Sempre estivo aí, dunha maneira que me parecía a máis natural, ao decidir dedicarme ás artes escénicas. Publiquei o meu primeiro libro hai máis de trinta anos e desde aquela non deixei de publicar obras de narrativa, algunhas de poesía, un ensaio, pero é verdade que nos últimos tempos o teatro ten un papel destacado na miña creación literaria, por compromisos laborais ás veces, pero tamén por gusto, porque atopei na literatura dramática ese cuarto propio no que refuxiarme de cando en vez para coller folgos, tomar distancia e divertirme creando situacións, personaxes ou simplemente dicindo en voz alta as palabras.
-Máis dramaturga que actriz, máis actriz que dramaturga, máis filóloga que dramaturga…?
-Non sei se dentro de min hai esa loita para ser máis algo. Son. E o que son maniféstase no que fago, sobre todo se lle adiquei anos da miña vida, aprendizaxe e dores de cabeza. Teño a sorte de que na miña profesión conflúen a filoloxía, a interpretación, a literatura, e a creación en cada un deses eidos. Que máis se pode pedir?
-Cre que está solucionado o problema das residencias de maiores que tanto drama xeneraron na pandemia?
-Desde o meu descoñecemento das medidas que se tomaron para solucionar o problema, coido que hai unha cuestión crucial na base, que é a atención que lle prestamos como sociedade ás persoas que por idade ou por doenza ou por ámbalas dúas cousas quedan relegadas e a miúdo esquecidas.
-En que novos proxectos traballa?
-Agora mesmo estou comezando a escrita de dúas pezas de teatro, unha para público adulto e outra para público infantil, e querería rematar un libro de contos de medo, que é unha promesa que lles teño feita a varias persoas que desfrutaron con outro libro meu deste estilo: “13 avisos. Contos para ler pola noite”, do que , por certo, fixemos un podcast desde Berrobambán.
-Como está o teatro en Galicia?
-Lonxe de min querer dar unha panorámica do teatro en Galicia. Fáltanme datos. Sen embargo, desde a miña perspectiva, valoro que haxa variedade de propostas escénicas, de apostas por diferentes formas artísticas e de respecto por cada categoría profesional e polo público, que así pode escoller a proposta que máis se axeite aos seus intereses, teña a idade que teña. Se isto non acontecese, teriamos quetraballar ao respecto.
-E como está a Mostra de Cangas?
-A Mostra de Cangas é, para min, imprescindible. Un proxecto ambicioso moi ligado á terra e á xente, á comunidade, á igualdade e, polo tanto, ao feminismo e ás loitas sociais por unha sociedade mellor, onde teñen cabida propostas diversas que amplían os horizontes teatrais do público. Considérome afortunada por ter unha Mostra así en Galicia. Por moitos anos!
Suscríbete para seguir leyendo
- El gobierno de Cangas no dudará en enviar a la Policía Local si los vendedores del mercadillo vuelven a retrasar su marcha
- El mercadillo de Cangas cerró hoy a su hora entre lamentos de los comerciantes
- La Cofradía de Pescadores de Aldán denuncia la presencia continuada de yates en el muelle, pese a estar probido
- Sufre una vía de agua al chocar con una batea y acaba varado en la playa de Barra
- Un velero de Portugal, encallado en la ría de Aldán
- El Darbo más Ye, yé
- El accidente que acabó con la vida de 'Michel' en Cangas sigue sin juicio casi dos años después
- Cangas aguarda por la devolución del material para balizar esta semana sus 20 playas principales