Mostra de Teatro de Cangas | Crítica
As sombras do esplendor
A peza achéganos a ese período histórico dun xeito lúdico, divertido e ameno

Un momento da representación de «La loca historia del Siglo de Oro», no Auditorio de Cangas. / Diego Seixo
Ana Abad de Larriva
Case dúas centurias abrangueu en realidade o denominado Século de Ouro español. Foi unha época considerada de esplendor, polo auxe cultural que acolleu, de aí o seu nome, pero, como di o refrán, non é ouro todo o que reloce, e debaixo do chapado atópase a ferruxe de elementos menos nobres. Resumir nunha obra de teatro eses anos e facer unha radiografía que deixe ver esas capas de luces e sombras sen que resulte pesada non é tarefa doada. Porén, o humor preséntase como unha gran ferramenta para alixeirar os datos e o drama e ir á cerna das múltiples miserias que poboaron ese período, e dela botaron man as compañías estremeñas La Escalera de Tijera e Z Teatro para crear «La loca historia del Siglo de Oro», da cal acolleu unha función a 43ª edición da MITCFC.
Atopámonos cunha proposta divertida, entretida e, seguindo o seu propio título, tamén aloucada, nunha viaxe a chimpos para achegarnos monarcas, figuras e textos literarios, pintores, personaxes populares e acontecementos, que van aparecendo e desaparecendo ante nós, ás veces dun xeito vertixinoso, como se corrésemos pola sala dun museo e os cadros fosen desaparecendo da nosa vista. Isto contribúe a dar axilidade á peza, que se nutre da combinación de disciplinas. Destacan os gags físicos, situados entre o teatro xestual e as artes circenses, alén do salientable traballo co texto, no que se mesturan fragmentos de obras clásicas con referentes contemporáneos populares, españois e mesmo galegos, dun xeito hilarante. Dentro do traballo físico e cos obxectos, sorprenden os malabares e os equilibrios, así como outras acrobacias e a propia técnica de clown. O espectáculo sostense e impúlsase grazas á capacidade do elenco para manter un nivel de enerxía moi alto durante a función e para ir construíndo e deconstruíndo o espazo a partir do seu propio corpo e dalgúns elementos escénicos.
Moi importante en «La loca historia del Siglo de Oro» é tamén a incorporación de música en directo. Cristina Zarandieta emprega numerosos instrumentos para crear sons que non só contribúen á xeración dun espazo sonoro ambiental, senón que dialogan de xeito continuo cos gags xestuais que desenvolve o resto do elenco. Ademais, as cancións interpretadas vocalmente por todos están moi ben introducidas e serven para axilizar o texto nalgúns momentos, ou para condensar a obra, e é difícil marchar sen levar na cabeza e na boca o tema que dá nome ao espectáculo. Por outra parte, ver como Cristina vai integrando cada instrumento, dun xeito aparentemente sinxelo, moi ordenado e fluído, acompañada pola iluminación, que contribúe á xeración dun ambiente propio para o plano da creación sonora e musical, resulta tan interesante que se converte en foco visual en moitos momentos.
Polo propio ton vertixinoso que adquiren ás veces o discurso verbal e as accións físicas pérdese algún pequeno dato ou detalle do texto, pero non importa especialmente. «La loca historia del Siglo de Oro» é unha peza para lembrar ou achegarse a ese período histórico dun xeito lúdico e ameno e para rir e pasar un tempo divertido. Porén, non queda só niso, no entretemento, que xa de por si sería moi valioso, senón que fai unha sátira dos poderes da época dende a conciencia de clase e lembra os nomes de mulleres esquecidas ou borradas do relato habitual da época.
Ficha da crítica
- Obra: "La loca historia del Siglo de Oro"
- Compañías: La Escalera de Tijera e Z Teatro
- Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas.
- Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela, 26 de xuño de 2026
Suscríbete para seguir leyendo
- Gran espacio para aparcar, pero todavía sin limpiar
- Las manchas naranjas en el mar por microalgas invaden playas de Aldán y O Hío
- La Asociación de Veciños de Tirán se posiciona contra la residencia de mayores de Moaña en O Carrachal
- El vial de Melide abre ya con doble sentido de circulación
- La Policía de Cangas ya puede puede multar en los núcleos de Aldán, Donón y Arneles
- Los vendedores cumplen y recogen el mercadillo antes de las tres de la tarde
- La Virgen del Carmen, ya en la lonja para salir al mar
- La portavoz del PSOE de Cangas denuncia al PP por mancillar su imagen en redes sociales