Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Política local | Araceli Gestido Alcaldesa de Cangas

«A critica é lexítima, pero os ataques persoais non melloran a convivencia»

«Foi AV que decidiu non formar parte do goberno, eles optaron por non asumir esa responsabilidade» | «A veciñanza valorará quen dedicou máis esforzo a construír e quen á confrontación»

A alcaldesa de Cangas, Araceli Gestido, no balcón do Concello, posa para esta entrevista.

A alcaldesa de Cangas, Araceli Gestido, no balcón do Concello, posa para esta entrevista.

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Cangas

Cumpre o seu terceiro ano de mandato e mantén ese ritmo sosegado da política que tanto lle prace. Cre no diálogo e resposta áspreguntas con discurso dialogante, sen ánimo de acrecentar disputas. É politicamente correcta, para sorte de moitos. É Araceli Gestido cargada de diálogo.

Ben, o PP parece que o ten claro: que vostedes non traballan e que non saben facer nada. Quéreos sacar do seu erro?

Creo que a mellor resposta está nos feitos. Nestes tres anos conseguimos liquidar completamente a débeda municipal, algo moi importante para o futuro de Cangas. Xestionamos para poder dispoñer dos terreos para o novo centro de saúde da Rúa; puxemos en marcha investimentos en instalacións deportivas como O Gatañal,o campo do Alondras ou a piscina; melloramos multitude de espazos e instalacións públicas como parques, paseos ou colexios, que estaban faltos de mantemento; e seguimos desbloqueando proxectos que levaban anos sen avanzar, como o retranqueo do muro de Longán ou a ampliacion do cemiterio de Coiro, que estamos a piques de solucionar. A oposición ten todo o dereito a criticar, pero a veciñanza pode valorar quen dedica o tempo a confrontar e quen o dedica a traballar e a sacar adiante proxectos.

A crispación da política estatal reflíctese na política local?

Ás veces si, porque vivimos nun contexto no que a confrontación parece ocupar demasiado espazo. Pero eu creo que Cangas necesita outra maneira de facer política. A veciñanza quere solucións aos seus problemas, non discusións permanentes. O noso esforzo está en gobernar e en chegar a acordos cando é posible.

O Goberno amigo en Madrid non axuda moito a Cangas. Hai asuntos que poderían estar desbloqueados e non avanzan.

Eu sempre defendo os intereses de Cangas, independentemente de quen goberne noutra administración. Hai cuestións importantes nas que precisamos un maior compromiso do Estado, como a situación das naves de Ojea ou outras actuacións pendentes que serían moi importantes para o futuro do municipio. Da mesma maneira que somos esixentes coa Xunta en cuestións como a sanidade ou as infraestruturas, tamén lle reclamamos ao Estado aquilo que lle corresponde. A nosa lealdade é con Cangas.

Hai moi boa relación cos seus socios de goberno. Iso é bo ou malo de cara ás próximas eleccións?

Eu creo que é bo para Cangas. A cidadanía pediu estabilidade e capacidade de acordo. Evidentemente hai diferenzas, como en calquera goberno de coalición, pero fomos capaces de traballar desde o respecto e a lealdade institucional. Iso fortalece ao Concello.

Un goberno con ampla maioría de mulleres e, con todo, pouco se fai fincapé nese aspecto.

Porque queremos que a presenza das mulleres nos espazos de decisión se vexa con normalidade. Evidentemente é un motivo de satisfacción, pero o máis importante non é que sexamos mulleres, senón o traballo que desenvolvemos e a capacidade de xestión. A igualdade tamén consiste en que isto deixe de ser unha excepción.

Arrepíntese de deixar fóra do goberno a AV?

Foi AV quen decidiu non formar parte do goberno. Nós mantivemos conversas e exploramos distintas posibilidades, pero finalmente eles optaron por non asumir responsabilidades de goberno. A partir dese momento a nosa obriga era garantir a estabilidade do Concello e construír un goberno capaz de traballar e tomar decisións. Respectamos a decisión que tomou AV, aínda que evidentemente gustaríanos que todas as forzas políticas puxesen sempre por diante o interese xeral de Cangas.

Volvería facelo se se desen as mesmas circunstancias?

Se se desen as mesmas circunstancias, a realidade sería a mesma. Nós sempre estaremos dispostos ao diálogo e aos acordos, pero tamén é necesario que exista vontade real de ser construtivos. O importante é garantir a estabilidade institucional e o interese xeral de Cangas. E creo que a experiencia destes anos tamén nos deixa unha reflexión importante. Os concellos da nosa contorna que tiveron proxectos políticos estables ao longo do tempo puideron desenvolver mellor os seus proxectos de vila, dar continuidade aos investimentos e planificar a medio e longo prazo. Iso ocorreu en concellos como Moaña ou Bueu.

En Cangas, pola contra, levamos moitos anos de cambios constantes de gobernos, etapas de inestabilidade e confrontación política. Iso non sempre permitiu consolidar proxectos nin manter unha folla de ruta continuada.

Nós demostramos nestes anos que se pode gobernar con estabilidade, sanear as contas municipais, eliminar a débeda e poñer en marcha proxectos importantes para o futuro do municipio. Hai investimentos e actuacións que xa están encamiñados e que precisan continuidade para dar os seus froitos. Ao final, será a veciñanza quen decida, pero eu si creo que Cangas merece a oportunidade de consolidar un proxecto de goberno estable no tempo: as transformacións importantes dos concellos non se fan nun mandato, senón ao longo de varios anos de traballo continuado.

Está convencida de que PP e AV pactaron unha estratexia común para desgastar o goberno?

Non me corresponde interpretar as estratexias doutros grupos. A veciñanza pode valorar quen dedicou máis esforzos a construír e quen preferiu a confrontación permanente. Nós seguimos centrados en gobernar.

Atacar ao goberno desde a oposición por mor do ciberataque é xogo sucio sabendo o que uns e outros coñecían?

A política debe desenvolverse desde o respecto e a transparencia. A crítica é lexítima e necesaria, pero a desinformación ou os ataques persoais non contribúen a mellorar a convivencia nin a confianza da cidadanía nas institucións.

Cales son as súas prioridades para este último ano de mandato?

Queremos seguir avanzando na mellora do saneamento, na mobilidade pensada para as persoas e na conexión entre as parroquias e o centro urbano. Tamén queremos deixar rematados ou moi avanzados proxectos importantes como a rehabilitación da Escola Vella de Coiro, a recuperación da capela de Vilanova, a actuación na Escola Vella do Hío e continuar traballando na renovación das avenidas de Bueu e de Ourense. Ao mesmo tempo, seguiremos impulsando investimentos deportivos, culturais e de espazo público e continuaremos defendendo unha sanidade pública digna para Cangas.

Damos por feito que volverá presentarse como cabeza de lista do BNG.

Esa é unha decisión que lle corresponde ao BNG. Eu estou centrada na responsabilidade que teño como alcaldesa e en aproveitar ata o último día deste mandato para seguir traballando por Cangas.

Que diría que fixo mal nestes tres anos?

Probablemente non sempre fomos capaces de explicar suficientemente ben algunhas decisións ou algúns proxectos. A xestión diaria absorbe moito tempo e ás veces a comunicación pode quedar nun segundo plano.

De que se arrepinte?

De todo aquilo que non puidemos facer coa rapidez que nos gustaría. A administración ten moitos condicionantes e ás veces os prazos son máis lentos do que demanda a cidadanía. Máis que arrepentirme, hai proxectos que me gustaría ver xa rematados e que aínda necesitan máis tempo. Pero tamén teño a satisfacción de que deixamos un Concello sen débeda, con proxectos importantes encamiñados e cunha situación económica que nos permitirá seguir transformando Cangas nos vindeiros anos.

Que pensou cando vostede e os gobernos de Cangas, Moaña e Bueu quedaron retidos no Concello pola subida do lixo?

Foi unha situación moi difícil desde o punto de vista persoal e institucional. Entendo a preocupación da veciñanza, pero tamén creo que o diálogo e o respecto deben prevalecer sempre. A nosa responsabilidade era buscar solucións e afrontar un problema que viña de moi atrás.

Por que é tan difícil gobernar Cangas? Por que parece que só se fala dela cando pasa algo malo ou polémico?

Porque Cangas é unha vila moi viva, moi participativa e moi esixente. Iso ás veces fai que os conflitos teñan moita visibilidade, pero tamén é unha mostra dunha sociedade comprometida. Aquí pasan moitas cousas boas todos os días: hai cultura, deporte, asociacionismo e moita xente traballando polo pobo. Gobernar Cangas é complexo, pero tamén é unha enorme honra e unha gran responsabilidade.

n

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents