Entrevista | Anxo Otero e Caetano «Tano» Otero Autores de «Cóntocho con palabras»
«Se escribes un libro de repente a xente faiche moito máis caso»
Pai e fillo viven en Pennsylvania pero as súas raíces están en Bueu, onde este xoves presentan un libro co seu día a día en Estados Unidos e as súas visitas a Galicia
O libro vén de ser editado por Sushi Books, un selo de Rinoceronte, e a presentación organizada pola libraría Miranda será ás 19.30 h no Centro Social do Mar de Bueu

Caetano «Tano» Otero e o seu pai Anxo Otero, autores de «Cóntocho con palabras» / Jessica Presti
Anxo Otero e Caetano «Tano» Otero son pai e fillo. Viven nunha localidade chamada D-Town, no estado de Pennsylvania (Estados Unidos), que é o país de orixe da súa muller e nai. Pero as súas raíces están en Bueu. Conta o propio Tano que como a súa nai foi quen decidiu que vivirían nos Estados Unidos ao seu pai quedoulle o consolo de poñerlle o nome aos fillos: Caetano, Xaquín e Aloia. «Uns nomes que temos que soletrear unhas dez veces cada día», asegura o mesmo Tano na presentación de «Cóntocho con palabras». Trátase dun libro escrito a catro mans, entre el e o seu pai, e que este xoves presentarán en Bueu nun acto organizado pola libraría Miranda (ás 19.30 horas no Centro Social do Mar). O volume está editado por Sushi Books, un selo de Rinoceronte, e con eles estará o editor Moisés Barcia. Por certo, Tano sostén que o mellor invento da historia son as chancletas. «Cando rematedes o libro, xa podedes vir visitarme. Pero traede chancletas», afirma na presentación. Avisados quedan.
-En primeiro lugar imos facer honra ao título. Por favor, contenme con palabras como xurdiu este libro de «Cóntocho con palabras»?
-O título provén desas discusións que aparecen entre un pai e un fillo. Pasa en todas as familias. O fillo séntese perfectamente cómodo coas tecnoloxías dixitais. O pai ten unha fe terca e tal vez irracional na comunicación de persoa a persoa e insiste en atacar os dispositivos electrónicos. Gustábanos porque recoñece a flexibilidade de Tano á hora de transmitir todo canto lle está a bulir na cabeza. Podería empregar unha ferramenta dixital, pero se ten que falar, tampouco non ten problema.
-Estamos ante un libro de historias, unha especie de diario persoal ou quizais ámbalas dúas cousas?
-Non pensamos nel como diario persoal porque ten vocación de ser compartido. Hai partes que poden lerse como narracións de aventuras e outras máis breves que reproducen a maneira na que o protagonista percibe o mundo. A forma en si, con todo, importounos menos có contido. O que nos preocupaba era crear nas páxinas unha personaxe recoñecible.
-Como é o día a día dun adolescente, ou dun «teenager» que dirían nos Estados Unidos, de Pennsylvania pero con raíces en Bueu e cun nome que non é nada «american»?
-A maior parte do tempo o nome non inflúe nos acontecementos diarios. Os máis cercanos, os amigos, a familia, a xente da escola, apréndeno axiña e emprégano con naturalidade, pronunciándoo perfectamente. Non se trata de algo excepcional. Temos a sorte de convivir con persoas de moitas orixes diferentes con nomes que reflicten esa herdanza.

Caetano «Tano» Otero e Anxo Otero noutra imaxe xuntos. / Jessica Presti
-Contan que a primeira intención de Tano era contar estas historias do seu día a día a través de vídeos, pero ao final optaron polas palabras. Está contento co cambio e co resultado final deste «Cóntocho con palabras»?
-Moito. Ti dis que escribiches un libro e ensinas unha imaxe da cuberta a xente queda impresionada. De repente fanche moito máis caso.
-Non pretendo facer «spoiler», que creo que é a palabra que usan a ese lado do Atlántico para estragar o suspense o destripar antes de tempo as historias, pero necesito sabelo xa: Por que os «homies» non son o mesmo ca os «friends» [amigos]? E sobre todo, por que as chancletas son o mellor invento da historia?
-Probade só a dicir esa palabra, homies. Non soa ben? Ti que preferirirías ter? Friends ou homies? Nas cancións de Tupac aparecen os seus homies, non os seus friends. Ir a pescar ou a un parque de atraccións un só pode cansar rápido. Con friends, sempre se está mellor. Con homies xa é peak, o máximo. O que pasa con eles non che esquece máis na vida. Sobre as chancletas non fai falta estenderse moito. Entrar en explicacións pode crear a sensación de que se trata dun asunto debatible.
-Unha cousa é escribir un libro e outra diferente é que o publiquen. Como convenceron a Moisés Barcia e a Sushi Books, de Rinoceronte Editora, para poder editar este «Cóntocho con palabras»?
-Non sabemos moi ben que foi o que o convenceu. Só el pode responder esa pregunta!

Anxo Otero e o seu fillo Caetano «Tano» Otero, autores de «Cóntocho con palabras» noutra imaxe xuntos. / Jessica Presti
-Hai ou haberá edición en inglés para que os seus «homies» podan entender o que conta en galego neste libro?
-Os amigos e a familia pregúntannos iso moitas veces. Teñen moita curiosidade. Oxalá aconteza. Gustaríanos que estivera nos andeis das bibliotecas das nosas escolas.
-Por certo, onde se vive mellor: en Pennsylvania e nese país con ese señor presidente que parece estar enfadado co mundo ou mellor a este lado do Atlántico e en Bueu, a pesar do vento do norte?
-Vivimos mellor no lugar no que nos atopemos. Temos a sorte inmensa de sentirnos moi queridos nos dous lugares.
Suscríbete para seguir leyendo
- La Guardia Civil confirma que la mujer de A Portela, en Bueu, llevaba tres semanas muerta en su casa
- Detenido un conocido estafador venezolano por un intento de fraude a una empresa de Moaña
- Cangas comienza a instalar vallas en las carreteras en el entorno de las playas para impedir aparcar
- Cangas podrá negar los servicios públicos de agua y saneamiento a los campamentos turísticos
- Dos personas resultan ilesas del aparatoso vuelco de un coche en Moaña
- Un velero de Portugal, encallado en la ría de Aldán
- Los delegados sindicales del Concello de Cangas impugnan los nuevos carteles de «entrada a poblado» y consideran que las multas de la Policía en el entorno de las playas serían «nulas e ilegales»
- La acumulación de espuma del mar provoca una falsa alerta por contaminación en la playa de Rodeira