Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Manuel Casal Lodeiro Activista enerxético, autor do libro «Las verdades incómodas de la transición energética»

«Se algo vai traer o declive enerxético no que nos adentramos é que recuperaremos a noite»

O activista e divulgador en cuestións enerxéticas presentou este venres en Cangas o seu libro «Las verdades incómodas de la transición energética» nun acto organizado polo Concello

Manuel Casal co libro «Las verdades incómodas de la Transición Energética», este venres en Cangas.

Manuel Casal co libro «Las verdades incómodas de la Transición Energética», este venres en Cangas. / Gonzalo Núñez

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Cangas

Manuel Casal Lodeiro (Barakaldo, 1970) é licenciado en Informática pola Universidade de Deusto. Alternou desde os anos 90 a súa actividade como consultor de proxectos en internet co activismo cultural e ecosocial.  Actualmente está centrado na divulgación das cuestións enerxéticas e do proceso de colapso da civilización. Coordina desde Ames o Instituto Resiliencia, a revista 15/15/15 e o programa radiofónico Vivirmos nun mundo finito. É cofundador da asociación Véspera de Nada por unha Galiza sen petróleo, para a que coordinou a «Guía para o descenso enerxético».

Ten publicado outros libros como «Nosotros, los detritívoros» e «La izquierda ante el colapso de la civilización industial», ademais doutros textos en libros colectivos e numerosos artigos en diversos medios. Despois de 10 anos construíndoo coa axuda e o esforzo de moita xente, xa lles falta moi pouco para abrir un local formativo propio de encontro e biblioteca sobre resiliencia e vida pospetróleo en Ames, A Coruña. Este venres presentou o seu libro «Las verdades incómodas de la transición energética» no salón de plenos de Cangas, nun acto organizado polo Concello e presentado polo concelleiro de Medio Ambiente, Antón Iglesias.

Por que empezou o seu interese pola transición enerxética?

En realidade sempre estiven interesado nos temas que teñen que ver coa sustentabilidade, mais no caso concreto da enerxía o que me levou a pesquisar e descubrir a cuestión do peak oil foi a advertencia lanzada en 2008 pola Axencia Internacional da Enerxía de que en poucos anos a oferta de petróleo non alcanzaría para cubrir a demanda. Nos medios non se lle deu apenas importancia mais eu entendín que ese feito xeolóxico inexorable había ser un shock que podía derrubar as nosas sociedades, totalmente petrodependentes. A partir de aí o que fun descubrindo confirmoume que estabamos a entrar nunha época de declive terminal da enerxía e que as chamadas «enerxías renovables» non nos ían salvar.  Daquela aínda nin se falaba diso da «transición enerxética», que é un concepto relativamente recente.

Sábese que pasou co apagón en España?

Ben, penso que a información dispoñible xa é suficiente como para facernos unha idea da causa última, máis alá dos diversos fenómenos técnicos coincidentes que o provocaron aquel día. Aínda que tendo empresas privadas polo medio sempre cabe sospeitar que agachan datos, penso que ficou ben demostrado que o problema radica en que non se está facendo unha transición á enerxía renovable como é debido, en parte polos intereses privados do oligopolio enerxético, en cuxas mans se deixou, vía privatización, un ben esencial que debía ser público, e en parte porque o propio concepto que se ten de que simplemente engadindo fotovoltaica e eólica a mansalva á rede eléctrica imos solucionar o gravísimo problema que temos coa enerxía é un descomunal erro de partida.

A enerxía é un negocio.

Por suposto. Eu diría que é «o negocio» por excelencia, o primordial, o impresicindible, porque sen enerxía non pode existir ningún outro negocio. Sen enerxía non funciona a economía, ningún sector. É a base da nosa civilización. É por iso que penso que a privatización foi un terrible erro, porque agora temos que repensar totalmente o sector, ao quedar sen os combustibles fósiles e ter que reducir drasticamente o consumo para axustarnos ao que as renovables nos poden dar, e iso o sector privado non vai facilitalo, como xa estamos vendo. Só están a facer caixa, e apúntanse ao da «transición» porque hai cartos europeos, moitos, enriba da mesa. A enerxía debería estar fóra do mercado, gobernada democraticamente, idealmente polas comunidades locais, a pequena escala, máis ca controlada centralizadamente polo Estado, aínda que por suposto hai infraestruturas que só se poden gobernar a un nivel estatal e aí o sector público ten o papel fundamental.

Que hai que facer para frear o cambio climático?

Dado que o que o causa é un exceso de CO2 na atmosfera só hai unha medida posible: retirar ese exceso, absorbéndoo por medios naturais, como a reforestación masiva do planeta, e deixando de emitir. Pero, ollo! Deixar de emitir non se fai instalando polígonos eólicos nos montes nin fabricando centos de millóns coches eléctricos: de feito, fabricar ese tipo de elementos consume importantes cantidades de combustibles fósiles e polo tanto agrava o cambio climático. Poden ter o seu lugar, pero a moitísima menor escala, e só para usos esenciais. O que leva ao disparate que estamos a vivir, a esta «transición fake», é a teimosía do sistema co crecemento económico, porque se queres que medre o PIB iso implica que medran as emisións de CO2. Así que ao final a conclusión é ineludible: para frear o caos do clima temos que decrecer.

O coche eléctrico é unha solución real? Por que non hai cargadores para os vehículos que garantan viaxes longos?

Para o caos climático non é solución ningunha. Que pode solucionar queimar máis de 1 tonelada de petróleo na súa fabricación? Para gastar iso cun coche diésel ou gasolina xa fabricado teríamos que dar varias voltas ao mundo! O que cómpre en primeiro lugar é reducir ao mínimo a necesidade do vehículo privado. En países onde está máis implantado, como Noruega, veuse que o efecto da súa extensión o que fai é que a xente teña 2 coches e use menos o transporte público: vamos, o tiro pola culata. Será apenas beneficioso para a xente máis acomodada, mais desde logo non para o conxunto da sociedade nin da biosfera.

Asusta ver a contaminación lumínica das grandes cidades.

Si, é un problema, máis non só como contaminación senón porque a luz implica consumo de enerxía, e non nos sobra precisamente. Se algo vai traer o declive enerxético no que nos adentramos é que recuperaremos a noite, no sentido do ciclo natural de escuridade complementario da luz natural diurna. Nese sentido recuperaremos saúde, porque a luz artificial supón unha perturbación a moitos niveis, por exemplo, endócrinos. É algo sabido desde hai moito. Existen medios para reducir o alumeado ao mínimo necesario para a seguridade. A min dame unha carraxe inmensa ver, por exemplo, escaparates alumeados toda a noite para que ninguén os mire, e agora aínda por riba cheos moitos deles de pantallas botando vídeos publicitarios. Non só é un gasto de enerxía absurdo senón que me parece inmoral, porque se fai en detrimento do noso futuro. Tería que estar prohibido.

Cre que a luces LED favorecen o medio ambiente?

En absoluto. Vendéronnos que as lámpadas incandescentes eran o demo, pero substituíronse masivamente, cando aínda eran funcionais, para substituílas por luces LED cun custo enerxético e material de fabricación meirande, cunha luz moito máis agresiva para o ollo humano e para a fauna, e coa desculpa de que gastaban menos, multiplicamos o seu número. É un efecto rebote ben coñecido desde o inicio da Revolución Industrial: cando consegues melloras na eficiencia, acabas aumentando o consumo total, e todo porque teimamos en ter sempre máis e máis de todo, obrigados por un sistema económico que só funciona ben se medra. Mais iso está destruíndonos e non pode continuar.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents