Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Día das Artes Galegas 2026

A icónica fotografía de «Javiota» desvela parte do seu misterio: foi feita (case seguro) en Bueu

É unha imaxe icónica da Galicia do século XX, tomada por José Suárez para a serie «Mariñeiros», en 1936. O rapaz coa mirada no infinito e coa maqueta dunha dorna, «Javiota». Agora parece case seguro que se fixo en Bueu. Con todo aínda queda unha pregunta sen resposta: quen era aquel neno?

A icónica fotografía de «Javiota» desvela parte do seu misterio: foi feita (case seguro) en Bueu

David García

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Bueu

Un total de 31 fotografías expóñense estes días en Bueu, na primeira vez na que histórica serie «Mariñeiros» de José Suárez se pode ver nun dos territorios nos que foi concibida. Entre elas hai unha que pode ser considerada como unha icona. Unha imaxe que, xunto a instántanea tomada por Manuel Ferrol en 1957 no porto da Coruña cun pai e un fillo despedindo a súa muller e nai camiño da emigración americana, ben pode ser considerada como un dos cumios da fotografía galega do século XX. O neno coa maqueta da dorna «Javiota». Unha foto que a pesar da súa trascendencia e relevancia estivo a piques de quedarse fóra desta mostra en Bueu. A intención do Concello e dos comisarios da exposición era incluír unicamente imaxes tomadas na vila ou directamente relacionadas con ela. E desde hai tempo asumíase que a do neno de «Javiota» foi feita en Rianxo. Unha historia que agora cómpre ser revisada e na que Bueu parece ser o escenario desa icónica fotografía.

A exposición que se pode visitar na Sala Amalia Domínguez Búa ata o vindeiro 5 de xullo forma parte dos actos cos que o Concello de Bueu súmase aos recoñecementos ao fotógrafo ourensán, a quen a Real Academia Galega de Belas Artes dedica o Día das Artes Galegas de 2026. As fotos de José Suárez (Allariz,1902-A Garda, 1974) para a serie «Mariñeiros» forman parte dun traballo previo para un documental, que hoxe está perdido, e foron feitas en Bueu, Aldán e Rianxo no ano 1936. A do rapaz coa dorna «Javiota» pensábase que fora realizada na localidade da ría de Arousa porque hai outra imaxe, que se sabe con certeza que foi tomada en Rianxo, na que aparece un neno sentado de costas á cámara sobre unha barca. Nesa mesma instántanea figuran un home e unha muller que noutra fotografía son retratados collendo en brazos ao rapaz de «Javiota», que non deixa de soster esa maqueta da dorna.

Todo parecía encaixar. «Pero dando voltas atopei outra foto do rapaz de ‘Javiota’ noutro lugar, sobre unhas rochas e cun cesto de patacas. E dinme conta que non podía ser o mesmo neno que estaba sentado sobre a barca de Rianxo porque aquel era máis pequeno», explica Xosé Luís Suárez Canal, que ademais de ser un dos comisarios da exposición xunto a Manuel Sendón, é sobriño de José Suárez e foi profesor de Fotografía na Facultade de Ciencias da Información en Santiago.

A icónica imaxe do neno mirando ao mar e horizonte mentras sostén unha maqueta dunha dorna co nome «Javiota», unha fotografía que agora parece claro que foi feita en Bueu.

A icónica imaxe do neno mirando ao mar e horizonte mentras sostén unha maqueta dunha dorna co nome «Javiota», unha fotografía que agora parece claro que foi feita en Bueu. / José Suárez

Así que envioulle esa imaxe á concelleira de Cultura de Bueu, Carmen García, quen a súa vez fíxoa chegar ao investigador Arturo Sánchez Cidrás. O obxectivo era intentar determinar cal era o lugar no que José Suárez tomou esa foto do neno, que aparecía sen a dorna «Javiota» e que posaba cun cesto de patacas sobre un cantil. A conclusión de Sánchez Cidrás non ofrece lugar a dúbidas: foi realizada nalgún punto entre as praias da Roiba e Sartaxéns, fronte a pedra do Cabalo, na parroquia de Beluso. Isto sitúa de maneira concluínte ao neno de «Javiota» na vila do Morrazo.

Imaxe da serie «Mariñeiros», co mesmo rapaz que sostén o modelo da dorna «Javiota». Aquí aparece sobre un cantil xunto a un cesto de patacas. A análise do horizonte e da liña de costa permite asegurar que foi feita en Bueu, nalgún punto entre as praias da Roiba e Sartaxéns, na parroquia de Beluso.

Imaxe da serie «Mariñeiros», co mesmo rapaz que sostén o modelo da dorna «Javiota». Aquí aparece sobre un cantil xunto a un cesto de patacas. A análise do horizonte e da liña de costa permite asegurar que foi feita en Bueu, nalgún punto entre as praias da Roiba e Sartaxéns, na parroquia de Beluso. / José Suárez

O investigador e Fillo Adoptivo de Bueu fixo unha comparativa da paisaxe e da liña de costa que se observa detrás do rapaz, unha análise que permite identificar con precisión lugares como a praia de Teoira, o Alto de Ardán ou a Punta de Aguete, espazos situados en Marín e visibles desde o litoral de Bueu. Aínda que o propio Arturo Sánchez Cidrás asegura que «é difícil dar respostas absolutamente seguras», o certo é que recoñece que «existe unha gran posibilidade de supoñer que o rapaz e a escena de ‘Javiota’ son de Bueu».

Unha superposición dunha imaxe actual da costa de Marín e Bueu e do fondo do neno de ‘Javiota’ co cesto de patacas. A: Baixada do monte da Teoira ao estaleiro do Santo e á dereita o Alto de Ardán. B: A Cova, entre Sobareiro e Teoira. C: Punta de Aguete, tras Sobareiro. D: As praias.

Unha superposición dunha imaxe actual da costa de Marín e Bueu e do fondo do neno de ‘Javiota’ co cesto de patacas. A: Baixada do monte da Teoira ao estaleiro do Santo e á dereita o Alto de Ardán. B: A Cova, entre Sobareiro e Teoira. C: Punta de Aguete, tras Sobareiro. D: As praias. / José Suárez

A atribución a Rianxo ata agora sustentábase na imaxe na que este rapaz aparecía cun home e unha muller –supostamente os seus proxenitores–, unha parella que a súa vez foi fotografada de maneira indubidable na vila rianxeira. Como é posible isto? É algo que explica Xosé Luís Suárez Canal, cuxo alumnado na Universidade de Santiago fixo en 1995 un traballo sobre a serie «Mariñeiros». Ese estudo feito por Cris Dorrio, Susi Raposo, Andrés Juan Rial e Rita Romero constatou que varios veciños de Bueu foron trasldados a Rianxo para algunhas das sesións. «Pagábanme dous pesos de cada vez; mesmo chamaban á fábrica de Massó para levarnos a Rianxo a rodar», explicaba daquela un dos bueueses que aparecía nestas imaxes. Unha testemuña que reflicte que habitantes da vila do Morrazo acudiron a Rianxo para ser filmados ou fotografados en escenas de «Mariñeiros», pero non existen datos de que veciños rianxeiros viñesen a Bueu por este motivo. Un dato que apuntala aínda máis a hipótese de que a foto do neno coa dorna «Javiota» foi tomada en Bueu.

Sánchez Cidrás especula incluso coa procedencia desa maqueta-xoguete que ese rapaz sostén en brazos. «É fácil que teña a súa orixe nun carpinteiro de ribeira, que como modelos facían medios cascos ou maquetas, e que sexa en Bueu ou Beluso, onde había carpinteiros de ribeira a poucos metros de onde estivo a fotografar José Suárez», conta. Un modelo que puido ser feito por José de la Torre –carpinteiro de Beluso e que foi o primeiro veciño da vila represaliado co inicio da Guerra Civil– ou de José del Río Casal, que en Bueu foi o fundador do estaleiro de Banda do Río. Un lugar no que comezaría a traballar quen sería outro recoñecido carpinteiro de ribeira: Manuel González «Purro» e que lle da o nome co cal é coñecido popularmente hoxe en día ese estaleiro.

Imaxe da serie «Mariñeiros»: o mesmo neno da dorna «Javiota» xunto con dous adultos, que supostamente poderían ser os seus proxenitores.

Imaxe da serie «Mariñeiros»: o mesmo neno da dorna «Javiota» xunto con dous adultos, que supostamente poderían ser os seus proxenitores. / José Suárez

En todo caso, Sánchez Cidrás descarta que esa maqueta fose feita por José Rodríguez Silva, coñecido popularmente en Bueu como «señor Marín» e que tamén aparece noutra foto de «Mariñeiros». «Nese ano 1936 foi cando o señor Marín deixou de ir ao mar e comezou a traballar como carpinteiro de ribeira», apunta o investigador.

A imaxe de «Javiota» converteuse nun verdadeiro símbolo, co neno sostendo o barco e coa súa mirada nun mar que semella infinito. «Cando fixemos a exposición sobre José Suárez no Gaiás [‘José Suárez. Uns ollos vivos que pensan’, entre novembro de 2015 e marzo de 2016] usamos esa foto como portada e a partir de aí converteuse nunha icona do que pode ser a visión galega do mundo do mar e incluso da emigración futura, co rapaz mirando ao lonxe. O uso que fai a xente da imaxe é o que a convirte nun símbolo, con todo o significado que pode ter», sostén Xosé Luís Suárez Canal.

Imaxe da serie «Mariñeiros», que se sabe que está feita en Rianxo: aparecen os dous adultos que noutra das fotografías xogan co neno de «Javiota», un mariñeiro e un rapaz sobre a barca, pero que non é o mesmo de «Javiota».

Imaxe da serie «Mariñeiros», que se sabe que está feita en Rianxo: aparecen os dous adultos que noutra das fotografías xogan co neno de «Javiota», un mariñeiro e un rapaz sobre a barca, pero que non é o mesmo de «Javiota». / José Suárez

Seguramente a fotografía non teña somentes un significado, senón que parte da súa forza está nas diversas e moi plausibles interpretacións ou fabulacións ás que dá lugar. «Entre os guións que tiña hai un que se titulaba ‘Mariñeiros e tiburóns’, onde aparece o drama do mar, os nenos que quedan orfos e que teñen que saír ao mar. No caso de ‘Javiota’ está a fantasía do neno, con ese barco e que simula esa ausencia do pai que saiu a pescar. Un pai que pode voltar ou pode non voltar. Ou o futuro que lle espera a ese neno, que non é outro que o mundo do mar», baralla Suárez Canal.

«Un só negativo, pero un negativo perfecto»

A imaxe de «Javiota» é un exemplo do dominio da arte fotográfica. Nun momento no que seguramente ninguén imaxinaba que menos de un século despois habería teléfonos móbiles intelixentes e cámaras dixitais que permiten comprobar ao momento o resultado das fotografías para repetilas cantas veces sexa necesario, José Suárez mostraba unha gran precisión técnica, un profundo estudo da composición, do diafragma e da luz no uso de filtros para dramatizar as imaxes. «En moitas das súas fotos hai só un negativo. Pero un negativo perfecto», suliña o seu sobriño. En «Javiota» mostra ao cativo a través de un contrapicado e cunha composición que consigue enxalzar a ese rapaz que, como di Sanchez Cidrás, «mira ao futuro (infinito) dando un abrazo amable ao seu barco-xoguete».

Agora case se pode asegurar que esa fotografía foi tomada en Bueu, pero probablemente non sexa o aspecto máis importante. A ausencia de elementos que permitan identificar con claridade onde foi feita converten ese escenario nun «non lugar», un espazo que resulta sinxelo percibir como próximo e propio. Só esa maqueta do barco permite acotar o ámbito xeográfico: a dorna é unha embarcación típica das Rías Baixas, con gran presenza en Bueu e na «súa» illa de Ons.

Fotografía da serie «Mariñeiros», titulada "Gabián Celta" e que se sabe con certeza que foi tomada en Bueu. É a imaxe escollida para o cartel da exposción que se pode ver na Sala Amalia Domínguez Búa

Fotografía da serie «Mariñeiros», titulada "Gabián Celta" e que se sabe con certeza que foi tomada en Bueu. É a imaxe escollida para o cartel da exposción que se pode ver na Sala Amalia Domínguez Búa / José Suárez

A pesar da trascendencia e carácter icónico de «Javiota», Xosé Luís Suárez Canal defende que na serie de «Mariñeiros» hai outras imaxes igualmente de importantes. E pon o exemplo de «Gabián celta», a fotografía que se escolleu para o cartel desta exposición. Un novo contrapicado, esta vez amosando a un mariñeiro vestido coa súa roupa de traballo e erguido con toda a dignidade sobre a proa dunha embarcación. Unha escena sobre a que non existe dúbida de onde foi feita. «No negativo que se conserva pódese ler ‘Bueu’», explica o comisario. Unha instántanea que serve para reflectir outra das características do traballo de José Suárez, marcado por un fondo carácter humanista. «Nas miñas fotos sempre está o home ou, polo menos, a súa pegada», tal como el mesmo explicitou.

Tivo que pasar case un século para que estas fotografías realizadas por José Suárez poidan verse no lugar onde se tomaron, algo que se acolle cunha mestura de ilusión e gratitude. «Esta exposición en Bueu para nós é un dos eventos máis importantes dentro de todos os actos que se lle están dedicando co Día das Artes Galegas. Por iso ao final da mostra faremos unha doazón de varias das imaxes para que queden na biblioteca. É unha mostra de homenaxe e agradecemento ao pobo de Bueu pola acollida e recibimento que lle ofreceu cando foi a rodar e facer as fotos de ‘Mariñeiros’ no ano 1936», adianta o sobriño do fotógrafo.

Esta mostra polo de pronto xa serviu para desvelar unha parte do misterio que rodeaba a «Javiota». Pero aínda queda outro interrogante sen resposta: Quen era ese neno que sostén a dorna coa súa mirada posta no infinito? Quen sabe se algún dos visitantes é capaz de poñerlle nome e aportar luz sobre a súa historia.

Xosé Luís Suárez Canal, un dos comisarios da exposición e sobriño de José Suárez, no acto de inauguración na Sala Amalia Domínguez Búa en Bueu.

Xosé Luís Suárez Canal, un dos comisarios da exposición e sobriño de José Suárez, no acto de inauguración na Sala Amalia Domínguez Búa en Bueu. / T.G.

Unha semana cargada de actividades para lembrar a José Suárez e o mar

O Concello de Bueu aprobou en pleno declarar este 2026 como «Ano José Suárez» e xunto con esta exposición organiza unha serie de actividades complementarias. Así, este mércores 17 de xuño haberá na mesma Sala Amalia Domínguez Búa un contacontos ilustrado e musicado sobre a figura de Suárez, co Colectivo Xurelo a partir das 18.00 horas.

O xoves 18 de xuño estarán novamente en Bueu os comisarios da exposición, Xosé Luís Suárez Canal e Manuel Sendón, que ofrecerán unha conferencia no Centro Social do Mar titulada «Importancia de 'Mariñeiros' na vida e obra de José Suárez» a partir das 19.00 horas.

O venres 19 de xuño os convidados serán Arturo Sánchez Cidrás e Xaime Toxo, ambos integrantes do Colectivo O Mar por Diante, coa charla «Retratar o mar: José Suárez e Bueu», ás 20.00 horas no Centro Social do Mar.

O sábado 20 de xuño estará en Bueu Olaia Sendón para presentar o libro «Tras da mirada de José Suárez», na propia Sala Amalia Domínguez Búa ás 12.00 horas.

Finalmente, a partir do 22 de xuño a artista portuguesa Mariana Duarte Santos comezará a elaboración dun gran mural inspirado na obra de José Suárez, unha intervención artística que se acometerá na fachada do Centro Social do Mar, no frente cara a praza de abastos. E na fachada do edificio do mercado cara a Avenida Montero Ríos hai colgadas tres grandes lonas que reproducen imaxes da serie «Mariñeiros».

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents