Historia
O voleibol en Aldán (II): semblanza de Juan José Cortegoso
Continuamos co historial do voleibol escolar aldanés que no ano 1975 aínda se mantiña puxante cos seus equipos masculinos e femininos nas ligas escolares provinciais e en diferentes torneos. Para aproveitar a técnica adquerida e os trunfos do equipo infantil, ao subir a idade dos rapaces crearíanse equipos de cadetes e xuvenís que pasarían a integrar logo a sección de voleibol do Alondras. Esta etapa deportiva, ademais da darlle sona a Aldán, motivaría a extensión do voleibol noutros centros do Morrazo.

Un equipo do Voleibol Aldán formado por Cronico, Guilli, Serafín, Raúl, Mica, Eloy, Chuco e Yei. / Arquivo

Na reanudación dos Xogos Escolares en xaneiro de 1975, o sábado día 25 vanse enfrentar pola mañá na pista do colexio de San Roque, o equipo cadete do Instituto de Cangas, xa cun bo equipo, e o de Aldán que se clasificaría para a fase provincial despois de empataren a dous sets. A continuación, o equipo infantil feminino de Darbo, formado por Virtudes, Merchy, Irene, Gelu, Loly, Rosy, Rosario, Estrella e Remedios, enfrentaríase ao Divino Maestro de Vigo, perdendo as nenas de San Roque as opcións na clasificación provincial. Nesta XXVII edición dos Xogos Escolares, o colexio de Aldán conseguiría clasificar aos seus alevíns, infantís e cadetes para a fase provincial.

Un equipo de cadetes do Voleibol Aldán no ano 1975. / Arquivo
A mediados de febreiro os equipos infantil e cadete de Aldán seguían pugnando por gañar a competición provincial, tendo estes últimos que aprazaren o seu partido co poderoso El Pilar de Vigo pois a maioría dos rapaces aldaneses tiñan que acudir nese día aos exames de Competencia Marinera. Neste partido gañarían os cadetes de Aldán, enfrentándose o sábado 1 de marzo na final en Vigo co Sagrado Corazón de Pontevedra co que perderon ao non permitir o árbitro a entrada de Pacucho, xogador fundamental, por terse retrasado co que os rapaces descentráronse cando xa tiñan gañado o primeiro set. Por outra banda, o equipo infantil formado por Serafín, Nido, Chuco, Miguel, Carlos, Portela, Hermelo, Otero e Martinez tamén xogarían a súa final en Pontevedra enfrentándose ao Tintureira de Coruxo ao que venceron ampliamente, proclamándose campións provinciais, recibindo as felicitacións do gobernador civil e do delegado da Xuventude.
Mais, quince días despois, cando Cortegoso xa adestraba á selección provincial de cadetes, chegoulle a noticia da Federación Nacional de que aínda tiñan que xogar un partido contra o Sagrado Corazón de Pontevedra ao recusar a súa eliminación por non ter presentado as fichas obrigatorias dos xogadores nun partido. Cortegoso negaríase en redondo a xogar este partido e non enganar aos rapaces dicíndolles primeiro que eran campións e agora xa non. Asemade, o día que lle puxeron para este partido, os rapaces estaban nunha viaxe de vacacións e el coa selección cadete en Lugo, o que era demasiada coincidencia.

Outro equipo do Volei Aldán, integrado por Cortegoso, Quique, Ramón, Ricardo, Chono, Vizoso, Nido e Carlos. / Arquivo
Nestas circunstancias, Cortegoso plantéxase a sua demisión como adestrador deste deporte, considerando ademais que a reclamación sobre o acontecido cos cadetes en Vigo non prosperou ao alegar o árbitro que non se presentara a ficha de Pacucho, o que non era certo. Nesta altura, despois de catro anos, os equipos de voleibol de Aldán tiñan acumulado xa nas diferentes categorías, un palmarés de catro campionatos provinciais, tres subcampionatos, un campionato de sector, un séptimo posto nos campionatos nacionais, xogadores galardoados e aportación de ata sete xogadores na selección provincial.

Unha formación do Voleibol Aldán. / Arquivo
Os días 23 e 24 de marzo celébrase en Lugo a fase de zona dos III Campionatos Nacionais de seleccións participando a desta cidade, a de León e a de Pontevedra, esta cos xogadores de Aldán Avelino Dacosta, Enrique Vilas, Ramón Alfaya e Gabriel Prieto, que eran a metade do equipo, adestrada por Cortegoso, quen asegura que tamén deixará, pola decepción sufrida, este cargo. A comezos de abril vaise promover un I Trofeo das Rías coa colaboración dos concellos de Bueu, Cangas e Moaña nas modalidades de balonmán, baloncesto e voleibol no que poden participar os colexios públicos e privados e o Instituto de Cangas. Detrás desta promoción estaban Manuel Camiña de Cangas, Julio Fernández de Moaña, o concelleiro de deportes de Bueu e Juan José Cortegoso que aportará dous equipos femininos de voleibol e un de balonmán do colexio de Aldán.
Entre o apoio moral dos afeccionados de Aldán e as conversas coa Federación Provincial, Cortegoso aceptaría xogar o partido co Sagrado Corazón o sábado día 5 de abril en Pontevedra. Nesta ocasión, o equipo infantil formado por Valladares, Portela, Vizoso, Cordeiro, Hermelo, Dacosta, Alfaya, Patiño, García e Taboada gañarían outra vez o campionato provincial por tres sets a un. Na fase de sector, vencerían ao Salesianos de Ourense e xogarían as semifinais en Oviedo, perdendo contra o San Lázaro local. Por outra banda, o equipo xuvenil (en realidade cadete) vencería sorprendentemente ao Sociedad Atlética de Vigo, tendo que se enfrentar na final co potente El Pilar vigués o sábado 3 de maio co que perderon por tres set a cero. Nestas mesmas datas comezaría o Trofeo das Rías, presentando Aldán ao mesmo un novel equipo de Balonmán, que caeu ante o Cangas por escaso marxe e outro de Voleibol no que os rapaces aldaneses venceron aos cangueses.
Esta gran actividade deportiva no colexio levaría a plantexarse a construción dun pavillón cuberto nun terreo donado polos condes de Aldán que tamén prometeron 50.000 pesetas para a obra. O sábado 17 de maio e no Trofeo das Rías, os equipos de balonmán e voleibol enfréntanse cos de Bueu, gañándolles en ambas disciplinas, pero logo perderían co Instituto de Cangas en voleibol que contaba con tres xogadores formados en Aldán.

Durante anos o volei seguiu practicándose en Aldán fóra das instalacións do colexio. / Arquivo
A finais deste mes, Cortegoso sería o encargado de organizar a proba de campo a través do Trofeo das Rías coa participación de rapaces e rapazas de Aldán, Bueu, Cangas e Moaña, saindo do grupo escolar e pasando por Espiñeira, o Molle, Piñeiro ata a chegada á Fontaíña (colexio). Esta tempada dos equipos de Aldán tamén foi de gran actividade deportiva, conseguindo un campionato e dous subcampionatos provinciais, constatándose unha auxe do voleibol con equipos cada vez máis difíciles de bater. No mes de outubro, a sucursal de Aldán da Caixa de Aforros de Vigo vai facerlle unha donación de 10.000 pesetas aos equipos do colexio, destinadas a equipamento e material.
O domingo 16 de novembro comezaría a liga de xuvenís con oito equipos en liza, entre eles o de Aldán pero descoñecemos os resultados. Catro días despois desta data morrería Franco «El Caudillo», comezando un periodo de transición ao sitema democrático que no eido deportivo lle afectaría ao chamado Frente de Juventudes falanxista que tería que deixar de tutelar e monopolizar os distintos deportes xuvenís que se practicaban, ainda que tardarían en deixar os altos cargos que ocupaban.
O xoves día 1 de abril de 1976, o equipo de cadetes vai proclamarse campión provincial ao vencer ao do colexio de Dena por tres sets a cero, o que lles deu a opción a xogar a fase de sector na que non tiveron éxito. Entre o xoves día 27 e o domingo 30 de maio, a Federación Provincial vai organizar en Vigo o chamado Día del Voleibol, competicións valedeiras para o Campionato Provincial, no que Aldán participa nas categorías xuvenil B, cadete e infantil. Nas finais, os de Aldán serían subcampións en infantil, xuvenil e cadete, categoría esta na que Serafín Valladares foi elixido como mellor xogador. A finais de xuño vai empezar por primeira vez en Vigo unha liga de «Voleibol playero» no que se enfrentan equipos de catro xogadores, incluso mixtos. En xullo, esta modalidade pronto se estendeu a outras praias da provincia, incluida a de Menduíña en Aldán onde se celebraron competicións todo o verán.

Campeonatos escolares da tempada 1974/75. / Arquivo do autor
O sábado 11 de decembro, o equipo cadete feminino de Aldán formado por Lucinda, Mª José, Lucía, Loli, Rosa, Dorinda e Milagros abre a liga escolar enfrentándose ao Divino Maestro de Vigo co que perderon nun axustado partido que se dirimiu en cinco sets. Con motivo do referéndum sobre a reforma democrática a celebrar o día quince deste mes, o mestre Juan José Cortegoso foi elixido para formar parte dunha mesa de votación pero fai facer público que como pertence á chamada agora Falange auténtica (Hedillistas), partido que promulgaba a abstención, consideraba unha incongruencia este nomeamento polo que lle solicitaría a sua renuncia á Xunta Electoral.

Palmarés do ano 1977. / Arquivo do autor
O 30 de marzo de 1977, o equipo cadete xogaría a final provincial co Instituto de Pontevedra co que perderían, tendo que conformarse co subcampeonato, igual que o equipo feminino. Días antes, a Selección Provincial clasificaríase en Lugo para o campionato nacional, figurando na mesma os mozos aldaneses Serafín Valladares e Xosé Manuel Hermelo. Para o 7 de maio estaba prevista a celebración en Aldán dun Día del Voleibol local pero tivo que adiarse ao sábado 14 pois Cortegoso e a selección provincial de cadetes, con dous xogadores de Aldán, tiña que se desprazar a Valladolid para disputar as semifinais do Campionato Escolar. O Día do Voleibol comezaría cun primeiro partido de Infantil entre o Aneja de Pontevedra e o Aldán, gañando estes por tres a cero; o partido feminino entre o Calasancias de Pontevedra e as nenas de Aldán decantouse a favor destas por un tres a cero e no de Cadetes, disputado entre o Aneja e os aldaneses, os locais volveron a gañar por tres sets a cero. Pola tarde xogaron os Alevíns, que se impuxeron ao Aneja e dous partidos de Xuvenís, enfrentando no primeiro ao Cisne de Pontevedra co Aldán que foi favorable ao equipo local, tendo que enfrentarse no seguinte ao El Pilar de Vigo, ao que venceron por dous a un a pesar do cansazo acumulado. A xornada rematou coa entrega de trofeos donados por empresas e entidades de Aldán e medallas para os participantes, aportadas polo Concello e a editorial Anaya.

O escudo do Voleibol Maniotas, o actual club de voleibol en Cangas. / Maniotas
O sábado día 11 de xuño varios xogadores cadete e xuvenil de Aldán van formar parte de selección da provincia que se desprazan a Portugal para xogar varios partidos en cidades deste país. No Trofeo El Sport deste ano, que se xogou entre os meses de maio e xuño, os equipos de Aldán obterían os seguintes resultados: 4º posto en xuvenil, 2º en Cadete, 2º en infantil e 2º enaAlevín. O 25 de xullo, o Club de Fútbol Alondras presidido por Antonio Velloso vai inaugurar o pavillón polideportivo de Romarigo que acollería disciplinas deportivas, antes tuteladas polo Frente de Juventudes falanxista, como o balonmán, o baloncesto e incluso o piragüismo. Neste primeiro momento non se inclúe o voleibol, case exclusivo de Aldán, pero o mestre e adestrador Juan José Cortegoso, que se traslada a Sanxenxo, vai conseguir que o presidente do Alondras, Antonio Velloso asuma tamén esta especialidade, acollendo aos equipos de xuvenís e feminino que pasan a chamarse Alondras voleibol, estreándose no Trofeo das Festas do Cristo contra o M. Riego de Vigo.
Así remataría a traxectoria dos rapaces e rapazas do colexio público de Aldán que baixo a tutela dun mestre experto neste deporte do voleibol, alcanzaron altas cotas deportivas nesta especialidade para orgullo dos seus familiares e veciños. Algúns integrantes dos equipos aldaneses seguirían no Alondras a súa traxectoria deportiva, conseguindo en 1978 ser campións provinciais, pasando na liguiña de ascenso en maio á categoría de Seniors.
Nos anos oitenta, os profesores do María Soliño Mª José Ruiz e Manuel Otero reactivarían este deporte participando en ligas escolares e en 1993 constitúese a Asociación Voleibol Cangas da que algúns xogadores e xogadoras van constituir no ano 2007 o Club Maniotas Voleibol que hoxendía mobiliza numerosas xogadoras e xogadores en diversas categorías, precisando xa dun maior apoio económico e infraestrutural para medraren.
Suscríbete para seguir leyendo
- El cuerpo momificado hallado en Monteferro corresponde al de un vecino de Cangas
- Una vecina de Aldán regala a la reina Letizia una mantilla artesanal durante el Día de las Fuerzas Armadas en Vigo
- El Concello de Cangas coloca grandes piedras en la zona de playas para impedir el aparcamiento de turismos y autocaravanas
- Un hombre de 76 años fallece de un infarto mientras paseaba por el centro de Bueu
- Los alumnos de O Morrazo, 'desconcertados' con la cantante Rosalía y con el error en la pregunta de Historia
- El ganador del Premio Johan Carballeira de Poesía renuncia a ser jurado al no aceptarse obras en gallego reintegracionista
- Voluntarios retiran más 600 kilos de residuos de los fondos marinos en la playa de Pescadoira y en la Illa de Ons
- Elevado nivel de frustración