O Voleibol en Aldán I: semblanza de Juan José Cortegoso
Nos anais históricos do deporte no Morrazo sempre nos chamou a atención o florecemento no daquela Colexio Nacional de Aldán, dunha especialidade deportiva minoritaria como foi a do Voleibol. Este feito non tivo nada de espontáneo senón que se debeu á iniciativa e empeño dun mestre, experto técnico e adestrador neste deporte emerxente.

Equipo subcampeon provincial infantil 1972 / Arquivo do autor
Xerardo Dasairas
O Voleibol, ainda que antigo, só levaba practicándose nos colexios da área de Vigo desde 1969, a maioría deles privados, a impulso do Frente de Juventudes franquista.
No ano 1970 xa temos constancia da existencia dun equipo de voleibol feminino no colexio nacional mixto da Laxe de Marín. Este referente lévanos aos anos pretéritos deste deporte pois tivo moito calado entre as féminas e os centros que o promovían pois no mesmo non hai contacto físico entre as xogadoras e, salvo erro nun mate, non hai hai grandes golpes de balón.
Indirectamente, o nacemento do voleibol en Aldán está ligado á construción do novo colexio de EXB nun terreo da Fontaíña, pertencente ao conde de Aldán, que llo tiña cedido ao flamante e exitoso club de fútbol Bahía. Por este motivo, o club, a pesar das promesas dun campo novo, ficaría bastantes anos sen contar cun terreo de xogo. O novo colexio, denominado "Conde de Canalejas" iniciaría as suas clases no curso 1970-71 e entre os mestres asignados ao mesmo estaría o pontevedrés Juan José Cortegoso Freire que se ocuparía da formación dos equipos de Voleibol nun periodo no que o fútbol local se tiña reducido só a equipos infantís e xuvenís.
Cortegoso era ademáis xefe local da OJE, mais a sua actividade neste eido foi máis ben escasa pois a penas organizou unha acampada de tres días para os rapaces en Donón. A sua actividade principal sería o voleibol, disciplina deportiva na que era experto, e neste curso inicial xa comezaría a artellar un equipo infantil. Co inicio do curso en 1971 xa ten formado un equipo alevín e outro infantil que o sábado 30 de outubro se vai foguear xogando contra dous equipos de Pontevedra ao tempo que busca na zona outros rivais para competir. Nos inicios de 1972, o colexio xa vai presentar dous equipos masculinos, un alevín (10-12 anos) e outro infantil (12-14 anos), para competir na Liga provincial cuxos gañadores, despois da eliminatoria galega, pasan a participar nos Xogos Nacionais. Antes do comezo desta competición, a finais de xaneiro, os rapaces de Aldán acoden ao colexio da Enseñanza de Cangas para, cun equipo desdobrado, mostrarlle ás alumnas o regulamento e a dinámica deste deporte.

Equipo de alevíns Trofeo Sport 1973. / Arquivo do autor
Co inicio da Liga de EXB a comezos de febreiro, os equipos alevín e infantil van desprazarse a Vigo para xogar cos seus correspondentes da Caixa de Aforros aos que venceron en ambas categorías. O equipo alevín aldanés estaba integrado por Pacucho, Pepiño, Toucido, Alfaya, Clemente e Germán e o infantil por Javi, Enrique, Avelino, Tutu, Carlos, Novas e José. Neste mesmo mes, Cortegoso vai ser nomeado director do colexio, o que non foi óbice para que seguise, se cabe, con maior dedicación aos equipos de voleibol, restándolle tempo ao seu descanso, xa que a maioría dos partidos xogábanse os sábados e domingos e as pretemporadas incluso en vacacións. Durante o mes de marzo, o equipo infantil vai escalando postos na liga de EXB, vencendo aos equipos da sua zona e gañando a final contra o colexio Tintureira de Coruxo. O 22 de abril enfrentaríanse na final provincial co equipo da escola Aneja de Pontevedra, gañador da zona norte, co que perderían, quedando subcampións. Porén, a comezos de abril os alevíns de Aldán xa tiñan gañado o título provincial ao venceren ao equipo, tamén da escola Aneja da capital. Atendendo a estes éxitos dos equipos locais, a sucursal da Caixa de Aforros vai financiar un sistema de iluminación para a pista de voleibol do colexio, chegando incluso felicitacións de aldaneses emigrados en Suiza pola campaña realizada.
O equipo infantil tamén vai participar no III Trofeo "El Sport", chegando a disputar a semifinal co equipo de "El Pilar" (Maristas) co que perdeu, quedando terceiros. A mediados de agosto, Cortegoso vai abrir unha inscrición de xogadores entre os 14 e os 18 anos para a conformación de dous equipos, un na categoría de Cadetes e outro na de Xuvenís, ainda que esta categoría (16-18 anos) excedía a idade dos alumnos do colexio. A finais de setembro, o equipo infantil do colexio vai xogar un partido de preparación contra o Sociedad Atlética vigués, vencedor do Trofeo "El Sport". Como noutras ocasións, a maior estatura dos rapaces vigueses decantaría o partido ao seu favor, ainda que en técnica foron mellores os de Aldán. Se esta circunstancia, a da altura, comezaba a ser un reto físico para moitos equipos, hai que dicir que nesta ocasión os rapaces vigueses tamén toparon cun atranco máis material ao non poderen nin lavarse pois o colexio ainda carecía de auga corrente, asunto que se resolvería logo grazas á difusión desta vergoñenta situación.

Logo. / Arquivo do autor
Antes de comezar a tempada ligueira, o equipo infantil xogaría outros partidos de preparación contra equipos de Vigo que consideraba rivais directos. O sábado 11 de novembro presentaríase o novo equipo feminino de Aldán, que xogaría o seu primeiro partido contra o Divino Maestro de Teis, un dos mellores da liga feminina e con máis aspiracións de aprender que de gañar. Nesta altura, o voleibol xa tiña alcanzado unha gran expansión e expectación, sobre todo na zona de Vigo con dous equipos en 1ª División aos que adoitaban acudir moitos afeccionados de Aldán e Cangas cando se enfrentaban a equipos como o Real Madrid, o Atlético...Nas formacións do Voleibol Aldándestes anos adoitaban formar os xogadores Antonio Novas, Javi, Carlos Bastón, José Bastón, Pacucho, Avelino, Quique Vilas, Tuto, Ramón de Lupa, Ricardo Bermúdez, Manuel, Carlos Bacelar, Carlos Vizoso, Bienvenido Fernández...
No ano 1973, o voleibol vai alcanzar unha grande expansión pola promoción que do mesmo viñan facendo o Frente de Juventudes, a Sección Femenina e a Federación Galega Sur con campañas de suministro de material bonificado aos equipos. En xaneiro deste ano, e debido á recluta que fixera Cortegoso, confórmase un equipo masculino formado por Javi, Paco, Quique, José, Novas, Pacucho, Tuto, Guimeráns e Avelino, cuxos compoñentes (16-18 anos) xa non están no colexio. Vai xogar na categoría B de Xuvenís e xa comeza vencendo a equipos de Vigo consolidados como o Salesianos, Sta. Cristina, Macabeos, Alba, Dima, Montecastelo, Colegio Hogar, Alerta B e Santiago Apóstol. Desde o inicio da competición, os rapaces de Aldán non abandonaron a cabeza da clasificación, xogando a final provincial co Aneja de Pontevedra ao que venceron por tres a cero.

O alcalde de Cangas Antonio Graña felicitando o 17 de maio de 1974 aos xogadores de Aldán e o seu entrenador, o mestre Cortegoso Freire (dereita) por teren alcanzado o campeonato provincial. / Arquivo do autor
Os outros equipos cos que contaba o colexio eran os de alevíns e infantís masculinos e o feminino de infantís que disputaban a liga provincial de EXB na que participaban colexios de Sanxenxo e Vilagarcía e este ano tamén os de Reibón e Cobres. Os éxitos destes equipos aldaneses tamén eran notorios, ainda que escasea a información sobre os mesmos, sabendo que nestas datas o equipo feminino infantil estaba formado por: Toñita, Novas, Villar, Sagrario, Lages, Guimeráns, Soliño, Álvarez e Luisa que bateron ao potente equipo do colexio da Laxe de Marín tendo que xogaren un partido de desempate que lle deu o título ás marinenses.
Cortegoso, seleccionador provincial
Neste ano, a comezos de maio empeza o IV Trofeo "El Sport" no que Aldán participa con alevíns, infantís (tamén feminino) e xuvenís. A pesar do bo papel que xogaron os equipos de Aldán, só os alevíns conseguiron chegar á final neste torneo e no provincial de EXB tendo que enfrentarse ao El Pilar vigués. Como os rivais eran os mesmos, pactaron xogar estas finais no torneo de Vigo, vencendo os alevíns aldaneses por 2 a 1, proclamándose campións do Trofeo "El Sport" e máis do provincial. Os éxitos dos equipos de Aldán, atraeron en maio deste ano a atención da Federación sobre o seu preparador Juan José Cortegoso a quen van nomear seleccionador provincial para artellar un equipo de infantís que representase á provincia nos Xogos Nacionais que se celebrarían en Cádiz, ao tempo que a comezos de xullo lle concedían unha placa ao Mérito Deportivo. Neste mesmo mes, Cortegoso parte cara a terras gaditanas cunha selección infantil formada por cinco xogadores do Sagrado Corazón de Pontevedra, un do El Pilar vigués, Roberto do Domaio e Avelino Dacosta do Aldán, alcanzando un honroso décimo posto a nivel nacional. Durante os últimos meses deste ano 73, vanse realizar os típicos partidos de preparación, habendo tamén algúns de promoción para certos equipos.
Despois de gañar o pasado ano o campionato provincial en alevíns e infantís, os equipos de Aldán encaran en xaneiro do 1974, despois das vacacións de Nadal, uns novos Xogos Escolares, incorporándose na zona, ademáis de Aldán, outros equipos do Morrazo como o Beluso ou Moaña en alevíns e infantís e en cadetes o Beluso e o Instituto de Cangas que tiña que xogar en Aldán por carecer de pista. Nestes primeiros partidos contra equipos da contorna, os de Aldán foron os vencedores, recibindo ademáis a noticia de que a Federación Provincial de Voleibol tiña nomeado a Avelino Dacosta Prieto do equipo infantil aldanés, como mellor xogador da provincia. Nestas datas, o apoio dos aldaneses a estes equipos xa era moi notorio e a un encontro dos xuvenís en Pontevedra contra o Cisne, acudiron dous autocares repletos de afeccionados para animar ao seu equipo.
O sábado 2 de marzo o equipo infantil de Aldán enfrentábase nos cuartos de final co Colexio Hogar de Vigo ao que venceu por un contundente 3-0, mais os vigueses, ao verse apabullados, optaron por reclamar que o capitán dos aldaneses, Enrique Vilas, non tiña a idade para xogar nesa categoría. Evidentemente, a reclamación non prosperou pero o señor Cortegoso manifestaría o seu malestar por considerar que se cuestionou a sua honradez deportiva. Poucos días despois, Cortegoso deixaría o cargo de director do colexio sendo sustituido por Felisa Rodríguez Guede ainda que continuaría co seu labor de promotor e adestrador dos alumnos de Aldán na práctica do voleibol.
O sábado 30 de marzo, despois de gañar o campeonato de zona competindo cos colexios de Beluso e Moaña e co Tintureira, Caja de Ahorros e El Pilar de Vigo, o equipo infantil de Aldán vai xogar a final provincial en Marín contra o Sagrado Corazón de Pontevedra. De Aldán sairían esta vez, tres autocares para apoiar ao equipo formado por Quique, Ramón, Ricardo, Carlos, Vizoso, Valladares e Nido, que nun disputado partido, vencería por tres a cero aos seus rivais. Este trunfo levaríaos a xogar en Lugo a comezos de maio, a fase de sector contra equipos das outras provincias galegas, Asturias e León, previa á nacional. Por outra banda, o equipo Cadete proclamaríase campión da zona sur da provincia pero caería ante o Sagrado Corazón na fase provincial.
A principios de maio, como en anos anteriores, comezaría en Vigo o V Trofeo El Sport pero neste ano non participarían os equipos de Aldán xa que dous días antes partira cara a Lugo Cortegoso co equipo infantil. Despois de eliminaren a potentes equipos de Xixón e da Coruña, o equipo infantil aldanés proclamaríase campión do sector vencendo na final ao Seminario Menor de Lugo, obtendo praza para a fase nacional a celebrar en Soria. Nesta fase estatal vencerían a potentes equipos doutras zonas pero tamén se enfrentaron a rivais superiores, conseguindo finalmente un meritorio séptimo posto.

Avelino Dacosta. / Arquivo do autor
A finais de xuño, con motivo do fin de curso, xogaríase na pista do colexio un Trofeo, donado pola editorial Anaya, entre os infantís de Aldán e o Sagrado Corazón de Pontevedra con resultado de tres a cero favorable aos locais. No primeiro fin de semana de xullo, Cortegoso, como seleccionador provincial, vai entrenar en Aldán aos rapaces da categoría Cadete, incluindo nela aos xogadores locais Avelino Dacosta e Francisco Javier Prieto, que van participar no Campionato de España a celebrar en Xixón entre o 15 e o 31 deste mes, tentando mellorar o 10º posto obtido o ano anterior en Cádiz. O sábado día 6 de xullo e na III Gala da Xuventude celebrada en Pontevedra, Avelino Dacosta do equipo de Aldán, recibiría o premio como mellor xogador xuvenil de voleibol da provincia.
En decembro comezan os XXVII Xogos Escolares Nacionais e coa apertura de novos colexios de EXB coas suas correspondentes pistas deportivas, o Morrazo vaise converter en nova zona de competicións escolares de balonmán, fútbol e voleibol en varias categorías. Estes xogos tiveron duas fases, unha antes e outra despois das celebracións de Nadal, reanudándose en xaneiro do 1975. No fin de semana do 21 e 22 de decembro, a selección Cadete de Pontevedra, adestrada por Cortegoso, vaille gañar na Coruña ás das outras tres provincias, pasando así ao seguinte sector. Dos oito xogadores desta selección, Vilas Bacelar, Prieto Bacelar, Bermúdez Campos e Moncho Alfaya eran de Aldán.

Referentes no voleibol / Arquivo do autor
Suscríbete para seguir leyendo
- El Concello de Cangas coloca grandes piedras en la zona de playas para impedir el aparcamiento de turismos y autocaravanas
- Aparece, en perfecto estado, la joven que la Policía de Moaña buscaba desde la noche del martes
- Buscan a una joven de 19 años de Moaña desaparecida desde el martes
- Un hombre de 76 años fallece de un infarto mientras paseaba por el centro de Bueu
- Una mujer de Vilanova de Arousa busca en Cangas a la familia de la hija que su abuelo tuvo fuera del matrimonio
- El ganador del Premio Johan Carballeira de Poesía renuncia a ser jurado al no aceptarse obras en gallego reintegracionista
- Voluntarios retiran más 600 kilos de residuos de los fondos marinos en la playa de Pescadoira y en la Illa de Ons
- La basura de la «casa Diógenes» en la que falleció una mujer de Moaña inunda el patio de una vecina hasta la ventana