Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

50 anos da primeira festa de Bronlle en Meira

A festa na carballeira cumpre medio século e Pepe Sequeiros, un dos seus fundadores e organizador desde 1976 a 2000 fai historia nesta colaboración

Están gravando un documental de actuacións que se vai estrear en xuño

50 anos da primeira festa de Bronlle en Meira

Arquivo Pepe Sequeiros

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Pepe Sequeiros

Moaña

Era o ano 1976, inicio da Transición Política. Tempo de grande fervedura político-social, abríanse grandes expectativas e tamén grandes incertidumes. Reunidos nunha sala da Casa Reitoral de Meira, un grupo de mozos/as, que conformábamos a Asociación Cultural A Canle, acordamos facer unha festa na fermosa e entrañable carballeira de Bronlle, pertencente á Igrexa. Contabamos coa total colaboración do crego parroquial daquela época, D. Manuel Duarte. Puxémonos en marcha e en pouco tempo organizouse todo, sobraban ganas e ilusión aínda que faltaban recursos económicos, vaia, que non había un duro, e esta eiva superámola solicitando    colaboración, apelando á vontade de certas persoas. Así, un electricista prestounos un cable para levar a corriente desde a Casa Reitoral até a carballeira para conectar un equipo de son. Para que soara a gaita, recurrimos a un coñecido gaiteiro do Redondo, Budiño, e houbo que buscar quen o acompañara cun tambor. Unha sardiñada con viño do país, un xantar en comunidade, representación teatral e algunha que outra actuación conformaron o humilde programa da primeira festa. Os únicos ingresos viñeron dunha cantina e dunha rifa improvisada.

O mago Antón en 1989.

O mago Antón en 1989. / Arquivo do autor

A pesares da modestia desa primeira festa, a idea quedou expresada e foi moi ben acollida por parte da veciñanza. Tal foi así que ao ano seguinte xa nos atrevemos a ir polas casas a pedir un donativo. Isto permitiu mellorar a festa en todos os aspectos. Programas con grupos xa formais de gaiteiros, de danza, de teatro, músicos e cantantes do Movemento Popular de Canción Galega. Un artista que brillou con luz propia naqueles primeiros anos foi O Mago Antón, coñecido daquela como Antón López, que encantaba ao público cos seus números de maxia e os diálogos co boneco Facundo.

Un cartel da festa de 1980.

Un cartel da festa de 1980. / Arquivo do autor

O inicio da década dos oitenta supón un salto cualitativo moi considerábel.  A festa gañaba afluencia e prestixio. A carballeira converteuse nun escenario natural onde á sombra dos vellos carballos os artistas do momento, algúns de talla internacional, nos deleitaron e nos deixaron gravado no maxín momentos inesquecíbeis. Actuacións sonadas como as de Fausto, Fuxan os Ventos, Xocaloma, Uxía, A Roda… con cheos que desbordaron a carballeira como con Xil Rios ou Milladoiro. Non faltaba o humor con Carlos o Xestal, Farruco, Paco Mi Vida, Somoza ou os regueifeiros. Música e danza tradicional a cargo dos grupos locais e tamén de fóra, ranchos de Portugal, bandas de música, guiñoles, grupos rock e un longo elenco de artistas que animaron a festa nesa primeira xeira que vai desde 1976 ao ano 2000. Na década dos 90 introduciuse un motivo gastronómico cal foi o asado ao espeto, un estilo que importaron os nosos emigrantes da Arxentina, aportando un aliciente máis á festa.

Público na festa en 1990.

Público na festa en 1990. / Arquivo do autor

Ao se cumpriren cincuenta anos do seu nacemento, coido que é un bo momento para lle adicar unha lembranza e celebrar que a festa foi un canto á nosa identidade galega, promovendo o idioma e a cultura nun intre histórico crítico. Atrévome a afirmar que Bronlle tamén foi unha festa transgresora   para a mentalidade daquela época, ao prescindir de calquera simboloxía relixiosa e, ademáis, un acto innovador ao propoñer ideas novas e dignificar a tradición tan mal tratada naqueles tempos. Todo isto produto da iniciativa dunha mocedade conscientemente comprometida co seu tempo, algo do que nos debemos sentir moi orgullosos.

As cámaras de video

Na década dos 90, grazas á chegada das cámaras analóxicas de video, poidemos gravar algo da festa e menos mal porque dos primeiros 15 anos apenas quedaron unhas cantas fotos e carteis, unha grande eiva que xa non ten remedio. Nesta intre está en proceso de edición un documental, cunha duración de 45 minutos, que recolle unha selección de actuacións musicais, humor, danza, ambiente e a homenaxe a D Manuel Duarte. Pretende ser unha mostra do que foi a festa de Bronlle naquela etapa, que nos permita rememorar momentos con nostalxia, emoción e ledicia. Algúns veranse cuns cantos anos menos e tamén veremos aos que xa non están. A estrea, está por concretar a data, será no local do Clube de Xubilados de Meira no mes de xuño. Pretende ser unha celebración con música en directo e un final moi orixinal. Xa está circulando un tráiler con moi boa acollida e que está creando expectación. Finalmente decir que está creada unha conta en youtube (Lembrando Bronlle) onde xa está o tráiler e tamén estará o documental cando rematen as proxeccións públicas. Así que ninguén se preocupe se non pode asistir ás proxeccións e está interesado en ver o documental, pois vai ter a oportunidade de velo cando queira por youtube.

Suscríbete para seguir leyendo

TEMAS

Tracking Pixel Contents